O Grupo Operativo PRERIVID avanza na predición hídrica para un viñedo máis sustentábel

O proxecto demostra que a integración de tecnoloxías avanzadas xunto co uso de tratamentos agronómicos adaptativos ofrece ferramentas prometedoras para preservar a calidade vitivinícola nun escenario de cambio climático

Os expertos Javier Cancela e Jesús Yuste durante unha explicación na visita á viña de Quinta Couselo co motivo da xornada de presentación dos avances do proxecto PRERIVID

O mércores 10 de abril tivo lugar na adega Quinta de Couselo, situada no val do Rosal (Pontevedra), unha xornada que reuniu diversos investigadores e integrantes do sector vitivinícola co fin de expoñer, desde unha perspectiva científico-técnica, os avances do proxecto PRERIVID: Predición de necesidades hídricas do viñedo para un uso sustentábel da auga de rega. Este grupo operativo supraautonómico ten como obxectivo o desenvolvemento dunha ferramenta de xestión da rega en viñedos coa que se pretende predicir as necesidades hídricas de cada parcela, integrando múltiples parámetros: datos meteorolóxicos, humidade do solo, estado fenolóxico e predición meteorolóxica local.

“O viño é moito máis ca unha tradición en España, é un motor económico que xera miles de millóns ao ano e que sitúa España como un dos principais produtores a nivel mundial. Pero debido ao cambio climático están a mudar as regras do xogo”, expresou Beatriz Moure, técnica de xestión en FEUGA (Fundación Empresa-Universidade Galega). Son varios os desafíos aos que se enfronta actualmente o sector vitivinícola: o aumento das temperaturas, secas máis prolongadas e o adianto na maduración da uva, que comprometen a calidade do produto e dificultan a produción en zonas en risco de desertificación.

Para facer fronte a isto nace PRERIVID. Unha iniciativa, cofinanciada con fondos FEADER (80%) e o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (20%), que busca ofrecer solucións tecnolóxicas innovadoras para unha xestión eficiente da auga no cultivo do viñedo, nun contexto de crecente tensión hídrica e cambio climático. Esta baséase na integración de datos chave recollidos a través de sensores instalados e da análise de distintos parámetros relevantes para determinar o contido de auga no solo, o potencial hídrico do talo e controis agronómicos (fenoloxía, caracterización e manexo do dosel vexetal, así como a determinación da superficie foliar externa en envero).

Con eles desenvólvese un modelo que, xunto cos datos da predición meteorolóxica a 7 días, calcula a evapotranspiración de referencia (ET₀) e os coeficientes de cultivo (Kc) a futuro, desenvolvendo unha ferramenta de xestión de rega eficaz. Tamén axusta as predicións obtidas de PRERIVID ao estado fenolóxico, á configuración do viñedo, aos manexos culturais e aos tipos de solo nas zonas vitícolas de estudo, e avalía tamén prácticas agrícolas con impacto na xestión da auga, como o uso de cubertas vexetais ou a aplicación de caolín. Isto permitirá aos viticultores axustar a rega de forma precisa e estimar a calidade da uva en función dos tratamentos establecidos no viñedo, outro dos obxectivos do proxecto.

“PRERIVID busca contribuír a un sector máis competitivo e sustentábel, asegurando a continuidade dunha actividade fundamental para o tecido económico, social e cultural de moitas rexións do Estado”

O uso de ferramentas dixitais (espectroscopía NIR) para avaliar a tensión hídrica do viñedo é outra das claves deste grupo operativo, que ten como fin último unha viticultura máis resiliente, capaz de adaptarse aos efectos do cambio climático, como as ondas de calor e a diminución de precipitacións, que xa están a afectar a zonas tradicionalmente vitivinícolas. Segundo Moure, “PRERIVID busca contribuír a un sector máis competitivo e sustentábel, asegurando a continuidade dunha actividade fundamental para o tecido económico, social e cultural de moitas rexións do Estado”.

