Universidade de Vigo e CSIC colaboran no estudo das comunidades microbianas dos solos agrícolas e forestais
O obxectivo é implementar solucións baseadas na natureza para a xestión sustentable dos ecosistemas agrícolas e forestais
O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) concedeu a condición de Unidade Asociada a ‘Comunidades microbianas de chans’, da Universidade de Vigo. O obxectivo da Unidade Asociada é estreitar a colaboración no estudo da optimización do sistema chan-comunidade microbiana-planta e implementar solucións baseadas na natureza para a xestión sustentable dos ecosistemas agrícolas e forestais.
O investigador responsable da Unidade Asociada é David Fernández Calviño, da UVigo, e a investigadora responsable do CSIC coa Unidade Asociada é Montserrat Díaz Raviña, investigadora científica na Misión Biolóxica de Galicia e xefa do grupo Bioquímica e Calidade de Chans.
A colaboración entre os grupos de ambas as institucións remóntase a 2016. “Estes anos estivemos colaborando de forma frutífera, o que se plasmou na execución de dous proxectos nacionais de investigación coordinados (“Problemas ambientais derivados da presenza de antibióticos de uso veterinario no chan” e “Antibióticos de uso humano en zonas agrícolas tratadas con lodos de depuradora e estratexias de control usando bioadsorbentes: degradación e efectos nos microorganismos”). A estes proxectos únense dous en curso: “Redución de insumos (fertilizantes e pesticidas) e incremento da biodiversidade do chan en cultivo de pataca. Estratexias naturais para a transición a unha agricultura máis resiliente e sustentable” e “Implicacións ambientais e agrícolas dos nanoagroquímicos: novos retos cara a unha produción alimentaria sustentable”. Todos están financiados en convocatorias de concorrencia competitiva do Plan Estatal”, explican Fernández Calviño e Díaz Raviña.
Os investigadores engaden que o recoñecemento da Unidade Asociada permitirá “reforzar a capacidade investigadora dos dous grupos de investigación: Bioquímica e Calidade do Chan (MBG)”. Esta colaboración xa veu desenvolvendo unha longa traxectoria de investigación de excelencia en bioquímica, calidade e conservación de chans, con especial énfase no manexo sustentable e a recuperación de chans agrícolas e forestais. Como exemplo do que se inicia agora destacan que “os equipamentos de investigación de cada grupo poderán obter un rendemento maior, permitindo abordar problemáticas de investigación máis complexas nun ámbito de traballo máis compartido, e dunha maneira máis integrada. Ademais, facilitarase o intercambio de investigadores entre ambos os grupos”.
As Unidades Asociadas
O Estatuto do CSIC establece como unha das súas funcións “a colaboración con outras institucións no fomento e a transferencia da ciencia e a tecnoloxía, así como a colaboración coas universidades nas actividades de investigación científica e desenvolvemento tecnolóxico”. Neste contexto, enmárcase a figura de Unidade Asociada ao CSIC.
As unidades susceptibles de ter esta figura son os departamentos, laboratorios, grupos de investigación ou outras estruturas de I+D+i, pertencentes a universidades, organismos de investigación, centros tecnolóxicos e outras institucións ou entidades de carácter público ou privado, sen ánimo de lucro, que estean a desenvolver actividades científicas ou tecnolóxicas en áreas comúns, afíns ou complementarias ás dun ou máis institutos do CSIC e manteñan con este únavos relación estable de cooperación científica.