Ensaian en Ourense o uso de compost a partir de restos forestais e xurro de porcino para mellor os solos dos viñedos

O grupo operativo que coordina o proxecto e no que participan varias entidades galegas, xa aplicou a emenda orgánica en cultivos de vide, oliveira e pistacho

Imaxe da aplicación da compostaxe en vides durante a fase experimental. Cedida

O Grupo Operativo Novos aproveitamentos de emendas obtidas de residuos porcinos e forestais para a mellora da calidade dos solos está a desenvolver un proxecto para obter unha emenda orgánica, resultado da mestura de residuos porcinos e forestais, de aplicación para o mantemento da fertilidade dos solos con cultivos leñosos (vide, oliveira e pistacho) así como na conservación de solo en zonas onde o cambio de uso favorecería a súa perda por erosión.

Os obxectivos específicos do proxecto son obter unha emenda orgánica derivada de residuos porcinos e de biomasa forestal que poida dar solucións adicionais ás necesidades do sector primario. A iniciativa, comentan desde a súa organización, “xurdiu coa finalidade de propoñer novas alternativas para a xestión de residuos de orixe gandeira, como os xurros de porcino, e os restos de biomasa forestal sen interese para a industria silvícola”.

A súa idea principal é avanzar na valorización conxunta de ambos residuos buscando unha alternativa sostible e aplicable a nivel produtivo. Tamén a reutilización dos restos de biomasa tras os labores silvícolas permitiría reducir os custes de mantemento nas zonas forestais explotadas, minimizar os riscos de incendio pola acumulación de biomasa seca fina e facilitar o uso dos medios forestais explotados pola poboación local.

O proxecto, que remata este mes de decembro, constou de varias etapas. Arrancou cunha recollida e selección de materiais derivados das actividades silvícolas e residuos de porcino e a realización de varias mesturas dos mesmos que se someteron a un proceso de compostaxe.

A partir de aquí, leváronse a cabo ensaios de campo consistentes na aplicación dos materiais compostados obtidos na fase previa a solos de cultivo de vide, oliveira e pistacho, avaliando diferentes parámetros relacionados coa fertilidade do solo a dous tempos diferentes: xusto despois da aplicación das emendas e logo de seis meses. Ademais, empregaron algunhas das emendas orgánicas obtidas en fases previas para realizar ensaios de control da erosión en zonas onde o cambio do uso do solo podería facilitar os procesos de erosión.

A iniciativa desenvolveuse desde marzo de 2022. Cedida

Segundo explica o equipo da UVigo, unha interpretación preliminar dos resultados obtidos poñen de manifesto que a aplicación das emendas orgánicas ao solos de cultivo de viñedo, oliveira e pistacho supuxo a curto prazo un lixeiro aumento do pH en auga do solo. A adición de material compostado, engaden, parece contribuír positivamente á fertilidade dos solos dos cultivo ensaiados, aportando ao solo calcio, magnesio e fósforo a curto prazo, e carbono e nitróxeno máis a longo prazo. En todo caso, a emenda orgánica “foi quen de manter os niveis de fertilidade do solo despois de seis meses, coincidindo co período de maior requirimento nutricional dos cultivos avaliados”.

Participantes e financiación
A entidade coordinadora deste grupo operativo é a empresa Seica Seo S.L e nel participan a Universidade de Vigo (Facultade de Ciencias-Instituto de Agroecoloxía e Alimentación), a Universidade de Santiago de Compostela (Escola Politécnica Superior de Enxeñaría), a produtora agrícola Ana María Pérez e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común Serra de Meda-Vences. A Universidade de Vigo é a responsable da posta en funcionamento e seguimento dos ensaios en campo deseñados para avaliar a utilidade dos produtos compostados xerados a partir dos residuos porcinos e forestais.

A iniciativa, que celebrou recentemente a súa xornada de balance de resultados en Verín, contou cun orzamento total de 179.935 euros e foi un dos proxectos de Grupos Operativos da Asociación Europea da Innovación, convocada pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria. Foi financiado no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia e cofinanciado a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), a Xunta de Galicia e o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *