Investigadores da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra crean un mapa actualizable da situación da biomasa forestal
Investigadores da EEF de Pontevedra crear un mapa actualizable para estudar a situación de combustible e así poder actuar sobre o mesmo para reducir a intensidade dos incendios
Un dos principais problemas que se atopan os dispositivos de prevención e extinción de incendios é planificar a prevención ou prognosticar como será o comportamento dun incendio, debido aos factores que inflúen no mesmo. Ante esta necesidade xurdiu a idea de crear mapas de combustibles actualizables e operativos. Todo iso recóllese no artigo ‘Mapa do modelo de combustible operativo para paisaxes do Atlántico utilizando imaxes ALS e Sentinel-2’.
Juan Picos e Julia Armesto, ambos da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra (Universidade de Vigo), explican que a meteoroloxía se pode observar, aínda que non se controla, a topografía “é a que é” e “o único que se pode cambiar é o combustible”, pero até o momento era difícil cartografiar. Ante isto, “vimos que necesitabamos mapas de combustibles que se puidesen actualizar de maneira operativa e fiable para traballar sobre a situación”. Con todas as ferramentas de proxectos que están en marcha, coma o convenio para o desenvolvemento do Inventario Forestal Continuo de Galicia, en execución conxuntamente coa Xunta de Galicia e a USC, o proxecto Paleointerfaz, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, ou o proxecto Interreg FIREPOCTEP, presentaron a proposta para obter unha cartografía actualizable da zona do Baixo Miño.
“A referencia cartográfica que temos en Galicia para os combustibles vén do mapa forestal que está publicado para todo o territorio. En Galicia este mapa data do ano 2011, pero o territorio cambiou”, comenta Armesto. Detalla que aproximadamente un 3 % do territorio de Galicia cambia cada ano (por curtas, incendios, podas). Toda esa información xa quedaba afastada para poder manexar eses modelos de combustible de cara aos servizos de extinción ou o persoal que traballa en materia de prevención e extinción de incendios. “Sabendo que hai unha explosión de ferramentas e tecnoloxías cartográficas levounos a explorar as tecnoloxías que temos dispoñibles que nos están dando datos sobre o territorio”, indica. Engade que a finalidade era tratar de desenvolver unha metodoloxía para identificar combustibles actualizados, que describan mellor a situación que se poden atopar nestes momentos.
Segundo os expertos, os combustibles describen o comportamento da vexetación fronte ao lume, como se comporta en termos de velocidade de propagación do lume, de intensidade calorífica e lonxitude de chama, que son os principais descriptores que dan os modelos de combustible. “A idea era documentar o estado dos combustibles actuais da maneira máis actualizada posible para poder simular potenciais actuacións”, recalca Armesto. Ambos destacan que o máis complexo do traballo era identificar os combustibles a unha escala grande, tendo en conta que toda Galicia ten máis de 3 millóns de hectáreas de arbolado.
Modelos de combustible
Os investigadores traballaron cos modelos de combustible de Rothermel (conxunto de situacións de combustibles para as cales hai descritas unhas ecuacións de como se comporta unha situación). Os modelos son os máis comúns e habitualmente utilizados no software de simulación de incendios. Estes simuladores utilízanse para estudar o lume integrando as tres variables: topografía, vexetación e meteoroloxía. “O que queriamos era irnos a uns modelos que se poidan utilizar nun simulador de maneira práctica, que se poidan traballar con eles de maneira operacional”.
Os modelos corresponden a masas arboradas, outros a masa de matogueira e outros de curtas recentes, pastos de cultivo etc. e cada unha desas tipoloxías ten un comportamento diferenciado fronte aos incendios. En canto a matogueiras, os modelos distinguen matogueira alta (que superan un limiar de altura) e matogueira baixa. “Ao superar o limiar de altura enténdese que teñen a cantidade de biomasa suficiente para ter un determinado comportamento desfavorable fronte ao lume, máis difícil en termos de extinción”, expoñen. En canto aos modelos de arborado, distinguen entre os que teñen continuidade vertical na cantidade de biomasa e os que teñen descontinuidade vertical. Nos primeiros, o lume chega ata as copas e xérase unha situación desfavorable, xa que toda a masa presente contribúe á propagación do incendio.
“A conclusión é que modelos de matogueira baixa e de continuidade vertical son desfavorables e a porcentaxe que supoñen suma un 32,9 % da superficie do Baixo Miño, é dicir, un terzo desta superficie é desfavorable ao lume”, subliñan Picos e Armesto. Engaden que por iso é importante identificar onde se atopan estas masas para poder modificar o tipo de combustible e previr así os incendios altamente perigosos.
Baixo custo e validación do proxecto
Un dos puntos no que están a traballar é na validación co persoal que está diante dos incendios. “É importante contrastalo cos técnicos que traballan no campo, que poidan buscar as dificultades que se atopan na clasificación e se realmente lles resulta óptimo para o seu traballo este mapa cartográfico”, aclaran. Para iso, transferiron todo o deseñado á Consellería de Medio Rural e ?estamos a esperar o seu input de volta, que é moi valioso para nós”.
Outra característica importante que resaltan é que estes mapas se poden obter ?con custos razoables?, que era unha das finalidades do traballo. “Se as actualizacións tivesen uns custos elevados, aínda que fosen posibles, na práctica non se utilizarían”.
O traballo continuará ampliándose, xa que se realizou primeiramente no Baixo Miño e actualmente atópanse xa traballando en toda a área de costa. “Co voo que vai realizar o Ministerio con Lidar facilitaranos moito todo o traballo”, indican e engaden que a finais do próximo ano xa poderían ampliar toda a información para ter un mapa de Galicia completo.