Nematodo screen: unha nova fórmula para seleccionar por presenza e susceptibilidade a este parásito
Este proxecto aprobado por AGACAL e levado a cabo entre Madera Plus e o CIF Lourizán ten como obxectivo a utilización da espectroscopía de infravermello cercano para caracterizar a susceptibilidade ao ataque, así como para detectar a presenza do nemátodo
O programa de mellora de Pinus Pinaster de Galicia, desenvolto no Centro de Investigación Forestal (CIF) Lourizán, xa incluía a susceptibilidade ao nemátodo pero realizándose nunhas instalacións específicas, impedindo facelo a escala ou en árbores de campo. Coa intención de mellorar a detección do parásito, e abaratar costes no proceso de detección da praga, Madera Plus, en colaboración con Lourizán, iniciaron o proxecto ‘Nematodo-Screen: infravermello cercano para testar o uso desta tecnoloxía portátil para seleccionar por presenza e susceptibilidade ao nemátodo’.
O obxectivo xeral do proxecto é utilizar un equipo portátil de espectroscopía de infravermello cercano de forma directa sobre a planta para caracterizar a susceptibilidade ao ataque e detectar a presenza de nemátodo. “Isto require primeiramente de demostrar a viabilidade da tecnoloxía NIR portátil para o fenotipado sobre plantas de dúas savias de Pinus Pinaster, así como validar a eficiencia de dita tecnoloxía para ‘screening’ do material xenético e comprobar a funcionalidade técnica en árbores adultas para coñecer a capacidade discriminatoria en campo”, avanzan desde Madera Plus.
Material e métodos
A metodoloxía para desenvolver o proxecto ‘Nematodo-Screen’ partiu de tres ensaios de inoculación en condicións controladas nos invernadoiros do CIF Lourizán. Inoculáronse 25 familias de Pinus pinaster, e un total de 495 plantas, das cales, 375 inoculáronse con Bursaphelenchus Xylophilus, e as restantes 125 con auga destilada.
“Antes da inoculación e durante a evolución do desenvolvemento do patóxeno capturáronse máis de 10.000 espectros nas plantas co equipo portátil NIR de espectroscopía de infravermello cercano. No caso das árbores adultas, a toma de mostras fíxose sobre cores de madeira”, detallan desde a empresa impulsora.
A continuación, “a análise quimiométrica relacionou os datos espectrais cos resultados de inoculación e grado de afección. Igualmente, coa análise de compoñentes principais (PCA) e ca análise discriminante (LDA) elaboráronse os modelos predictivos e as matrices de confusión”, explican.
Resultados
Un dos principais resultados obtidos foi a “demostración da capacidade técnica para identificar a presenza de nemátodo nunha planta previamente inoculada, cun 85% de acerto, e ademais, atopouse unha diferenciación espectral sobre plantas entre dúas series de familias de piñeiro, tanto con alta como con baixa sintomatoloxía, cun 90% de acerto”, avanzaron desde Madera Plus. Igualmente, “existe unha lixeira diferenciación espectral en mostras de madeira de árbore adulta naquelas familias identificadas por alta e baixa susceptibilidade”, detallaron.
Aínda así, debido a incidencias de altas temperaturas dentro do invernadoiro, no marco deste proxecto non foi posible levar a cabo unha selección xenética por susceptibilidade á praga por mor da alta mortalidade da planta.
Impacto do proxecto
“Esta investigación pode ter unha repercusión nos obxectivos de desenvolvemento sostible en tres dimensiós: social, económica e ambiental. No primeiro apartado, a innovación proposta permite a incorporación tecnolóxica no sector forestal, así como a posibilidade de poder ofrecer este servizo, cuestión que repercutirá de forma beneficiosa no mantemento e creación de postos de traballo”, sinalan.
A nivel económico, “o uso desta tecnoloxía supón un abaratamento dos costes e fai posible a apertura dun novo nicho de mercado nesta liña dentro de Madera Plus”, engaden. Finalmente, no apartado medioambiental “tamén supón un respaldo para a adopción de medidas urxentes para combatir o cambio climático xa que é unha ferramenta que permite o control dunha das plagas con maior presencia”, conclúen.
Este proxecto cofinanciouno a Unión europea, o Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación do Gobeerno de España e a Axencia Galega de Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia.