Os residuos de poda melloran a materia orgánica dos solos vitícolas
A través do proxecto Viñ@SoStible, realízanse estudos de valorización de residuos de poda como mellorantes do contido en materia orgánica dos chans vitícolas
Mediante triturado de restos de poda, en Viña Costeira realizaron ensaios de valorización de residuos de poda como mellorantes do contido en materia orgánica dos chans vitícolas. Estes traballos leváronse a cabo dentro do proxecto Viñ@Sostible. A iniciativa xurdiu en 2021 co obxectivo de valorar a viabilidade de obtención de viños de calidade altamente sustentables en base ao emprego de subprodutos vitivinícolas como mellorantes da fertilidade do chan. Traballaron con dous coprodutos susceptibles de valorizar, como son os restos de madeira procedentes da poda da vide e o bagazo resultante dos procesos enológicos.
Carlos Alberte Pérez, director de Viticultura e I+D+i en Viña Costeira, foi o encargado de presentar no Pazo de Toubes (Cenlle, Ourense) os resultados obtidos nestes primeiros ensaios. Viña Costeira SCG é a empresa principal desta iniciativa, na que tamén participan a Cooperativa Vitivinícola Arousá (Adega Paco&Lola), a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) a través da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA).
Primeira fase da investigación
Partiron de varias casuísticas. Por defecto “temos un nivel de fertilidade do chan deficiente, o que reduce o vigor da vide, unha diminución da actividade fotosintética, deterioración de froitos e baixada da calidade e cantidade da colleita”. Outra realidade é que se se fai unha aplicación incorrecta de fertilizantes provócase un desequilibrio nas producións, contaminación ambiental, presenza de compostos prexudiciais para o mosto e desenvolvemento de fungos.
“Este proxecto parte dun anterior que fixemos cos mesmos socios, Ferviña, no cal avaliamos o nivel de fertilidade que nos atopamos nos chans de diferentes parcelas do D.O. Ribeiro e do D.O. Rías Baixas”, expuxo o director de Viticultura. A finalidade era establecer uns niveis de referencia que fosen xenéricos. Observando a variabilidade do chan, aclara que as recomendacións son xenéricas, “pero hai que avaliar cada parcela coas súas características”.
Un dos obxectivos era valorar a viabilidade na elaboración de viños de calidade, sustentables e respectuosos co medioambiente. Para iso, valoraron empregar subprodutos tanto vitícolas (restos de poda) como enolóxicos (bagazo de uva) como mellorantes do contido de materia orgánica do chan. “Tamén buscabamos darlles un valor a eses subprodutos e non destinalos á eliminación tradicional (queimas)”, incide e engade que “a especificidade deste proxecto é ver como mellora a fertilidade do noso viñedo coa aplicación de restos de poda, que efectos ten e como se pode manexar”. Tamén se valora o uso de fertilizantes alternativos sobre a poboación microbiana (a comunidade de microorganismos que habitan e colonizan no chan, que interactúan coa saúde das vides) do medio edáfico. Finalmente analizaron os resultados mediante Deep learning.
Actuacións en seis leiras
Todos os traballos foron realizados en seis leiras diferentes: vales con e sen cuberta vexetal, secaños con cuberta vexetal con e sen rega, e secaños sen cuberta vexetal con e sen rega. Unha vez seleccionados os terreos, empezaron cos labores de poda e incorporaron ao medio edáfico os restos leñosos mediante triturado. Para avaliar como se asentan no chan, realizaron controis do ciclo vexetativo e de maduración: “Analízanse todos os aspectos que inciden na fertilización do chan”.
Para os traballos de trituración empregaron maquinaria específica, “preferiblemente rozadora de martelos, aínda que se poden empregar rozadoras de cadea, pero poden ter problemas para triturar”. É necesario realizar entre dous e tres pases para que se consiga un triturado completo. Todo o triturado incorporouse como mellorante orgánico sen ser enterrado. Carlos Alberte indica que quedou un tema pendente, que é o emprego de UREA “como acelerante da descomposición, que probablemente faremos en breves”.
Como conclusión observaron que a evolución do contido en materia orgánica mesmo se incrementa e que “hai certa variabilidade nos resultados obtidos debido ao curto tempo de estudo”. Tamén se concluíu que o triturado non supón ningún problema a nivel de execución, “se un avance é bo pero difícil de executar, xa deixa de ser tan bo. Este avance é asumible por calquera”. Outra das partes importantes é a incidencia que ten esta práctica no microbioma do chan, “que é interesante ver como se pode mellorar”.