Un estudo da USC conclúe que o control de parásitos en ovellas e cabras beneficiaría ó corzo
O control dos oéstridos que afectan rabaños de ovellas e cabras podería ser crucial para frear esta patoloxía entre os ruminantes silvestres cos que comparten hábitat
Un estudo da USC evidencia que un control eficaz dos oéstridos (parasitos que poden estar presentes en rabaños de ovellas ou cabras) animais podería resultar clave á hora de paliar a miase nasal nos ruminantes silvestres cos que comparten hábitats, tal e como sucede cos corzos que habitan o centro peninsular. Esta é unha das conclusións do artigo titulado ‘Prevalence of nasopharyngeal myiasis in roe deer (Capreolus capreolus) from an area with high sympatry between wild and domestic ungulates in Central Spain’, na que o grupo de Investigación en Sanidade Animal: Galicia (INVESAGA) da USC estudou 184 corzos entre xaneiro e xuño de 2023 para coñecer a situación das miases nasofarínxeas que afectan este animal nas provincias de Burgos, Soria, Segovia, Zaragoza e Guadalaxara.
As provincias de Soria e Burgos foron as únicas con animais positivos a ambas as miases. No caso de Zaragoza, só se atoparon animais positivos a C. stimulator; en Guadalaxara só se acharon positivos a O. ovis; e en Segovia, no se atopou ningunha miase. A maioría das larvas de C. stimulator atopáronse na cavidade nasal mentres que unha pequena cantidade residía na farinxe (3,2 %). No caso de O. ovis todos os exemplares identificáronse na cavidade nasal.
A alta incidencia de O. ovis nos corzos indica que a súa presenza non foi un caso accidental como se pensou tras o achado do primeiro caso. Por iso, a alta frecuencia de O. ovis en ovellas e cabras no centro de España xunto coa súa proximidade a corzos e pequenos ruminantes da área de estudo “pode aumentar o risco de infestacións cruzadas”, apuntan dende o grupo de investigación do Campus de Lugo da USC na Facultade de Veterinaria. Ademais, a presenza de larvas maduras de O. ovis nos corzos suxire que esta especie é capaz de completar o seu ciclo biolóxico neste animal. Por este motivo, “o control de oéstridos en rabaños de ovellas e cabras en áreas onde comparten hábitats con ruminantes silvestres estaría recomendado para conseguir un óptimo control das miases nasais”, explica Néstor Martínez Calabuig.
O estudo evidencia que a prevalencia e intensidade de C. stimulator é menor que a detectada polo equipo investigador nun estudo previo en 2022. Ademais, os datos revelan diferenzas considerables entre as provincias analizadas sendo do 0 % en Segovia e Guadalaxara ata o 57,1 % en Zaragoza. “As diferenzas marcadas entre provincias lindeiras como Burgos e Segovia ou Zaragoza e Guadalaxara probablemente se deba a unha distribución irregular da miase dentro destas provincias”, explica o investigador predoutoral do Campus Terra da USC, Néstor Martínez Calabuig, primeiro asinante do artigo. De feito, no caso de Zaragoza, todos os animais positivos foron cazados no norte mentres que os negativos foron aqueles máis próximos ao límite coa provincia de Guadalaxara. Do mesmo xeito, en Burgos a maior parte dos animais positivos atopáronse máis afastados do límite provincial con Segovia.