“A aplicación na que estamos a traballar permite que se poda programar anticipadamente a rega de xeito fiable”

Débora Franco Vázquez, socia fundadora en Monet Tecnología e Innovación SL
O mércores 10 de abril tivo lugar na adega Quinta de Couselo, situada no val do Rosal (Pontevedra), unha xornada que reuniu a diversos investigadores e integrantes do sector vitivinícola co fin de expoñer, desde unha perspectiva científico-técnica, os avances do proxecto PRERIVID: Predición de necesidades hídricas do viñedo para un uso sustentábel da auga de rega. Este grupo operativo supraautonómico ten como obxectivo o desenvolvemento dunha ferramenta de xestión da rega en viñedos coa que se pretende predicir as necesidades hídricas de cada parcela, integrando múltiples parámetros: datos meteorolóxicos, humidade do solo, estado fenolóxico e predición meteorolóxica local.
Falamos con Débora Franco Vázquez, socia fundadora en Monet Tecnología e Innovación SL, unha das entidades que participa neste proyecto supraautonómico que se desenvolve en Galicia, Castela e León e Valencia.
-Qué destacarías da actividade que realizades dende MONET Vicultura?
As actividades principais que realiza Monet Viticultura en PRERIVID son as relacionadas co desenvolvemento de modelos predictivos. Así, traballamos no desenvolvemento do modelos predictivos de cálculo de necesidades hídricas a una semana vista, para alimentar a ferramenta que informa á adega do tempo necesario de acendido do sistema de rega con 7 días de antelación.
-Neste sentido, qué vos motivou a participar no proxecto PRERIVID?
A idea de PRERIVID xurde a raíz doutro Grupo Operativo, neste caso autonómico, o GO REGAVID, no que tamén traballamos co grupo PROePLA da USC. A idea coa que xurdiu o proxecto era a de poder levar estes estudios de necesidades hídricas realizados en Galicia a outras rexións de España con características climatolóxicas moi diferentes, co obxectivo final de apoiar á adega na toma de decisións de como regar e canto regar.
“A aplicación na que estamos a traballar permite que a adega poda programar anticipadamente a rega de xeito fiable”
-Qué avances esperas que supoña este proxecto no relativo ao deseño dunha aplicación que permita realizar unha rega máis eficiente do viñedo en España?
Unha das novidades desta aplicación é que empregamos datos a futuro, tanto de predición da evapotranspiración de referencia como de predición do coeficiente de cultivo. Outra novidade é que no canto de empregar valores estándar dos coeficientes do cultivo, estes coeficientes se axustan para cada unha das parcelas en función das medidas de campo. A combinación do coñecemento da situación hídrica actual do viñedo xunto coa predición do que se espera que aconteza a vindeira semana, permite que a adega poida programar anticipadamente a rega.
-Qué carencias detectades nas aplicacións que existen actualmente?
En moitas ocasións a estimación de rega realizase calculando as necesidades hídricas da parcela empregando estacións meteorolóxicas que non se atopan na propia parcela, senón nas súas inmediacións, ou sensores que, moitas veces, non están ben calibrados. A base para unha boa estimación da rega é partir de medicións fiables, empregando equipos ben calibrados e instalados nunha localización axeitada. Na estimación de necesidades a futuro habitualmente tense en conta a predición de precipitacións da seguinte semana, pero non se ten en conta como vai a evolucionar a evapotranspiración de referencia. Ademais, habitualmente, empréganse coeficientes de cultivo tabulados de forma xeneralista, pero non adaptados ás características da parcela.
-Cales son as áreas de traballo das que vai encargar MONET Vicultura dentro do proxecto?
A principal área de traballo de Monet en PRERIVID é o desenvolvemento dos modelos predictivos e da ferramenta de predición de necesidades hídricas para un uso sostible da auga no viñedo. Así, traballamos co obxectivo de dispoñer dun modelo de predición de necesidades hídricas a futuro. Para alimentar este modelo é necesario desenvolver un modelo de predición de evapotranspiración de referencia, un modelo de predición de coeficiente de cultivo e un modelo de predición de precipitacións. Empregando a información obtida destes modelos podemos implementar a ferramenta de predición de necesidades hídricas que informa á adega do tempo de acendido do sistema de rega.
Monet tamén colabora na instalación de equipos de medida en Quinta de Couselo e Quinta Sardonia e integra os datos medidos polos equipos de tódalas parcelas na base de datos de Monet Viticultura para o procesado dos datos e a súa visualización. Ademais, para cada parcela experimental proporciona unha predición meteorolóxica local.
Xa dispoñemos dunha versión beta dos modelos de predición de evapotranspiración e de predición de necesidades hídricas
-Que actuacións tedes realizado a día de hoxe?
