AI Lume, a intelixencia artificial ao servizo da extinción de incendios forestais
Un equipo da Escola Politécnica de Lugo desenvolve un sistema que axuda a despregar as brigadas e medios aéreos e terrestres en función dos accesos, a orografía do monte e as condicións meteorolóxicas, reducindo tempos de resposta para atacar de xeito máis eficaz o lume

Luis Franco, explicando a evolución dos lumes en Galicia e o funcionamento da nova ferramenta de axuda na toma de decisións
Á hora de atallar un incendio forestal os momentos iniciais son cruciais. Canto antes se poida enfrontar o lume menor dimensión terá e máis doado será de apagar. Pero, como lograr isto nun territorio disperso como o galego, cunha orografía complicada e pistas de acceso aos montes moitas veces pechadas pola broza ou en mal estado de conservación? E que medios enviar a cada sitio cando se produce máis dun lume ao mesmo tempo?
“Os erros nesta fase de toma de decisións acostuman provocar un desbordamento dos dispositivos de extinción”, asegura Luis Franco, investigador do grupo Proxectos e Planificación (PROEPLA) da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) de Lugo, dirixido polo catedrático Manuel Marey.
AI Lume desenvolve un modelo de resposta temperá a incendios forestais mediante intelixencia artificial
O proxecto AI Lume está baseado na aplicación de técnicas de Intelixencia artificial, Machine learning e Deep learning na modelización dos incendios forestais e foi seleccionado para formar parte do Programa de Activación á Transferencia de Coñecimento do Campus Terra.
Unha vez validado o sistema, que estaría dirixido principalmente a Administracións públicas con competencias na extinción de lumes, podería comercializarse, xa que un software pode patentarse se resolve un problema de xeito novidoso.
Hai unha grande dificultade neste momento de acceso nas fases iniciais dos lumes
“Hai unha grande dificultade neste momento de acceso nas fases iniciais dos lumes. Os camiños están abandonados e non hai nos pobos ninguén que te poida levar aos lumes, porque non existe cartografía actualizada de camiños e o seu estado é moi deficiente por falta de mantemento, o que dificulta, por exemplo o acceso de motobombas por camiños cheos de maleza”, exemplifica.
Axuda na toma de decisións para lograr unha resposta rápida
Este modelo de resposta temperá axuda á toma de decisións á hora de planificar os medios. “A planificación de recursos é habitualmente un problema. Nos incendios de Portugal os bombeiros queixábanse de que non se moveron os medios coa axilidade que se tiñan que ter movido. Esta ferramenta permite ter unha estimación de que medios desprazar e desde onde, porque algunha vez cando desprazas medios dun lugar deixas esa zona descuberta”, explica Luis.
Non se trata só de dispoñer de moitos medios, senón de optimizar a súa efectividade
“Á hora de apagar un lume moitas veces non se trata só de número de efectivos, senón de lograr a máxima operatividade e eficacia. O Goberno dos EEUU é a Administración que máis gasta en extinción de lumes con moita diferenza e aínda así non se evitan situacións como as vividas fai pouco en Los Ángeles”, engade.
Distrito piloto en Monforte
A partir da ferramenta deseñada, o equipo da EPSE está a traballar coa Consellería do Medio Rural, coa Subdirección de Defensa do Monte, para resolver problemas estratéxicos de planificación no despregamento dos efectivos sobre o terreo.
Entre outras solucións propostas, está a creación de nova cartografía navegable para axilizar a toma de decisións para automatizar e optimizar a chegada das brigadas e medios de extinción. “Antes as brigadas eran do Concello no que estaban e coñecían o territorio. Agora as brigadas pertencen a un territorio máis amplo, os distritos forestais, e descoñecen o estado do monte”, evidencian os investigadores.
No monte, que exista unha pista ou unha estrada non quere dicir que sexa transitable nun momento dado
En concreto, estase a desenvolver un modelo piloto para un distrito forestal, o Distrito VIII de Monforte, que inclúe zonas de Folgoso de Courel e Quiroga, de detección de estradas a partir de fotografías aéreas e intelixencia artificial. “No piloto cartografáronse 95 km de estradas que foran percorridas polos medios de extinción nos últimos anos”, detalla Luis.
