“O gran reto da industria láctea de Galicia é mellorar o valor engadido dos seus produtos”

Roberto Alonso, director do Clúster Alimentario de Galicia (CLUSAGA), explica como conseguiron a axuda do PERTE para o proxecto SmarTZ4Milk, formado por un consocio de 11 empresas vinculadas ao sector lácteo, pero tamén tecnolóxico e do coñecemento. Prevé un investimento de 17 millóns de euros para mellorar a competitivade do sector lácteo galego


O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) presentou recentemente un dos proxectos de innovación I+D+i nos que se atopa inmerso. Trátase de ‘SmarTZ4Milk-Cadea de Valor Láctea Intelixente, Rastrexable, Sostible e Conectada’, un proxecto tractor promovido polo Clusaga a través da Oficina Técnica Next Generation Galicia Food. O principal obxectivo desta iniciativa é transformar o sector lácteo galego e revolucionar as súas cotas de competitividade mediante a I+D+i e o investimento en sustentabilidade. Este proxecto está financiado a través das actuacións de fortalecemento industrial do sector agroalimentario-PERTE Agroalimentario.

Nesta entrevista, falamos con Roberto Alonso, director do Clusaga, quen nos explica quen forma parte do proxecto, como optaron a esta axuda e que beneficios traerá para o sector lácteo galego.

– Cales son os obxectivos do proxecto SMARTZ4MILK?
O primeiro a destacar é que conta con 11 socios. Logo, o investimento que se prevé de 17 millóns de euros cunha subvención de preto de 10 millóns. Esta inversión pode ter un efecto tractor en todo o sector lácteo galego e tamén noutras áreas coma Asturias. Os obxectivos que se formulan son promover a I+D+i, (dentro do macroproxecto hai varios proxectos de innovación do sector lácteo) e mellora da competitividade, que se vai a traballar a través da dixitalización dos procesos das industrias (incorporación de novas tecnoloxías, aplicación de ferramentas Big Data…). Tamén se fará fincapé na sustentabilidade e nese ámbito traballarase con varios proxectos en temas de solución de usos de materias primas, optimización, eficiencia enerxética, redución de xeración de residuos… Polo tanto, os obxectivos son a tres niveis: innovación, competitividade e sustentabilidade.

– Que vos levou como Clusaga a impulsar esta iniciativa e liderala?
Forma parte do no noso plan estratéxico. Nestes momentos poñemos o foco na dixitalización das nosas empresas e en incorporar nas mesmas a innovación como eixo estratéxico. Por iso, sempre estamos na teima de poder aproveitar oportunidades como a da convocatoria do PERTE. Consideramos que era unha oportunidade significativa. Había empresas interesadas e vimos a oportunidade da financiación, entón traballamos no deseño deste proxecto e no deseño do consorcio que o ía levar a cabo. Nestes anos xa xeramos outros proxectos con consorcios e mostrouse como a cooperación entre empresas do sector e outras empresas do ámbito do coñecemento, do ámbito tecnolóxico etc. é a parte fundamental do noso traballo.

– Indica que é un consorcio de 11 socios, de que parte se encarga cada un deles?
Conta cun grupo de empresas lácteas que representan a distintos tamaños (grandes e PEMES) que van incorporar tecnoloxías e melloras a nivel ambiental e de innovación. Esas empresas son: Grupo Leche Rio, CAPSA FOOD, Grupo Cooperativas Lácteas Unidas – CLUN, Agrupación de Cooperativas Lácteas, Cooperativa Agraria Provincial De A Coruña (Bico de Xeado), Queizuar e Queixería Prestes. Logo hai un segundo grupo de empresas socias do consorcio que son do ámbito tecnolóxico: Grupo AMSlab, ASM Soft, Tecnologías Plexus e Sixtema Proyectos de Información. Tamén se incorporan outras entidades que estarán subcontratadas polas empresas, que non forman parte do consorcio do proxecto, entre as cales se incorpora a Universidade de Santiago coa Aula de Produtos Lácteos. A Universidade de Vigo e Centro Tecnolóxico de Galicia (ITG), que achegan coñecemento tecnolóxico.

A cooperación é fundamental para mellorar a capacidade das empresas que forman un consorcio

– Non participan industrias lácteas grandes, por que?
Na fase de creación do consorcio houbo grandes empresas lácteas e pequenas coas que se mantiveron reunións, pero algunhas non puideron participar pola complexidade do proxecto, polos requisitos ou polo momento no que se tiña que desenvolver o proxecto. Algunhas desas empresas, como Entrepinares, forman parte doutros proxectos lácteos que levamos a cabo, pero nesta ocasión non encaixaban.

– Nun sector con cada vez más cota para grandes multinacionais, tamén en Galicia (Lactalis, Yeeper Dairy, Nestlé etc.). Cales considera que son as claves para que a industria láctea galega, especialmente a de capital autóctono, sexa competitiva?
Cremos que as claves son este tipo de proxectos. Empresas moi grandes foráneas teñen unha serie de posibilidades de financiación de proxectos propios que a súa vez os levan a ser máis competitivos. Estes proxectos levan a mellorar a optimización de procesos que permite que as empresas aforren custes e polo tanto sexan máis competitivas en prezo e calidade dos seus produtos. Estas grandes multinacionais teñen os seus propios fondos e por iso é importante que as pequenas se incorporen a este tipo de proxectos e que colaboren entre elas para que teñan esa mellora competitiva compartida. Os fondos públicos deste proxecto facilitarán que todas as inversións se poidan facer de maneira efectiva e rápida. A cooperación é fundamental para mellorar a capacidade das empresas que forman un consorcio.

