“Cando se fala de I+D+i lácteo, a industria ten que entender que o sector empeza no gandeiro”

Medrar é unha das poucas consultoras privadas especializadas en innovación no sector lácteo e coordina o PERTE Agroalimentario, no que participan varias industrias e queixerías galegas. Falamos con Hugo Criado, o seu CEO, que defende a necesidade de integrar aos produtores nos fondos e proxectos de I+D+i

Hugo, na gandería SAT As Pandas de Vilalba, unha das explotacións nas que traballou durante a súa etapa de veterinario

Hugo, na gandería SAT As Pandas de Vilalba, unha das explotacións nas que traballou durante a súa etapa de veterinario clínico

Hugo Criado (Vilalba, 1984) é o CEO de Medrar, unha consultora agroalimentaria especializada en proxectos de I+D+i que desenvolve a súa labor en sectores como o lácteo, o cárnico, o da horta, o vitivinícola ou o forestal, buscando dar solución tanto aos retos das industrias como aos dos produtores, facéndolles traballar en conxunto.

Tras estudar Veterinaria en Lugo e despois de exercer durante 4 anos como veterinario clínico polas granxas da Terra Chá, Hugo decidiu no 2018, xunto a outros socios, crear unha consultora coa que ir máis aló do simple asesoramento básico para o día a día, cunha estratexia baseada na “innovación colaborativa e aberta”.

Por iso, queren que todo o sector os vexa como “aliados”, tanto as industrias e produtores, como o resto de empresas que prestan servizos de asesoramento nas granxas. “Tratamos de integrar as necesidades do agro coas solucións que xa hai ou que é necesario desenvolver”, din.

Queremos levar a cabo proxectos que teñan impacto real no sector

A súa función é tamén complementaria á das universidades, fundacións ou centros tecnolóxicos de carácter público onde se xera coñecemento agrario. “Somos unha consultoría agrotech especializada en transferencia de coñecemento e queremos levar a cabo proxectos que teñan impacto real no sector”, aseguran.

Desenvolvemento baseado na transferencia do coñecemento
Medrar ten oficinas en Vilalba e en Lugo e Hugo pon en valor o feito de estar nunha das principais comarcas gandeiras de Galicia. “Coñecemos a idiosincrasia do sector e tamén as súas necesidades de primeira man”, afirma.

Hugo evidencia que Galicia constitúe un verdadeiro polo de desenvolvemento en ámbitos como o lácteo, debido ao peso tanto das explotacións como das industrias de transformación asentadas na comunidade e defende que “o futuro ten que vir da man do coñecemento e a innovación”.

“O gran reto é como achegar o coñecemento que xa hai nas universidades, centros tecnolóxicos ou empresas ás necesidades que presenta o sector, entendendo que o sector empeza no gandeiro, pero nin sequera no tanque do leite, senón na finca do gandeiro, porque todo o que fai no solo das súas parcelas é importante despois no vaso de leite, no iogur ou no queixo que leva á súa boca o consumidor”, razoa.

“A transferencia do coñecemento ao produtor debería ter sido a base do sistema de I+D+i agroalimentario desde os seus inicios, pero até o de agora non se lle prestou atención a iso, pensouse que simplemente se ía lograr por inercia, pero é moi difícil, porque as Universidades, as industrias e os produtores son mundos que conviven pero que non se falan adecuadamente porque teñen ritmos e idiomas diferentes”, argumenta.

Un dos obxectivos de Medrar é sentar na mesma mesa a todo o ecosistema de innovación agraria que hai en Galicia

“Esta é a época da historia con máis axudas para innovación”, asegura, xa que conviven os fondos europeos ordinarios cos extraordinarios Next Generation, unha situación que “hai que aproveitar”, propón Hugo.

Por iso, dentro da súa estratexia para os vindeiros 3 anos, Medrar pretende levar a cabo proxectos de I+D+i con centros de investigación, empresas e produtores galegos “para que ese coñecemento quede en Galicia”, defende. “Un dos obxectivos de Medrar é sentar na mesma mesa a todo o ecosistema de innovación agraria que hai en Galicia e involucrar ás empresas e aos produtores nese proceso”, insiste.

