“Se tras unha corta de madeira se retiran as ramas, minimízase a función das plantacións forestais como sumidoiros de carbono”
Elena García Campos estudou como a forestación de terreos agrícolas afectan ao carbono orgánico lábil e á actividade microbiana do chan en zonas do Tambre e do Ulla
‘Impacto da forestación de terreos agrícolas sobre o carbono orgánico lábil e a actividade microbiana do chan’ é o título da tese doutoral de Elena García Campos. Esta investigadora é licenciada en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e tamén realizou un máster en Medio Ambiente e Recursos Naturais na mesma universidade. Desde 2007 desenvolve o seu labor no Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), onde foi auxiliar de investigación no Instituto de Biomedicina de Valencia e axudante de investigación no Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (actual sede en Santiago da Misión Biolóxica de Galicia). Desde 2023 é especialista de prevención na área de prevención de riscos laborais do CSIC.
Recentemente, obtivo o título de doutora pola USC coa tese doutoral, realizada baixo a dirección de María de Carmen Trasar Cepeda da Misión Biolóxica de Galicia (MBG). Nesta entrevista explica como se desenvolveu a investigación e cales son as principais conclusións.
– Onde se levou a cabo a investigación?
Estudáronse 62 parcelas, 37 forestadas e 25 campos de millo, con diferentes especies, maioritariamente chopos, pero tamén piñeiros, arces etc. e parcelas moi próximas ás anteriores que mantiñan o cultivo previo de millo. Estas parcelas atópanse nas concas dos ríos Tambre e Ulla. No estudo centrámonos nesta zona pola súa proximidade a Santiago de Compostela, que é onde se analizaron as mostras de chan recollidas.
– Como se desenvolveu?
Nos períodos previos á colleita de millo, tomáronse mostra dos primeiros 10 cm de cada unha das parcelas, deste xeito minimizábase a influencia das tarefas agrícolas nas parcelas de cultivo. As características xerais, como posición topográfica, tamaño da parcela, idade e xestión da forestación (limpeza ou non do sotobosque e os restos forestais) ou especie forestal empregada, eran moi diversas.
Para que un chan teña un papel importante na acumulación de carbono debería ter un baixo contido de carbono previo
Despois, nos laboratorios da MBG e a facultade de Farmacia (USC) caracterizáronse determinando as súas propiedades xerais (carbono e nitróxeno total, pH, clase textural, densidade, contidos en ferro, aluminio e fósforo), estudáronse diferentes formas de carbono extraídas con diferentes disolucións (sulfato potásico, auga, acedo sulfúrico ou permanganato potásico), o que nos permite establecer a labilidade da materia orgánica das mostras. Ademais, determinouse o contido en biomasa microbiana e a respiración xerada en incubacións de 10 días.
Do conxunto de 37 parellas de parcelas cultivo-forestación, seleccionáronse dúas parellas (en Laraño e Pontevea) con características similares de posición topográfica, condicións climatolóxicas e material xeolóxico, aínda que se diferenciaban na rotación do cultivo de millo (millo-prado ou millo-barbeito). Estas catro parcelas estudáronse en profundidade.
– Cales son as principais conclusións que se obtiveron?
Non se atoparon diferenzas significativas para as propiedades analizadas, o cal estaría relacionado coa diversidade de características de sitio das parcelas. Aínda que cando se analizan individualmente o parellas cultivo-forestación tras o cambio de uso increméntase a materia orgánica, a biomasa microbiana, pero estes microorganismos atópanse nunha situación menos estresante posto que respiran menos.
No estudo en profundidade, a materia orgánica, os microorganismos e a súa actividade concéntrase nos 40 cm superiores, aínda que nas parcelas cultivadas os valores son homoxéneos polo arado destes chans mentres que o non realizar esta tarefa agrícola fai que os valores das propiedades se estratifiquen nas parcelas forestadas. Esta estratificación é máis marcada na forestación e con formas máis recalcitrantes en profundidade tras a rotación millo-barbeito que tras a rotación millo-prado.
– Indícase que “a xestión dos bosques forestados e as características e uso previos dos chans condiciona o comportamento dos solos como sumidoiros de carbono”. Que cambios habería que aplicar na xestión dos bosques forestados?
Tras o cambio de uso de cultivo a forestación, presuponse un incremento do carbono. Con todo, cos estudos realizados na tese comprobouse que, a retirada do sotobosque e dos restos forestais provenientes das árbores, en chans cun contido máis elevado de carbono previo e canto menos tempo transcorra desde a plantación, orixina que o papel como sumidoiro dun chan sexa menos relevante. Por tanto, para que un solo teña un papel importante na acumulación de carbono debería ter un baixo contido de carbono previo, pero de forma natural soportar vexetación forestal, non debe realizarse exportación da materia orgánica superficial e a forestación debe manterse no tempo.
