Grazemaster: Un proxecto galego que dixitaliza o pastoreo e optimiza os recursos en extensivo

Este grupo operativo galego está a desenvolver unha ferramenta de xestión integral do pastoreo a través do internet das cousas e de drons. Isto permitirá abrir pasto ao gando automaticamente, ademais de controlar outros recursos como a auga dos bebedoiros

O Grupo Operativo Grazemaster está a materializar unha solución integral que dixitaliza o proceso de pastoreo en explotacións lácteas utilizando o Internet das Cousas (IOT) e drons. Os obxectivos que pretenden son transversais e están aliñados cos novos valores da Política Agraria Común, incluíndo a promoción da sostibilidade, a eficiencia, o benestar animal e a seguridade alimentaria.

As novas políticas agrarias comunitarias e a crecente demanda de produtos de calidade fomentan a práctica da gandeiría ecolóxica e o pastoreo buscando a sustentabilidade neste sector. Pola contra, as horas de traballo e a falta de modernización deste tipo de manexo non xoga a favor na súa expansión e desenvolvemento, cuestións que remarcan a necesidade de modernización do pastoreo para mellorar a súa produtividade, entre outras.

Deste xeito, Grazemaster tentará resolver esta problemática cun proxecto piloto tecnolóxico co obxectivo de xerar avances neste ámbito. Entre os axentes que integra está SAT Margá, o Centro de Investigación ITG, a asesoría Xestión Agrogandeira e Natureza S.L., Perfect Numbers (Data Monitoring S.L.), e unha empresa provedora de compoñentes electrónicos.

En que consiste esta tecnoloxía?

Este grupo operativo poñerá a disposición das gandeirías en extensivo unha solución dixital integral para a automatización do proceso de pastoreo, proporcionando información útil que facilite a toma de decisións axeitadas, con emisións de avisos en tempo real, e todo monitorizado desde unha aplicación móbil.

Un dos seus apoios tecnolóxicos será a utilización do Internet das Cousas para a recopilación de datos en tempo real a partir de sensores e dispositivos na granxa, que permitirán monitorear a xestión do pastoreo. “Estes equipos incorporarán tecnoloxía de modulación LoRa, que permite cubrir un amplo espazo con baixa potencia”, sinala o coordinador do Grupo Operativo, Gonzalo Abuín.

Outra das ferramentas utilizadas serán os drons, que permitirán sobrevoar os campos e proporcionar imaxes aéreas de alta resolución, identificando posibles problemas de sobrepastoreo, estrés animal, ou deficiencias na saúde dos pastizais.

Os obxectivos que Grazemaster establece son varios. Un deles é a xestión automática de apertura e peche de parcelas mediante un dispositivo que funcione como ‘vela electrónica’. O deseño deste peche mecánico automatizado incorporará uns sinais sonoros que “funcionen como unha alerta e á vez como un estímulo para os animais, de maneira que as vacas saiban cun pitido cando teñen novo pasto, ou mesmo cando se levanta (apertura) ou se baixa (peche) o pastor”, detalla.

Outro dos obxectivos principais que supón é a xestión da auga a partir do control dos niveis de auga nos bebedoiros mediante a apertura e peche automático das válvulas. “A intención é ter monitorizados os depósitos para evitar que desborden auga, e que corten cando estén cheos”, amplía Abuín.

Ademais, outra das cuestións que permitirá esta aplicación tecnolóxica é a medición do pasto, que se conseguirá cunha radiografía da herba mediante foto, da cal se poderá extraer a porcentaxe de leguminosas e a oferta de pasto.

Todo isto estará conectado cunha aplicación de xestión do pastoreo, na cal se integrará información sobre as parcelas. “Con isto pretendemos contribuír a unha xestión máis sostible dos recursos naturais, e o feito de obter datos de tódalas operacións permitiranos avaliar o impacto ambiental, así como o económico. O resultado en termos de eficiencia do pastoreo e de productividade será case inmediato”, explica Gonzalo Abuín.

“Toda esta iniciativa xorde dunha visita á SAT Margá para instalar DATALACT, un sistema deseñado nun proxecto anterior que foi implantado en máis da 18 granxas . Alí, o propietario falounos de que levaba moito tempo esperando por unha ‘vela eléctrica’ e preguntounos por algo similar. Analizamos as solucións que había no mercado, e foi cando Xan Pouliquen, da asesoría Xan, nos dixo que había máis necesidades en torno ao pastoreo, que procuraramos englobalas todas mediante unha solución transversal, e foi cando apareceu Grazemaster”, comenta.



Comments are closed.