“No monte, que exista unha pista ou unha estrada non quere dicir que sexa transitable nun momento dado. Traballos forestais ou de saca de madeira poden deteriorar os camiños. Por iso é imprescindible dispor de información actualizada. O obxectivo é facer rutas máis seguras tanto de chegada ao lume como de escape en caso de perigo de que o lume se descontrole”, indica.
O equipo de AI Lume está traballando na posibilidade de facelo en tempo real, dirixindo aos propios medios. “Temos un novo sistema para mellorar aínda máis o modelo a través da suma de Intelixencia artificial e Machine learning”, explican.
Características especiais de Galicia
O territorio galego ten unhas características especiais, sobre todo pola fragmentación dos núcleos de poboación, que condiciona o despregamento de medios á hora de enfrontar un lume no monte. “Temos 30.000 núcleos de poboación e a prioridade é defender as casas, polo que é esencial ter moi ben colocados os medios de extinción no territorio. Ten moito mérito que non ardan máis casas coa cantidade de lumes e de núcleos de poboación que temos. Nese sentido, o sistema galego de extinción é moi eficaz”, asegura Luis.
O sistema galego de extinción é moi eficaz no seu obxectivo de defender as casas
“Antes, os pequenos lumes eran capaces incluso de atallalos os veciños, pero agora en moitas aldeas non queda xente e a dimensión dos incendios tamén é maior. Hoxe queda a poboación envellecida que non ten capacidade de enfrontarse a este tipo de lumes”, recoñece.
Cada vez imos ter máis combustible no monte con máis probabilidades que arda e que arda con máis potencia
O equipo da Politécnica está centrado en lograr unha optimización do sistema de defensa contra incendios, pero avoga pola rendibilidade do monte como mellor antídoto para que non arda. “Cada vez imos ter máis combustible no monte con máis probabilidades que arda e que arda con máis potencia. A día de hoxe é inasumible limpar todo o monte con brigadas, ou fas que haxa actividade económica para ter o monte limpo por parte dos propietarios ou é inabarcable facelo desde a Administración polo estado de abandono no que se atopa”, insisten.
Cambios no tipo de lumes
Nos últimos 40 anos produciuse unha profesionalización da resposta aos incendios forestais en Galicia, na que se distinguen distintas fases en canto aos medios dispoñibles e a súa coordinación. Estes cambios fóronse dando de xeito parello á propia evolución do número de lumes e as súas características.
Nunha primeira etapa (1990-1997), os medios de extinción en boa medida eran dependentes dos Concellos, coa coordinación da Xunta. Na década seguinte, de 1998-2006 estabilízanse o número de lumes e a superficie queimada, pero no 2006 houbo unha forte concentración de incendios que desbordaron os sistemas de emerxencia.
Até agora a maior parte dos incendios eran intencionados pero o abandono do territorio tamén está a levar a un descenso no número destes lumes
A partir do 2006 e até 2023 a maior parte dos lumes tiñan que ver con causas humanas. “Até agora a práctica totalidade dos incendios eran intencionados. E cando se pon orixe descoñecido nas causas seguramente tamén foran intencionados”, asegura.
“Galicia foi sempre, de lonxe, a comunidade onde máis lumes houbo. Hai máis lumes en Galicia que no resto de España xunta. Pero estamos converxendo co resto do mundo no tipo de lumes”, describe.
Pero o abandono do territorio está a levar a un descenso no número destes incendios intencionados e, ao mesmo temo, dá lugar a unha continuidade na paisaxe rural que provoca novos tipos de lumes: “incendios de sexta xeración, con pirocúmulos”, describe Luis.
Estanse a dar xa en Galicia lumes de sexta xeración, con pirocúmulos
Este tipo de novos lumes vense favorecidos, ademais, polo efecto do cambio climático. “Temos máis combustible acumulado e é máis propenso a arder, porque e a maleza está máis seca”, argumenta.
Algúns exemplos deste tipo de novos incendios orixinados en Galicia nos últimos anos serían o lume do Courel do verán de 2022, un dos maiores da historia da comunidade, orixinado por unha chispa dunha tormenta, ou o de Trabada do outono de 2023, que aínda que as investigacións realizadas concluíron que foi intencionado, viuse logo favorecido polas condicións ambientais e a maleza seca acumulada no monte.