Principais retos: dixitalización, sostibilidade e innovación

Medrar considera que os retos inmediatos tanto das explotacións como das industrias pasan pola sostibilidade ambiental, pola dixitalización e integración de sistemas e pola innovación tecnolóxica e de produto.

“Moita xente pon o relevo xeracional como o principal problema a día de hoxe pero eu penso que para poder resolver o problema da falta de continuidade da xente nova temos que dar solución primeiro a esas outras cuestións, porque a falta de rendibilidade, de seguridade e de garantías xoga en contra do relevo xeracional”, opina Hugo.

Se damos mellorado outras cousas que son salvables, o problema do relevo xeracional soluciónase

Hugo defende a necesidade de “ofrecer produtos innovadores e de alta calidade ao consumidor para que tire do mercado” e aposta por “reequilibrar” o peso da distribución, a industria e os produtores na cadea para que participen nela “de igual a igual”. “A cadea ten que ser fluída para que o valor se transmita, pero para conseguilo debe haber xogo limpo. Se logramos iso a todo o mundo lle interesará estar nesa cadea porque se conseguirá xerar valor engadido para todos”, asegura.

Conectar a industria coa realidade do sector

Desde que naceu fai 5 anos, Medrar busca involucrar ás explotacións nos seus proxectos para que se poidan aproveitar tamén dos fondos de innovación e que esta se estenda á base do sector e non quede só no chanzo das industrias transformadoras.

“A nosa labor tamén é a de conectar á xente da industria coa base do sector e a súa realidade porque moitas veces quen manexa a industria láctea e toma as decisións nin está aquí nin son persoas procedentes do sector, senón licenciados en dereito ou en finanzas que deciden unicamente en base a números pero sen ter en conta a situación do campo”, argumenta Hugo.

Non me imaxino a Citroën facendo coches sen saber se ten garantido o subministro de manillas

“Eu non me imaxino a PSA Citroën facendo coches sen saber se ten garantido o subministro de manillas para as portas por parte dos seus proveedores; sen embargo no sector lácteo trabállase moitas veces a cegas e de costas ao que pasa nas ganderías”, asegura.

O proxecto MilkChain ou o propio Perte Agroalimentario (SmarTZ4milk), buscan precisamente aportar trazabilidade ao produto e seguridade á cadea de subministro no seu conxunto.

A sustentabilidade, unha oportunidade

Malia o freo a algunha das esixencias medioambientais da PAC a raíz das protestas dos gandeiros e agricultores das últimas semanas, coas que di estar totalmente dacordo, Hugo considera que o vindeiro reto ao que se enfrontará o sector será o da pegada de carbono e avoga por facer aos produtores protagonistas deste proceso, con capacidade de decisión no establecemento do método de cálculo e a fixación das prioridades, para que non aconteza como coa certificación de benestar animal, controlada polas empresas de certificación e imposta ás explotacións.

“O consumidor pedía benestar animal e a industria aproveitou para esixirllo ao gandeiro e utilizalo como unha arma de negociación máis; coa pegada de carbono non pode acontecer o mesmo, non pode quedar exclusivamente nas mans da industria e ser ela quen a mida, como pasa co benestar, sen contar para nada co gandeiro; as explotacións teñen que ser copartícipes nese proceso”, reclama.

Coa pegada de carbono non pode pasar o que aconteceu co benestar animal; non pode ser a industria a que a mida

A sustentabilidade ambiental, asegura, tamén pode supoñer unha oportunidade para incrementar a rendibilidade económica das granxas se os subprodutos dos que dispoñen, como o xurro, os transforman en valor a través de proxectos de innovación como poden ser as plantas de biogás.

Explotacións dimensionadas con varios centros de produción

Hugo é defensor da “agregación de granxas”, como solución para que as ganderías que continúen gañen volume e competitividade pero tamén como xeito de dar unha saída ás explotacións que non teñen relevo.

Para iso propón unha especie de Plan Mineiro aplicado ao sector lácteo, de maneira que cando un gandeiro se achega á xubilación se favoreza mediante un incentivo económico o traspaso do seu gando, as súas terras, os dereitos da PAC e as naves e maquinaria a outra granxa próxima.

