A Intelixencia Artificial mellora a planificación e produción do sector cárnico
O Clúster Alimentario aborda a necesidade do sector mediante a recollida de datos, sensorización e visualización de indicadores clave nunha ferramenta única
MEATwin é o proxecto que aborda a necesidade do sector cárnico de mellorar a planificación e produción. Baséase na investigación industrial en diferentes tecnoloxías de Intelixencia Artificial (IA), modelado e analítica de procesos e datos e visión hiperespectral. Posteriormente integrarase nun xemelo dixital que sirva como ferramenta de planificación da produción nas empresas do sector cárnico. A iniciativa está coordinada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga).
A finalidade do proxecto é integrar tecnoloxías de recollida de datos, sensorización e visualización de indicadores chave nunha ferramenta que permita facer un uso integrado delas. A grande aposta de MEATwin reside na implantación efectiva da ferramenta no sector debido á flexibilidade da mesma. Así, grazas ao emprego dun xemelo dixital baseado en IA, conseguirase unha solución transversal ao sector, que facilitará ás pemes o acceso a tecnoloxías dixitais de despregamento rápido e as dirixirá cara a máxima eficiencia dos seus procesos. MEATwin impulsará o sector cárnico ao permitir ás empresas tomar mellores e máis áxiles decisións nos seus procesos.
O proxecto recibe financiación da convocatoria 2023 de apoio a Agrupacións Empresariais Innovadoras (AEI) do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo (Mincotur). Conta para a súa execución cun consorcio composto por catro empresas tecnolóxicas (Norlean, TripleAlpha, Kaizen Institute e RIA 21), dous centros tecnolóxicos (ANFACO-CECOPESCA e Fundación Centro Tecnolóxico da Carne) e unha empresa alimentaria do sector cárnico (Jamones González).