Crean en Galicia a primeira bobina de papel a partir de residuos de poda de vide

O proxecto VINEBOX™ acada este fito que supón un avance en materia de eficiencia e sustentabilidade

Mostra do papel obtido no proxecto. Foto cedida

O proxecto VINEBOX™ valoriza de maneira sostible os residuos de poda de vide e acada un novo fito: desenvolver con éxito unha bobina de papel cunhas características moi especiais. A iniciativa está impulsada por Bodega Matarromera, Pago de Carraovejas e Ence, coa colaboración de Papeleira de Brandia.

A bobina de papel innovadora está fabricada con celulosa calidade Naturcell® especial, xa que contén fibra obtida de sarmento de poda de vide. Esta bobina fabricouse en Brandia atendendo aos criterios de calidade para fabricar etiquetas e caixas para botellas, que serán ensaiados polas adegas. Este fito supón un avance en materia de eficiencia e sustentabilidade, e subliña o potencial da biomasa como unha fonte renovable e responsable para a elaboración de bioproductos. Este logro representa un paso fundamental cara ao obxectivo final do proxecto VINEBOX™: a produción de caixas e etiquetas sostibles e 100% renovables para as adegas participantes.

A utilización de celulosa elaborada a partir de residuos de poda de vide coa pasta Naturcell® de Ence reflicte o compromiso do consorcio coa sustentabilidade, a economía circular e a excelencia en calidade. Na presentación deste novo fito, Antonio Casal, director de Desenvolvemento de Negocio de Celulosa de Ence, puxo de relevo que “esta bobina é o símbolo de que seguimos avanzando e traballando por ofrecer solucións sostibles, aproveitando os recursos naturais e achegándolles valor”. Así mesmo, Casal destacou a axuda e a colaboración de Brandia, que en todo momento ofreceu a súa tecnoloxía e experiencia para contribuír ao bo fin deste proxecto innovador. Pola súa banda Gaspar Barreiras, Director Xeral de Papeleira Brandia, destacou que este proxecto pode contribuír a revalorizar residuos agrícolas.

Representantes das empresas que integran o proxecto. Foto cedida

Carlos Moro, presidente de Adegas Familiares Matarromera, indicou que “dende hai 22 anos levamos desenvolvendo novos produtos, ingredientes e marcas como Sanclodio, Viña Caeira ou Casar de Vide en Galicia. De aquí nace a idea de reutilizar os residuos de poda dotándolles dunha segunda vida e así devolver á natureza o que nos dá, reducindo os efectos nocivos das queimas”. Pola súa banda, Pedro Ruiz, CEO de Alma Carraovejas, afirmou que “buscamos chegar ao desenvolvemento sostible en toda a cadea de valor e centramos os esforzos en promover unha economía circular que xere alternativas aos residuos que se orixinan durante todo o proceso”. Eva Navascués, directora de I+D+i de Pago de Carraovejas, sostén que “foi un logro poder crear a primeira bobina de papel procedente dos sarmentos da nosa leira. O proceso foi complexo na parte técnica pero finalmente conseguimos o papel co que poder crear caixas e etiquetas.

O proxecto, cofinanciado pola Unión Europea e polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI) con fondos FEDER, conta cun orzamento de 879.539,00 € e un tempo de execución de 30 meses. Ademais, participan, como entidades subcontratadas polas empresas, o Instituto de Agroquímica e Tecnoloxía de Alimentos (IATA-CSIC), o Instituto Tecnolóxico da Embalaxe, Transporte e Loxística (Itene), e a empresa Athisa, que achega solucións para o servizo de recollida e provisión de podas de sarmento.

Comments are closed.