Este proxecto enmárcase nos Grupos Operativos da PAC, concibidos como instrumentos chave para fomentar a innovación no sector agroalimentario e forestal europeo, mediante a colaboración multisectorial entre actores públicos e privados. PRERIVID agrupa entidades de Galicia, Comunidade Valenciana, Castela e León e A Rioxa, o que garante unha visión plural e representativa do viñedo do Estado. O labor de FEUGA dentro do proxecto céntrase especialmente na divulgación e transferencia dos resultados ao conxunto do sector, con publicacións, xornadas e materiais técnicos deseñados para garantir que os avances tecnolóxicos cheguen ao territorio.

Javier Cancela, investigador do Departamento de Enxeñaría Agroforestal (USC – PROePLA), expuxo o enfoque técnico do proxecto, subliñando a necesidade de “aprender a regar” (algo que se propoñía internamente desde as adegas do proxecto), tendo como base datos científicos. “Todo isto fundaméntase en información sólida e concisa, xerada tanto por investigadores como polas empresas que colaboran no proxecto. Partimos de predicións meteorolóxicas a sete días, fiábeis e robustas, que nos permiten anticiparnos e decidir cando e canto regar”.

Repasáronse as principais actividades realizadas até a data: instalación de sensores en todas as leiras e a súa calibración, adaptación de sistemas de rega (xa practicamente rematada), zonificación de parcelas, voos de dron térmico e multiespectral, toma de datos diaria para análise de solo e foliar (clima, humidade do solo, potencial hídrico). Tamén a modelización climática, que comezou en 2023 en Quinta Sardonia e que este ano se estendeu ás outras dúas adegas. Cancela tamén abordou os dous tratamentos específicos sobre os que se está facendo un estudo paralelo: o uso de caolín (Adega Enguera) e cubertas vexetais (Quinta Sardonia e Quinta de Couselo).

Nesta última, Quinta de Couselo, onde tivo lugar o evento, trabállase principalmente coa variedade Caíño Branco, aínda que tamén se observa o manexo de Albariño. O tipo de condución en parra é bastante diferente ao do resto de participantes, o que lle engade interese experimental. Ademais das actividades mencionadas, alí estase a utilizar información meteorolóxica da estación de Aseiras para alimentar os modelos predictivos. Tamén se leva a cabo unha actividade transversal (non aplicada en todas as adegas), na que se colleitan follas para analizar con espectroscopía (ultravioleta, visible e infravermello próximo), co fin de correlacionar datos espectrais co estado hídrico das plantas.

Débora Franco, directora de MONET Viticultura, presentou o enfoque tecnolóxico de MONET dentro do proxecto PRERIVID: “A nosa principal ferramenta é unha plataforma web (e app) que funciona como un sistema de apoio á toma de decisións en viticultura. Desde ela pódese controlar o estado do viñedo en tempo real desde calquera dispositivo con conexión á internet”. Esta plataforma céntrase no desenvolvemento de modelos predictivos para a xestión da rega en viñedos, centrados en tres áreas chave: enfermidades fúngicas, fenoloxía da vide e optimización da rega.

Débora Franco, directora de MONET Viticultura, presentó el enfoque tecnológico de MONET dentro del proyecto PRERIVID

Para iso, intégranse datos de sensores de humidade e predicións meteorolóxicas localizadas para calcular semanalmente o tempo de rega necesario para cada parcela. Débora sinalou os desafíos asociados á predición de treboadas e propuxo melloras no modelo para reducir erros no cálculo de necesidades hídricas en semanas críticas. Até a data, a ferramenta demostrou unha alta precisión en condicións normais: “O maior erro acumulado en tempo de rega foi de 50 minutos nunha semana con treboadas. O resto do período tivo desviacións mínimas”. Ademais, a plataforma ofrece outras funcionalidades, como mapas de vexetación e un sistema de xestión documental (caderno dixital de explotación).

Respecto ao proxecto, comentou que non se empregaron os mesmos sensores en todas as leiras. Foi unha decisión consciente, adaptando o tipo de sensor ás características específicas de cada viñedo: en Quinta de Couselo empregáronse sensores TEROS-12, mentres que en Quinta Sardonia e Adega Enguera se usaron sondas DILANDROP. Aínda que todos eles, segundo afirmou, “proporcionan os datos esenciais para calcular as necesidades hídricas, e permítennos comparar diferentes tecnoloxías”.

Jesús Yuste, doutor enxeñeiro agrónomo e investigador do Instituto Tecnolóxico Agrario de Castela e León (ITACyL), presentou os avances do ensaio experimental na leira de Quinta Sardonia. “É fundamental para calquera estudo, para calquera traballo, executar un deseño experimental axeitado, porque toda conclusión ou resultado que se tire vai tratar de extrapolarse a outras posibles situacións”, sinalou Yuste. O experimento, coidadosamente deseñado nunha parcela con alta variabilidade edáfica, comparou tratamentos de rega fronte a secaño e laboreo tradicional fronte a cubertas vexetais sementadas.

Observáronse melloras en parámetros fisiolóxicos baixo rega, aínda que o secaño mostrou unha lixeira vantaxe en termos de concentración de azucres e IPT (Índice de Polifenois Totais).

Os tratamentos combinaron dous niveis de rega (rega e secaño) e dous tipos de manexo do solo (laboreo tradicional e cubertas vexetais sementadas). Nas cubertas incluíronse especies como trigo, cebada, esparceta, mostaza e veza. Durante o ciclo 2023 aplicáronse nove regas, monitorizándose a resposta fisiolóxica, agronómica e enolóxica do viñedo. Observáronse melloras en parámetros fisiolóxicos baixo rega, aínda que o secaño mostrou unha lixeira vantaxe en termos de concentración de azucres e IPT (Índice de Polifenois Totais). Coas cubertas vexetais, a pesar de que non estaban plenamente establecidas desde o inicio do ciclo, xa se percibiron efectos na expresión vexetativa e produtiva, especialmente en peso de acio e madeira, cunha lixeira redución baixo cuberta.

As vinificacións por tratamento permitirán estudar o impacto na calidade do viño ao longo de varios anos, consolidando unha estratexia integral baseada en datos agronómicos e sensoriais. Por agora, só se conta con algunhas mostras, como sinalou Christian Rey, director técnico da adega e da leira en Quinta Sardonia: “Obtivemos unha barrica. Estamos a traballala, estamos a seguir a crianza, e faremos o mesmo todos os anos para ver realmente non só as condicións técnicas, é dicir, non só as analíticas, como varían dun sistema a outro, senón tamén o impacto que teñen na calidade do viño, ao final, na cata, que é o que nos interesa, non só a calidade produtiva, senón tamén a cualitativa”.

Marta Rodríguez, investigadora da Universidade de Santiago de Compostela (USC – PROePLA), expuxo as actividades levadas a cabo na parcela experimental de Quinta de Couselo. A campaña comezou cun estudo de condutividade eléctrica aparente do solo mediante sensores EM38, o que permitiu deseñar bloques experimentais diferenciados e obter un mapa para identificar a variabilidade espacial do solo, tanto nas súas propiedades físicas como químicas.

Nestes bloques instaláronse sensores TEROS-12 e TDR (Reflectometría no Dominio do Tempo) a dúas profundidades distintas: 20 cm e 50 cm. Con estes sensores púidose medir o contido volumétrico de auga, a condutividade eléctrica aparente e a temperatura do solo, obténdose unha correlación elevada entre ambos tipos de sensores. Durante a campaña pasada, aínda sen aplicación de rega, observouse unha evolución similar do contido de humidade nos tres bloques. Ademais, comprobouse unha alta correlación entre os datos obtidos polos sensores TEROS-12 e TDR, cun coeficiente de determinación R² = 0,87, o que valida a calidade de ambas medicións.

Sensores TEROS-12 y TDR (Reflectometría en el Dominio del Tiempo) a dos profundidades distintas: 20 cm y 50 cm.

Doutra banda, realizouse a determinación do estado hídrico da planta mediante cámara de presión (Scholander), seleccionando follas expostas ao sol, adultas e sas, embolsadas unha hora antes da medición (realizada ás 11:00 h). Do mesmo xeito que no solo, o estado hídrico da planta foi similar entre os tres bloques, o cal se espera que cambie en futuras campañas ao comezar os tratamentos diferenciados de rega. En relación coas cubertas vexetais, estas sementáronse en novembro de 2024, polo que os datos aínda non reflicten o seu efecto. Ao longo da campaña avaliarase a súa evolución e influencia sobre os parámetros do viñedo.