– Que carencias detectaron na industria láctea galega?
Si que vemos hai unha evolución positiva, que hai un salto cualitativo e cuantitativo nos últimos anos. Con respecto a hai 10 anos, estanse xerando grandes proxectos de inversión e transformación con novas fábricas e novas liñas de produción e con empresas máis pequenas que fan cousas innovadoras no sector. As novas liñas de traballo e novos emprendedores están conseguindo modernizar o sector e, sobre todo, mellorar no rendemento da principal eiva que é o valor engadido dos produtos. Galicia é unha das rexións europeas que máis leite produce, porén o que vemos é que o valor engadido historicamente non é moito.

Dos case 17 millóns de euros, recibirase unha financiación a través de subvención directa de 9,4 millóns, que proveñen dos fondos Next Generation,

– Que melloras prevén que suporá para os socios participantes integrarse nunha cadea láctea intelixente e interconetada?
Hai proxectos individuais e compartidos. Hai unha plataforma de trazabilidade, que permitirá que todas as industrias lácteas participantes e as que se poidan incorporar ao longo do proxecto poidan compartir datos do sector. Agora mesmo, nesta revolución tecnolóxica os datos son moi importantes e esta plataforma permitiralles coñecer o segmento da produción primaria: que volume de leite se produce nas granxas, con que calidade, como se pode predicir a súa variabilidade, como optimizar procesos como a recollida etc. Toda esa transformación da cadea de valor vai permitir que os consumidores poidan coñecer máis información da orixe dos produtos que consomen. Deste xeito, as persoas que consuman produtos das empresas que forman parte do proxecto farano de maneira consciente e valorarán outros aspectos como a seguridade alimentaria, benestar animal… Agardamos que todo o que se transmita sexa información valiosa e que permita ás empresas ser máis competitivas.

– Cal é o plan de traballo que se marcan para este proxecto?
O proxecto foi aprobado a principios de 2024 e dende entón estase axilizando o plan para que as empresas poidan facer xa inversións. Algunhas xa están en fase de construción das plantas de tratamento que incorporarán nas súas industrias. Estanse adiantando os pequenos proxectos e dende Clusaga intentamos coordinar todo porque é un proxecto complexo e ambicioso que debe estar rematado en xuño de 2025.

– A inversión en SMARTZ4MILK estímase en 16,8 millóns de euros. Como se repartirá entre a parte pública e privada?
Dos case 17 millóns de euros, recibirase unha financiación a través de subvención directa de 9,4 millóns, que son fondos que proveñen do PERTE, é dicir, fondos Next Generation. Unha pequena parte, 300.000 euros, serán con interese cero e recibirano as empresas. O resto é inversión privada que reciben as empresas na cofinanciación.

– Foi especialmente dificultoso acceder ás axudas do PERTE agroalimentario?
Si, foi complexo. Isto foi unha convocatoria que no seu deseño requiría xa formar un consorcio moi numeroso e cunha serie de características (cumprir con sustentabilidade, trazabilidade…). Tiña unha preparación administrativa complexa. Iso foi un proceso que se alongou durante un ano, posto que a convocatoria publicouse en 2023 e case ata finais non tivemos unha resolución. Foi tan complexo que só se aprobaron 13 proxectos en toda España para toda a industria agoalimentaria.

Temos previsto seguir optando a fondos Next Generation e atopámonos definindo as novas propostas para presentar á subvención

– Tendo en conta que o PERTE Agroalimentario conta cunha partida de preto de 1500 millóns de euros. Non considera que Galicia se está quedando atrasada á hora de optar a estas axudas?
Non, o contrario. Nesta convocatoria non se aplicaba todo o volume. Debido a complexidade da tramitación e demais non se presentaron tantos consorcios, nin se executou todo o orzamento. Das rexións, Galicia está na terceira posición logo de Cataluña e Valencia, que son rexións que teñen peso socioeconómico na industria agroalimentaria importante. Non estamos atrasados, nesta convocatoria estamos no podio.

– Cales foron as principais novidades que achegou o director da Oficina Técnica do Comisionado especial para o PERTE Agroalimentario, Galo Gutiérrez, na presentación?
O principal é que abrirán segunda convocatoria, que será publicada en setembro. Abrirana con menos requisitos para facilitar que pequenas empresas poidan participar, deixando unha liña específica para PEMES.

– Ademais da candidatura galega ao PERTE Agroalimentario, dende Clusaga coordinades outros proxectos que contan con fondos Next Generation como pode ser o Milsktelligence ou Smart4Cheese. En que estado se atopan estes proxectos?
Eses proxectos son relativamente curtos e máis pequenos, para cada un destinouse medio millón de euros. Son proxectos que se van executando en distintas anualidades. E en 2023 levamos a cabo un grupo de sete proxectos que veñen de rematarse en abril de 2024. Agora estamos preparando una nova convocatoria. Son proxectos pilotos onde se probaron diferentes tecnolóxicas. Centros tecnolóxicos ou empresas tecnolóxicas implementaron solucións para melloras de procesos nas empresas alimentarias. Neste caso tivemos dous do sector lácteo, Milktelligence e Smart4cheese. Hai outros que son doutros sectores. Agora temos previsto seguir optando a fondos Next Generation e atopámonos definindo as novas propostas para presentar á subvención.

Comments are closed.