Os equipos de recollida de datos están instalados e todos os datos dos sensores das parcelas experimentais están incorporados ás bases de datos de Monet para o seu procesado e visualización, xunto coas predicións meteorolóxicas locais. Na primeira anualidade propuxéronse dúas estratexias de rega: secaño e a rega habitual da adega. Sen embargo, puidemos iniciar os protocolos de estimación de rega PRERIVID na parcela de Quinta Sardonia e xa dispoñemos dunha versión beta dos modelos de predición de evapotranspiración e de predición de necesidades hídricas que poderemos axustar nas vindeiras campañas.
-Como é a coordinación cos outros socios do proxecto e en especial co Grupo PROEPLA?
A coordinación co resto de socios está moi protocolarizada. Temos 3 grupos de traballo diferenciados, que se organizan en torno a cada unha das parcelas experimentais do proxecto. Así, temos un grupo de traballo en Galicia, outro en Castela e León e outro en Valencia. Cada un destes grupos realiza unhas actividades particulares e outras comúns có resto do consorcio.
O grupo PROePLA, como coordinador técnico, lidera as reunións do consorcio para coordinar as actividades comúns e para que cada grupo de traballo expoña os avances nas súas actividades particulares. Traballar en grupos diferenciados mellora a xestión da comunicación, especialmente cando se inicia a campaña de rega, dado que cada parcela inicia a súa campaña de rega nun momento diferente. Nese momento, Monet contacta con cada un dos grupos de traballo para iniciar os modelos de estimación de necesidades hídricas en coordinación cos centros de investigación de cada grupo de traballo e informar ás adegas do tempo de acendido do sistema de rega nesa semana.
-Cales consideras que son as claves para que a aplicación sexa o máis fiable posible?
Para estimar as necesidades hídricas a futuro o primeiro paso é medir as necesidades hídricas actuais do viñedo para coñecer en que momento é necesario iniciar o protocolo de rega, polo que é moi importante dispoñer de medidas fiables das condicións do solo. En cada unha das parcelas experimentais estanse a empregar sensores de solo diferentes, co obxectivo de axustar as medidas destes sensores coas medidas TDR realizadas en cada parcela e tamén para comparar a eficiencia de cada un deles. Con isto, teríamos cuberta a parte de cálculo de necesidades hídricas actuais do viñedo.
O reto é o axuste dos modelos predictivos que estiman as necesidades hídricas a 7 días. Para alimentar estes modelos necesitamos unha predición da evapotranspiración, unha predición do coeficiente do cultivo e unha predición da precipitacións nos próximos 7 días. Os axustes nos modelos de predición de evapotranpiración e coeficiente de cultivo obtidos na primeira anualidade foron moi bos, tendo en conta que só se executaron para unha parcela experimental. A marxe de mellora vai a ir enfocada á mellora de modelo de predición de precipitacións.
DESTACADO: O maior reto é o axuste nos períodos tormentosos, dado que a precipitación a 7 días en eventos tormentosos non é doada de predicir.
-Pódesnos avanzar algo dos primeiros resultados que tivestes ata agora?
Na primeira anualidade iniciamos os protocolos de estimación de requirimentos hídricos na parcela de Quinta Sardonia, xa que, tanto en Quinta de Couselo como en Bodegas Enguera a primeira anualidade estaba prevista como secaño. Esta primeira aproximación serviu para establecer unhas medidas iniciais de coeficiente de cultivo e os modelos de arranque da campaña de rega e de cálculo de necesidades hídricas. O modelo que anticipa as necesidades hídricas a 7 días presentou un bo axuste á realidade medida 7 días despois. O maior reto é o axuste nos períodos tormentosos, dado que a precipitación a 7 días en eventos tormentosos non é doada de predicir.
-En xeral, que esperades que vos aporte este proxecto?
O que esperamos dos proxectos nos que participamos é que nos aporten coñecemento. Neste caso, coñecemento xeral de métodos de cálculo e de predición de necesidades hídricas do viñedo, e o coñecemento para particularizar estes métodos para parcelas concretas, en función do tipo de solo, da variedade de uva, do sistema de condución do viñedo ou do tipo de viño que se pretende obter. En definitiva, coñecemento para poder apoiar á adega na toma de decisión de canto regar e cando regar para cubrir as necesidades do viñedo en función dos tipos de manexo e calidade dos viños requiridos.
O Grupo Operativo PRERIVID está enmarcado no Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC) 2023-2027, financiado nun 80 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) da Unión Europea e nun 20 % polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA). A Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Innovación e Formación Agroalimentaria (DGDRIFA) é a autoridade encargada da aplicación das devanditas axudas. Orzamento total do proxecto: 589.371,54 €. Subvención total: 583.385,01 €. O Grupo Operativo PRERIVID é a entidade responsable deste contido.