O proxecto Eiravine desenvolve un protocolo para recuperar e alongar a vida do viñedo ecolóxico

Este foi un dos resultados do proxecto de investigación Eiravine, levado a cabo pola cooperativa do Ribeiro Cume do Avia en colaboración coa Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA). Os resultados foron presentados no IV Foro de Innovación do Sector Agrario

Eiravine é un proxecto de investigación centrado no ‘desenvolvemento dun protocolo de recuperación de viñedo ecolóxico optimizando a súa lonxevidade e sustentabilidade’. O equipo de traballo, formado pola cooperativa vitivinícola Cume do Avia e a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), levou a cabo unha serie de actividades ata protocolarizar a recuperación de viñedos adultos e obter maior vigor e produción nas plantacións, e mesmo lixeiros incrementos de graduación e acidez, ademais de mostos equilibrados.

Esta iniciativa foi presentada no IV Foro de Innovación do Sector Agrario, organizado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL). “O que prentendemos co proxecto é convivir cos fungos que ocasionan as enfermidades da madeira. Traballando en ecolóxico non temos materias activas que nos permitan solucionar o problema, polo tanto toca convivir e buscar que as plantas non enfermen, ou ben, que xa enfermas nos aporten sustentabilidade”, remarcou o integrante do proxecto por parte de Cume do Avia, Diego Diéguez.

É por isto que o obxectivo de Eiravine era establecer protocolos de xestión e recuperación de viñedos adultos, no marco da viticultura ecolóxica, para que teñan vocación de lonxevidade, equilibrio e sanidade, baseándose na aplicación de medidas rexenerativas do viñedo acordes coa fisioloxía, sanidade da planta, os sistemas de cultivo e a fertilidade do solo.

Antecedentes

“Nestes últimos anos estase observando unha importante perda de vides en viñedos que non alcanzan os 25 anos. A intensificación do cultivo xunto coa falta de man de obra especializada, así como a presenza de enfermidades reemerxentes están entre os factores causantes destas perdas”, detalla o proxecto Eiravine.

“A mecanización do viñedo condiciona a formación, condución e podas das plantas; a utilización inadecuada de funxicidas pode crear resistencias a materias activas impedindo o control axeitado de enfermidades. Polo que o desenvolvemento de praxes incorrectas pode diminuír a lonxevidade do viñedo, non asumible nunha viticultura como a da rexión galega, baseada na calidade e na diferenciación dos seus produtos”, sinala.

Protocolo de actuación e resultados

A estructura do proxecto organizouse en diferentes actividades para acadar unha consecución dos obxectivos. “Distribuímolas en 6 diferentes, partindo dunha recopilación de datos para poñer en perspectiva a situación, seguindo por unha formación técnica e de apoio na implantación das actuacións no viñedo para pasar dun sistema de conducción fundamentada no vaso á empalizada, e logo ir desenvolvendo un protocolo para a fertilización ou para as técnicas aplicadas”, explica Diego Diéguez.

Estas 3 primeiras actividades continuaron con outras 3 ata a obtención de resultados finais. A actividade 4 consistiu no seguimento do desenvolvemento vexetativo e produtivo segundo o protocolo establecido; a actividade 5 levou dito protocolo a campo coa implantación dun viñedo modelo sostible con técnicas respetuosas coa planta, e finalmente, a actividade 6 pecha a estrutura de traballo de Eiravine coa elaboración de informes e resultados finais.

O protocolo de recuperación de viñedos adultos partiu da “zonificación do viñedo, isto é, observar tanto variedade, tipo de solo ou o propio aspecto visual da planta, e identificar as zonas nas que había incidencia ou estaba sás para facer un diagnóstico do estado do viñedo. Logo, entramos nunha parte importante: o diagnóstico do estado nutricional do viñedo a partir de mostras de terreo, para así observar se as plantas estaban nunha situación favorable para os fungos ou non”, especifica Diéguez.

A partir desta fase o equipo de traballo puxo en marcha estratexias de abonado para a corrección dos solos buscando unha serie de parámetros en termos de pH, materia orgánica e outros macro e microelementos.

Táboa valores adecuados de materia orgánica, fósforo asimilable, calcio asimilable e outros elementos./ Fonte: Eiravine

A seguinte fase consistiu no chequeo do estado nutricional das plantas mediante análise foliar en cuallado, para ver “como está asimilando o que hai no chan e ver que as correccións que se levaron a cabo foron efectivas, ou se hai que facer algún axuste. Neste caso, se se trata de correccións de micronutrientes poden levarse a cabo en campaña, directamente a folla, e se son macro, habería que esperar de novo á campaña de inverno”, comenta.

“Agora mesmo, para nós o máis importante son as prácticas de poda. Foi un choque. Fixemos 5 formacións, e xa na primeira delas costou entender cal era a vía para evitar unha mala praxe”, apunta o integrante de Eiravine. É por iso, que a execución de boas prácticas comezouse a notar na poda en verde, finalizando o protocolo coa reposición de marras.

A nivel de resultados xerais “puidemos ver como o vigor das plantas aumentou moitísimo, ao igual que na produción, a pesar dalgunha mala colleita. Ademais, conseguiuse un lixeiro incremento da graduación e da acidez, aínda que son datos que dependen da añada. Polo tanto, agora este protocolo é aplicable a outras explotacións, adaptándoo á singularidade de cada unha das viñas”, conclúe Diego Diéguez.

Comments are closed.