A principal problemática da zona estudada son as zonas a forestar, que están próximas a canles fluviais e teñen unha alta produtividade agrícola
– Na súa falta, que alternativas se propoñen para transformar os terreos marxinais e que permitan contribuír á loita contra o cambio climático?
O cambio de uso de terreos marxinais en bosques debería basearse na potenciación de sementeiros naturais. É dicir, as zonas forestais xa establecidas deberían forestar de forma natural estes terreos marxinais próximos. Ademais, a xestión tras o establecemento da vexetación forestal debe ser mínima, polo que podería cortarse o sotobosque, pero debería manterse na superficie do chan para que a descomposición deste e os restos forestais se incorporen ao solo.
– En Galicia, a forestación é un problema?
Non podo afirmar que a forestación sexa un problema de forma xeral, posto que non coñezo a xestión que se realizou noutras zonas de Galicia. Na zona que estudamos, a problemática máis importante das parcelas analizadas na tese é a selección de zonas a forestar, moi próximas a canles fluviais e con alta produtividade agrícola, as cales de forma natural non serían bosques. Ademais, maioritariamente a especie empregada foi chopo (Populus sp.), unha especie de crecemento rápido pero que non se adecua aos chans nin ás condicións climáticas da zona.
No caso concreto do eucalipto, detecta algunha incidencia sobre o carbono orgánico lábil e a actividade microbiana do chan?
Nas parcelas forestadas da tese non se ten estudado o emprego como especie forestada ningunha pertencente ao xénero Eucaliptus. As forestaciones foron cambios de uso subvencionados polas Administracións desde principios dos anos 90 coa publicación pola Unión Europea do Regulamento 2080/1992. Xa naquel momento, asumíase o compromiso de manter a forestación, para poder recibir a subvención e conservala, polo menos, 25 anos.
– As plantacións forestais en Galicia de eucalipto nitens teñen ciclos de curta cada vez máis curtos, duns 10 a 12 anos, e a isto temos que engadir que nos últimos anos despois das curtas tamén se están retirando do monte as ramas e demais restos para a súa queima en Greenalia. Como incide isto sobre o carbono orgánico do chan e sobre a actividade microbiana do mesmo?
Na miña tese non se analizou o efecto do Eucaliptus nitens sobre os chans, pero cabe detallar que as plantacións de Eucaliptus nitens son as materias primas de industrias como as papeleiras e o uso dos restos forestais orixinados nas plantacións leva á produción de enerxía por combustión dos mesmos. Estes usos son lexítimos, pero as actividades que supoñen implican unha intervención sobre os chans que leva a unha mineralización da materia orgánica e unha maior respiración dos microorganismos, coa consecuente emisión de CO2 á atmosfera. Tamén a curta e exportación das ramas implica que a fixación de carbono nos chans minimízase posto que se retira a fonte de incorporación ao chan para inmovilización de carbono.
Paréceme interesante que as actividades produtivas que levan a emisión de carbono á atmosfera as compensen coa creación de sumidoiros
– Que medidas se deberían implementar para conservar a fertilidade dos solos forestais en Galicia?
A fertilidade dos chans está relacionada coa materia orgánica e os solos galegos teñen unhas porcentaxes moi superiores aos do resto da Península. O mantemento da materia orgánica está relacionado coa achega da mesma, co abonado nos chans agrícolas ou permitir a incorporación dos restos forestais provenientes da cobertura arbórea nos solos de bosque. O pH é un factor fundamental, posto que os chans galegos son acedos e este pH mantén a unión materia orgánica-aluminio, pero se subimos o pH chegando a un valor de 6, precipítase o aluminio polo que xa non sería tóxico e a materia orgánica estaría dispoñible para as plantas e os microorganismos.
– A compra de carbono podería ser unha solución para eses ‘sumidoiros de carbono’?
Paréceme interesante que as actividades produtivas que levan a emisión de carbono á atmosfera as compensen coa creación de sumidoiros. Desde a publicación do protocolo de Kioto e os seguintes acordos internacionais procurouse esta compensación, tentando diminuír as emisións e potenciando diferentes procesos sumidoiros (trampas xeolóxicas, biomasa forestal e fixación nos chans). É importante que para combater o cambio climático se realice unha acción conxunta internacional, aínda que as accións a pequena escala son a base.
– Actualmente está participando nalgunha outra investigación?
Non, actualmente traballo no Servizo de Prevención de Riscos Laborais do CSIC. Aínda que ata o ano pasado traballei noutros proxectos relacionados con contaminantes emerxentes (antibióticos de uso veterinario e humano) e a afectación dos mesmos sobre a microbiota edáfica.