“Quizais con iso non se solucione o problema da falta de xente nova, pero si que serviría para mitigar as consecuencias dos peches asociados ao abandono e frear un pouco esa sangría, é dicir poñer un pequeno tapón a unha hemorraxia para a que non temos nin Betadine”, compara.

Está a haber unha sangría de peche de explotacións que hai que tratar de tapar, o que non pode ser é que non teñamos nin Betadine

“E eu o que vexo é que a industria parece non estar preocupada, porque segue recollendo o mesmo volume de leite ao ano, que incluso segue a aumentar aínda que pechen granxas. Pero cando se vai acoutando o número de explotacións, do que parece que non se dá conta nin a Administración pública nin as industrias é de que se perde moito máis que unha simple granxa, porque o impacto do peche de explotacións sobre o territorio é brutal”, asegura.

“Ser gandeiro esixe estar todo o ano onde se ten o gando, algo que non acontece noutras actividades que se levan a cabo no medio rural, como por exemplo a produción forestal, que non fixa poboación do mesmo xeito” indica.

Equipo multidisciplinar

Medrar conta cun cadro de persoal de 7 traballadores, con distintos perfís, entre os que hai doutoras en enxeñería química e medioambiental, agrónomos, enxeñeiros industriais ou titulados en ADE. “O sector precisa coñecemento multidisciplinar”, argumenta Hugo.

Baixo ese enfoque, nos proxectos que coordinan fan un acompañamento integral aos seus clientes, desde o acceso á axuda e a consecución dos fondos até o desenvolvemento final, a posta en marcha e a xustificación, colaborando co resto de servizos de asesoramento e consultoría básica dos que dispoñen xa as granxas e as industrias. “Buscamos a complementariedade, ser útiles e que nos vexan como un aliado”, din.

Hai que poñer o foco sempre nos mellores para que o sector avance

Nos seus proxectos buscan dar protagonismo “a quen está a facer as cousas ben” porque están convencidos de que “a mellora do sector pasa por que haxa referentes dentro das explotacións que sexan un pouco o exemplo para o resto”. “Hai que ensinar a quen está innovando, porque iso serve para acelerar ao conxunto do sector; a parálise e o deixarse levar mediocratiza”, asegura Hugo.

Por iso, defende a utilidade dos “fondos competitivos” fronte a “unha PAC que rega a todos, fágano ben ou non”. “Nós intentamos captar fondos para proxectos concretos e específicos baixo o criterio da utilidade e destinados a resolver problemas reais. Que sexamos de Chantada, de Castro ou de Vilalba permítenos ter os pés na terra á hora de deseñar proxectos para o rural”, conclúe.

Parte do equipo que forma parte de Medrar, na oficina que a consultora ten en Lugo

Parte do equipo que forma Medrar, na oficina que a consultora ten en Lugo

REPASO POLOS PRINCIPAIS PROXECTOS EN MARCHA:

SmarTZ4milk, o proxecto que aspira a dixitalizar a industria láctea galega

O Grupo Lence, Clun, Larsa, Leite Celta, Prestes, Bama e Bico de Xeado forman parte do proxecto SmarTZ4milk, dotado con 26 millóns de euros de fondos do Perte Agroalimentario para mellorar a trazabilidade dos seus produtos e a sustentabilidade ambiental das súas plantas de transformación.

“A nivel individual nas industrias participantes este proxecto vai supoñer un salto de calidade en dixitalización e sustentabilidade, xa que grazas a estas axudas van poder afrontar en só 2 anos retos que doutro xeito poderían levarlles moito máis tempo ou mesmo que serían inviables para as industrias máis pequenas”, explica Hugo.

Está prevista a creación dunha plataforma preditiva da oferta e da demanda a través de compartición de datos entre industrias e da súa análise mediante intelixencia artificial

Está nunha fase máis inicial a parte conxunta do proxecto, que consiste na creación dunha plataforma común onde de xeito anónimo as distintas empresas compartirán datos que lles permitan establecer ratios de eficiencia medioambiental e de produción a nivel industrial e tamén facer predicións de como vai comportarse a demanda de leite e produtos lácteos a uns meses vista e se esa necesidade de subministro vai estar cuberta coa produción agardada nas explotacións.

“Esa información tamén vai ser útil ás granxas para tomar decisións en aspectos como investimentos, alimentación, manexo, recría ou descartes, en función da demanda de materia prima agardada a curto e medio prazo para afinar deste xeito a produción de leite”, aclara.

LuGaz, produción de biometano a partir de residuos lácteos e purín

O proxecto LuGaz, no que participan Grupo Lence, Norvento e Agroamb, ten como obxectivo escalar unha tecnoloxía nova de produción e upgrading de biogás para a obtención de biometano apto para inxección á rede e, á súa vez, valorizar o material dixerido para a obtención dun produto fertilizante a partir de residuos agroindustriais.

O proxecto inclúe a construción no polígono do Ceao, en Lugo, a carón da factoría de Leite Río, dunha planta de biogás para tratar residuos lácteos, xurro gandeiro e outros residuos da industria agroalimentaria.

O proxecto inclúe a construción dunha planta de biogás no Ceao para tratar os residuos de Leite Río e das súas ganderías

Prevese que a planta trate anualmente unha media de 55.000 toneladas de residuos, procedentes das tres fábricas do Grupo Lence e estará aberto á participación das 350 ganderías ás que a empresa recolle o leite na actualidade, ás que se lles devolverá un fertilizante “á carta” en base ao purín dixestado adaptado ás necesidades do cultivo para o que vaia destinado (raigrás, millo, pataca, etc).

O prazo para a axecución deste proxecto é de catro anos e suporá un investimento total de 7,5 millóns de euros, dos que a axuda europea cubre o 60% (4,5 millóns).

Nutritive, busca das mellores solucións para o xurro en Galicia

Cun investimento de 7 millóns de euros, o proxecto Nutritive  busca as mellores solucións e tecnoloxías dispoñibles para a xestión do xurro aplicadas ás condicións edafoclimáticas Galicia e ás distintas tipoloxías de ganderías existentes.

Analizaranse sistemas empregados en Francia, Italia, Portugal, Bélxica, Países Baixos, Alemaña e Irlanda

Participan como socios no proxecto Aresa, a empresa biotecnolóxica Zinpro, a USC e o CIAM de Mabegondo. O prazo de execución é de tres anos, nos que se modelizarán os distintos sistemas probados e empregados noutros países para comprobar a súa adaptación a Galicia na procura das mellores técnicas dispoñibles para o aproveitamento do xurro como abono orgánico en función do tipo de granxa e purín xerado e o tipo de solo e cultivo onde aplicalo.

“Un dos grandes erros ao meu modo de ver da Unión Europea é a escasa adaptación das normas comunitarias ás condicións dos distintos territorios que a conforman, que son moi dispares”, afirma Hugo, para quen “Europa cobra sentido cando aprendemos uns dos outros”.

Nirs2Custom, fertilización á carta en base a analíticas instantáneas de solos

O Grupo Operativo Nirs2Custom, liderado por Aresa, traballa no deseño dun prototipo para a análise de nutrientes en campo equipado con tecnoloxía da espectroscopía de infravermello cercano (NIRS) capaz de analizar en tempo real a composición química do chan, para facer ao agricultor unha recomendación do tipo e cantidade de fertilizante necesario para optimizar a produción nesa finca.

Este proxecto, que se atopa xa no seu segundo ano de desenvolvemento, aportará múltiples vantaxes: evítase a contaminación medioambiental por exceso de abonado ao mesmo tempo que o agricultor logra un aforro económico sen sacrificar producción.

Cómbaro, pegada de biodiversidade positiva en granxas leiteiras

O proxecto Cómbaro, no que participan as ganderías Airas Moniz de Chantada e A Cernada de Palas de Rei, xunto coa cooperativa Milhulloa, pretende demostrar como pode convivir unha produción gandeira rendible de alto valor co fomento da biodiversidade natural.

O proxecto pretende medir os efectos positivos do cultivo de prantas aromáticas, mediciñais ou especies mellorantes nas superficies lindeiras das parcelas de pastoreo tanto sobre a biodiversidade natural como sobre a propia actividade produtiva, mediante o seu traslado á mellora da saúde do gando e á calidade do produto final.

Comments are closed.