Ulega traballa no Sistema Avanzado de Acopio para reducir a dependencia dos pensos
Ofrécelle aos gandeiros unha solución integral que lles permite maximizar a utilización dos seus recursos, ademais de reducir os custos de produción
A Asociación Unión Leiteira Galega Ulega están inmersa no proxecto Sistema Avanzado de Acopio, a través do que executará proxectos innovadores dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI).
Este proxecto introduce unha nova perspectiva sobre a produción de leite, combinando intelixencia empresarial e tecnoloxía avanzada para ofrecer unha solución integral que permita aos gandeiros maximizar a utilización dos seus recursos. É unha ferramenta intelixente que calcula con precisión a cantidade de forraxe, pensos, fitosanitarios e insumos necesarios. Deste xeito, garántese unha produción láctea eficiente na explotación durante todo o ano. Coa ferramenta, os gandeiros terán acceso a un sistema baseado en datos, que toma en conta factores coma o número de cabezas de gando, a localización e a climatoloxía, posteriormente ofrece un plan manual de provisión personalizada, reducindo o malgasto de alimentos.
Ao calcular e planificar de maneira precisa as necesidades de provisión, reducirase a pegada ambiental contribuíndo á adaptación ó cambio climático e ao desenvolvemento sustentable e a xestión eficiente dos recursos. Así é que servirá para unha mellor xestión no uso das materias primas, reducindo así o desperdicio, obtendo unha produción de leite mais sustentable.
Dependencia do concentrado
Segundo indican dende a asociación, unha das principais debilidades da produción de leite en Galicia é a dependencia do concentrado. O sector agrario galego precisa mais superficie para poder alimentar á cabana gandeira do país a un coste razoable.
É por elo que Galicia necesita utilizar eficientemente os seus recursos propios para ter custes competitivos en calquera sistema de produción de leite. Os sistemas mais intensivos poden facer un alto uso de forraxes, prados e millo principalmente, con un baixo nivel de compra de suplementos, racionalizando o uso de concentrado na explotación.
Ata o de agora, o investimento dos gandeiros centrouse na adquisición de equipamento, maquinaria e tecnoloxía para as súas explotacións gandeiras. Con todo, descoidouse un aspecto crucial para a modernización e a eficiencia: o desenvolvemento de enxeñería de xestión dos recursos da explotación. É fundamental recoñecer que a optimización dos recursos, como a provisión de insumos, é vital para lograr unha produción láctea rendible e sostible a longo prazo.