Ferramentas para estudar os valores fertilizantes dos xurros de porcino, un grande avance para os agricultores
Coa finalidade de saber o valor fertilizante do xurro das granxas de porco, Miguel Fernández Labrada investigou ecuacións de regresión para que os gandeiros e agricultores eviten facer análises en laboratorios e poidan levar a cabo unha boa xestión do xurro
A falta de información dos valores fertilizantes do xurro de porcino pode dar lugar a problemas medio ambientais. Ante isto, Miguel Fernández Labrada, investigador no Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñería da USC, levou a cabo un proxecto de investigación para fixar ecuacións de regresión para determinar o valor fertilizante do xurro, permitindo que os agricultores o poidan predicir sen necesidade de levar as analíticas a un laboratorio. “Moitas veces, antes de lles cheguen os resultados xa aplicaron o xurro, porque o tempo que pasa dende que baleiran as fosas ata que as volven encher é demasiado curto, menor que o que se demora en obter os resultados da analítica, entón precisan de axilidade neste sentido”, detalla o investigador.
Neste proxecto analizaron os xurros en diferentes granxas e centráronse en catro parámetros rápidos para predicir o valor fertilizante: o pH, a condutividade eléctrica, a densidade e a materia seca. Os tres primeiros pódense medir directamente con aparatos (pH-metro, condutímetro ou densímetro), mentres que para medir a materia seca hai que facer un proceso de deshidratación ata obter un peso constante, que quere dicir que xa perdeu toda a humidade. “Isto serviríanos para que os agricultores, empregando un dos tres aparatos ou unha termobalanza para facer o secado ata peso constante, puidesen saber no mesmo momento ou ao día seguinte o valor fertilizante do xurro da súa granxa”. Deste xeito tamén se cumpriría cos requirimentos do RD de Nutrición Sostible dos Solos Agrarios, que esixe ter información da composición dos xurros usados como fertilizante, a cal debe ser aportada polo gandeiro no caso de subministro a terceiros.
O proxecto levouse a cabo en 32 granxas de Galicia (6 de nais, 6 de leitóns e 20 de cebo) e tomáronse mostras en dous períodos, verán e inverno, aínda que en xeral “non houbo diferenzas debidas á estación ou ano da mostraxe”. Segundo o investigador, actualmente todas as granxas teñen que ter as fosas cubertas, polo que “o xurro non ten cambios importantes derivados da meteoroloxía”.
O xurro das granxas de cebo é o máis rico
Os valores fertilizantes nos que se centraron son contido en nitróxeno, fósforo, potasio, calcio e magnesio. Miguel indica que obtiveron ecuacións bastante boas, especialmente para o nitróxeno, o calcio e o magnesio; e en menor medida para o fósforo. A materia seca foi o parámetro que se amosou máis útil para predicir o valor fertilizante, salvo no caso do potasio. A partires dese parámetro sinxelo, as fórmulas estiman con bastante fiabilidade a composición dos xurros.
Así mesmo Miguel explica que obtiveron datos moi variables entre as diferentes explotacións. En canto aos macronutrientes, “en xeral si que vimos que as granxas que teñen un xurro máis concentrado, con máis nutrientes, son as de cebo, mentres que as de leitóns ou nais téñeno máis pobre. Isto depende, principalmente, do diferente contido en materia seca.
Análise de patóxenos
Outro dos puntos fundamentais da investigación está na análise da carga bacteriolóxica que poderían ter os xurros. “Parte das bacterias que se analizaron non son máis que indicadores e logo estudamos a Salmonella, que si que pode dar lugar a enfermidades nos animais e ascender na cadea trófica”, puntualiza o Miguel.
Destaca que lle “sorprendeu” que houbese tanta presenza nas análises, tendo en conta “que pola propia maduración do xurro o contido en microorganismos se vai reducindo”. Isto é unha mostra máis dos poucos días que se almacena o xurro de porcino, segundo apunta. “A produción que teñen obrígaos a sacalo bastante fresco, por iso teñen que ter en conta que se o aplican nunha pradería, deberían evitar recoller ese pasto ou botar animais a pacer en menos de dúas semanas logo da aplicación, que sería un prazo de seguridade mínimo xa que esta bacteria pode vivir no campo ata 15 días”.
Rotación na aplicación dos xurros
O último que analizaron foron os metais pesados, “unha problemática coñecida nos xurros de porco”. Centráronse no cobre e no cinc, que nalgúns casos superaban a normativa aplicable segundo Real Decreto de Nutrición Sostible dos Solos Agrarios, que fixa unha concentración límite nos xurros. “Nos animais de destete engádense estes dous metais nos pensos para previr diarreas, fundamentalmente. A taxa de asimilación é bastante baixa, é dicir, hai que darlle moito cobre e moito cinc para que asimilen unha pequena parte. Isto leva a que se deriven para o xurro e haxa alta acumulación nos solos”, indica o investigador.
No Real Decreto fíxase unha cantidade que se pode aplicar por hectárea e ano. En base aos datos que obtiveron, empregando o xurro de leitóns xa cubrirían toda a cantidade que poden aplicar: 40 m3/ha no caso do cobre e só 22 m3/ha no caso do cinc. Pola súa banda, no xurro de cebo, que é o máis habitual, fálase dun máximo de 120 m3/ha de xurro para chegar ao máximo de cobre e de 85 m3/ha para o de cinc.
Unha vía de mellora é a redución das doses de inclusión nos pensos, algo que xa se mellorou notablemente nos últimos anos motivado polas esixencias normativas Ademais, é preciso buscar fontes de cobre e cinc máis asimilables ou alternativas a estes elementos.
Miguel resalta que o cobre e o cinc teñen “unha parte positiva, que son micronutrientes”, polo tanto as plantas asimílanos, é dicir, existe unha extracción logo de que se apliquen no campo. “Entón, hai que buscar un equilibrio, e o mellor é non aplicar o xurro sempre no mesmo terreo, senón facer rotacións con outros fertilizantes orgánicos ou minerais con menor contido de metais pesados, para así evitar a acumulación de metais”, conclúe o investigador.