Nunha retransmisión en directo desde Valencia, Juan Martínez Barberá, responsable de I+D+i de Adegas Enguera, falou sobre os desafíos climáticos que viven nesa zona, como as secas extremas sufridas en xullo de 2014 ou as pragas de mosquito verde destes últimos anos. A súa intervención centrouse na aplicación de caolín, un mineral arcilloso que forma unha película protectora sobre as follas, axudando a reducir a tensión térmica e a transpiración excesiva, ademais de optimizar o uso da auga en condicións de alta temperatura e radiación solar. Segundo sinalou sobre os resultados: “Precisamente onde se aplicou caolín, a viña aparentemente estaba máis sa e menos afectada, sobre todo, polo mosquito verde”.

Mar Vilanova, investigadora do Instituto de Ciencias da Vide e do Viño (ICVV-CSIC), presentou o seu traballo no ámbito da calidade físico-química e aromática do viño, poñendo especial foco na correlación do potencial hídrico do talo con espectroscopía en diferentes rangos: NIR, MIR e visible-ultravioleta. Este traballo levouse a cabo nas adegas Quinta de Couselo e Adega Enguera e para iso empregouse un autoanalizador enzimático (Biosystems) e un equipo espectroscópico de alta capacidade. Tamén destacou o uso de metodoloxías avanzadas de cromatografía para caracterizar a pegada aromática da variedade Caíño Branco.

Vilanova sinalou que, aínda que é cedo para ter conclusións sólidas, xa se observan algunhas diferenzas tanto en mostos como en viños: “Vemos un incremento neste primeiro ano nalgunhas familias interesantes cando utilizamos o caolín. Fundamentalmente ésteres, non-isoprenoides e compostos de 6 átomos de carbono, que son compostos interesantes a nivel de calidade aromática do viño”. Os resultados tamén evidencian un posible efecto do caolín sobre o incremento de compostos aromáticos clave en Monastrell, o que abre novas liñas de investigación para os próximos anos.

“Non hai que enganarse. A cuberta vexetal supón, a priori, unha mellora na estrutura do solo, que en principio pode permitir maior capacidade de retención de auga e dispoñibilidade de nutrientes, pero non evita que a propia cuberta teña un consumo. Non podemos asegurar iso”.

Respecto ao tema da cuberta vexetal, Jesús Yuste desmentiu que estas reduzan as necesidades hídricas do viñedo: “Non hai que enganarse. A cuberta vexetal supón, a priori, unha mellora na estrutura do solo, que en principio pode permitir maior capacidade de retención de auga e dispoñibilidade de nutrientes, pero non evita que a propia cuberta teña un consumo. Non podemos asegurar iso. En realidade, o que estamos a ver é ata que punto esta competencia engadida pode verse limitada para que non sexa agravante e prexudicial, produtiva e cualitativamente, para o viñedo”.

Estas conclusións reflicten un avance importante no obxectivo principal do proxecto: dotar as adegas dunha ferramenta predictiva eficaz para a xestión hídrica intelixente nos viñedos. PRERIVID demostra que a integración de tecnoloxías avanzadas xunto co uso de tratamentos agronómicos adaptativos (como caolín e cubertas vexetais) ofrece ferramentas prometedoras para preservar a calidade vitivinícola nun escenario de cambio climático, posibilitando novas estratexias de viticultura resiliente, baseada en datos, adaptabilidade e redución do impacto ambiental.

Ao remate dos relatorios, expertos e participantes, acompañados por Rubén Pérez, director técnico de Quinta de Couselo e encargado da parte lúdica da xornada, fixeron unha visita polas viñas experimentais para coñecer o estado e funcionamento dos sensores de forma práctica. Tras percorrer tamén a adega, o público asistente gozou dunha degustación de viños e petiscos a cargo dos anfitrións.

O Grupo Operativo PRERIVID está enmarcado no Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC) 2023-2027, financiado nun 80 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) da Unión Europea e nun 20 % polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA). A Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Innovación e Formación Agroalimentaria (DGDRIFA) é a autoridade encargada da aplicación das devanditas axudas. Orzamento total do proxecto: 589.371,54 €. Subvención total: 583.385,01 €. O Grupo Operativo PRERIVID é a entidade responsable deste contido.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *