BIO_MARTERRA: algas galegas para unha agricultura máis resiliente
A xornada final do Grupo Operativo BIO_MARTERRA presenta os resultados de case catro anos de investigación na utilización de novos bioestimulantes elaborados con descartes de algas mariñas en cultivos de horta e viña.

A Misión Biolóxica de Galicia (CSIC) acolleu o 22 de outubro de 2026 o evento de clausura do Grupo Operativo BIO_MARTERRA, un proxecto multidisciplinar que explorou durante case catro anos o potencial dos descartes de algas mariñas galegas como insumos agrícolas. A xornada, con preto de 80 inscritos entre presenciais e en liña, serviu para presentar os resultados dos ensaios realizados en laboratorio, invernadoiro e campo.
O proxecto contou coa empresa PORTO-MUIÑOS como promotora, xunto coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), a Misión Biolóxica de Galicia (CSIC) e os agricultores Avelino Santana e Horta da Lousa. FEUGA deu soporte administrativo e encargouse da comunicación e divulgación.
O obxectivo é “impulsar a economía circular, a economía azul e a adaptación ao cambio climático a través da revalorización de descartes de algas e da elaboración de bioestimulantes”
O contexto do proxecto responde á crecente presión sobre o sector agrícola polo cambio climático e as esixencias do Pacto Verde Europeo de reducir insumos de síntese. Fronte a isto, a valorización de descartes de algas alimentarias —que non se destinan á alimentación, ou de especies de algas abundantes e que teñen pouco percorrido en gastronomía— plantéxase como unha oportunidade. Como explicou Gabriel Santos, xestor de proxectos en FEUGA, o obxectivo é “impulsar a economía circular, a economía azul e a adaptación ao cambio climático a través da revalorización de descartes de algas e da elaboración de bioestimulantes”. Santos lembrou que os grupos operativos son unha ferramenta da Unión Europea para acadar os obxectivos da Política Agraria Común e que BioMarTerra está aliñado cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible 12 (produción e consumo responsables), 13 (acción polo clima) e 14 (vida submarina).
Resultados científicos: do laboratorio ao invernadoiro
Andrés Osoro, investigador predoutoral do Campus Terra (EPSE-USC), presentou os ensaios de xerminación e de invernadoiro con beldroega, leituga e rabaniño en condicións de estrés hídrico e salino. A súa conclusión principal é clara: “Os bioestimulantes responden mellor en condicións de estrés que sen estrés”. Sen estrés, as distintas doses apenas marcaron diferenzas. Pero ao introducir un estrés por seca ou salinidade, os resultados cambiaron: con estrés hídrico, a aplicación dunha dose de 1 ml/l de bioestimulante de algas incrementou a lonxitude da raíz un 38% e a lonxitude total un 33%; con estrés salino, á dose de 1,5 ml/l aumentou a raíz un 68% e a lonxitude total un 45%.
En invernadoiro, o bioestimulante A6, o modelo máis avanzado de Porto-Muiños, volveu destacar. Baixo estrés salino, a dose de 3 ml/l aplicada unha vez por semana xerou incrementos do 36% fronte ao control con estrés, superando mesmo o control sen estrés e o bioestimulante comercial MaxiCrop. En situacións de estrés por seca, a mellor opción para o cultivo de leituga foi 2 ml/l de bioestimulante unha vez por semana, que logrou mitigar as perdas de produción. Osoro tamén mostrou que as plantas tratadas con A6 mantiñan mellor a auga nas súas células e reducían un 53,2% a prolina, un indicador obxectivo de estrés. Como parte da transferencia de resultados, o equipo presentou unha comunicación no 16º Congreso de Agricultura Ecolóxica de Navarra (abril de 2026) e dirixe tres traballos de fin de grao sobre a materia.
“É unha ferramenta que hai que planificar, non como unha cura, senón desde o principio do cultivo, haxa estrés ou non”. Tamén sinalou que o produto pode permitir unha redución considerable do uso de auga, algo clave no contexto actual.
Alfredo Taboada, tecnólogo do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), presentou os ensaios en invernadoiro con leituga, pemento e tomate. A súa experiencia foi máis matizada. En 2024, ao non haber estrés, non se observaron diferenzas entre tratamentos e control. En 2025, cunha redución da rega do 40%, o bioestimulante A1 axudou ás plantas de tomate a manter a produción e mesmo a producir máis número de froitos, aínda que de menor tamaño, pero non puido compensar a perda en pemento, cuxa produción sen tratamento e con rega normal foi moi superior. “Este bioestimulante non vai ser capaz por si só de compensar un estrés hídrico severo nalgúns cultivos determinados”, concluíu Taboada. No entanto, destacou un efecto rechamante: “Non se distinguían as plantas sometidas a estrés das non sometidas a estrés a simple vista”. Esa mellor sanidade das plantas levouno a defender un cambio de enfoque: “É unha ferramenta que hai que planificar, non como unha cura, senón desde o principio do cultivo, haxa estrés ou non”. Tamén sinalou que o produto pode permitir unha redución considerable do uso de auga, algo clave no contexto actual.
Susana Boso Alonso e Mari Carmen Martínez, investigadoras do grupo VIOR da Misión Biolóxica de Galicia (CSIC), exploraron dous extractos diferentes de algas para coñecer a súa resposta aos ataques de mildiu e botrite en viñedo, nas variedades Albariño e Mencía. No laboratorio, con discos de folla, ambos os extractos reduciron a enfermidade respecto ao control, pero curiosamente o extracto deseñado como bioestimulante A1 foi o que mostrou maior eficacia contra o mildiu, reducindo incidencia e severidade. Ademais, observouse que funcionaba mellor cando se aplicaba antes de inocular o patóxeno, o que indica un efecto preventivo máis que curativo. No campo, os resultados foron máis variables pola multitude de factores que inflúen, aínda que ambos os extractos reduciron a infección. En Albariño observouse un lixeiro aumento do grao alcohólico probable e do rendemento en mosto co extracto bioestimulante, así como follas de maior tamaño. En Mencía non se puideron recoller datos fiables de produción polo ataque de paxaros e enfermidades. O equipo subliñou a necesidade de continuar a investigación: “O resultado deste proxecto agora está pedindo poder continuar. Poder facer estes ensaios a maior escala en campo. Ver que mecanismos de defensa se producen que eviten que haxa maior infección de mildiu”.
“Isto sería imposible de conseguir co esforzo dun só e sen a axuda da administración”
Manuela Buján, bióloga do Departamento de I+D de Porto-Muiños e coordinadora técnica do proxecto de innovación BIO_MARTERRA, xunto a Antonio Muiños Insua, director da empresa, explicou o proceso de desenvolvemento dos extractos desde a empresa (Porto-Muiños SL). Partiron dunha batería de 10 a 12 modelos, dos que seleccionaron e optimizaron dous ou tres. O obxectivo era lograr un produto eficaz e, á vez, viable economicamente: “Algúns procedementos daban bo resultado, pero non eran sostibles economicamente”, sinalou. O modelo A1 cumpre coa lexislación española e é o máis avanzado no seu desenvolvemento; un segundo extracto, que non cumpre a normativa nacional pero podería cumprir a europea, funciona “bastante ben”; e a súa comercialización require adaptarse a outra normativa e facer máis ensaios. Buján destacou a importancia da dose: “Os bioestimulantes teñen un pico óptimo de dose; se se aplican a doses máis baixas funcionan peor e tamén se se aplican a doses máis altas das recomendadas”. Destacou o valor da colaboración: “Xuntos puidemos abrir unha actividade nova na empresa e o produto que está máis preto da súa comercialización funcionou ben. Isto sería imposible de conseguir co esforzo dun só e sen a axuda da administración”.
A experiencia no campo
Lucio García, do Centro Tecnolóxico da Carne, presentou en nome de Avelino Santana, propietario da explotación Patacas A Corga na comarca de A Limia, os ensaios realizados en colaboración entre ambas as entidades. Nas probas en extensivo, o bioestimulante A1 mostrou resultados “discretos” nalgúns anos e “espectaculares” noutros, con incrementos de ata 66.000 kg/ha fronte a 60.000 kg/ha do control na variedade Agria. Nun ensaio inducindo estrés con herbicida —unha práctica habitual para controlar malas herbas da mesma familia de plantas que a pataca—, o bioestimulante logrou recuperar a vexetación das plantas ata igualar o control sen estrés, e mesmo superalo lixeiramente. García tamén destacou o contexto climático: na comarca detectaron que, nos últimos 20 anos, a temperatura media subiu grao e medio e un 25% das horas quedan fóra do rango en que a pataca acumula amidón, o que fai máis necesario este tipo de ferramentas. “Penso que ten lóxica seguir explorándoo”, concluíu.
“É unha ferramenta indispensable para que as novas xeracións poidan vivir o campo con dignidade”
Néstor, de Horta da Lousa, achegou a visión do agricultor ecolóxico. A súa explotación, con 37 anos de traxectoria, combina viveiro de hortalizas, produción en fresco en ecolóxico, vacas e castiñeiros. Para el, este produto é unha “ferramenta que dá moita seguridade” ao aplicador: é de orixe natural, pódese manipular sen riscos e é compatible con outros fitosanitarios, o que permite reducir aplicacións e aforrar en insecticidas, fungicidas e abono. “Non só nos mellora a produción, senón que aforramos”, afirmou. Néstor destacou tamén que a planta tratada “non atrae tantas pragas nin enfermidades aéreas” e é “máis eficiente no uso do abonado”, algo especialmente valioso en anos de seca como o vivido. No seu balance, o produto non só mellora o rendemento, senón que aumenta os calibres, que se pagan mellor no mercado. “Imaxinade que usando unha ferramenta teñamos un 20% máis de produción; quen non vai querer un 20% máis de salario?”. E falou dun cambio de paradigma: “É unha ferramenta indispensable para que as novas xeracións poidan vivir o campo con dignidade”.
Apoio institucional
Martín Alemparte, director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), subliñou a importancia da transferencia de coñecemento: “A innovación e a investigación agraria, ao estar financiada con fondos públicos, ten que ter esa finalidade de practicidade. Non pode quedar nunha publicación, ten que saír ao campo, aos nosos agricultores”. Así mesmo, destacou que neste período se apoiaron 44 proxectos de grupos operativos cunha inversión duns 6,4 millóns de euros.
A xornada finalizou cunha demostración expositiva sobre as técnicas de laboratorio utilizadas na Misión Biolóxica.
_
O proxecto BioMarTerra está financiado polas axudas para a execución de proxectos innovadores dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas nun 80 % co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do PEPAC 2023-2027, con fondos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (16%), e fondos con fondos propios da Xunta de Galicia (4%). Conta cun orzamento e unha subvención de 179.634,83 €.




