“Os solos galegos teñen unha elevada capacidade de adsorción ou retención de antibióticos”
Esperanza Álvarez é catedrática de Edafoloxía e Química Agrícola na Escola Politécnica de Enxeñaría do Campus Terra da USC en Lugo e coordina o grupo de investigación UXAFORES, que desenvolve a súa actividade en ámbitos como o forestal ou o medio ambiental
A Unidade de Xestión Ambiental e Forestal Sostible (UXAFORES) é un grupo de temática forestal e medioambiental que realiza actividades de investigación, así como traballos e proxectos para empresas, particulares e Administracións públicas.
Ten a súa sede na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, no Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela e Esperanza Álvarez, catedrática de Edafoloxía e Química Agrícola, é a súa coordinadora.
– O voso grupo de investigación é un dos máis consolidados do Campus Terra, con máis de 20 anos de actividade. En que proxectos estades a traballar nestes momentos?
– Dentro de UXAFORES hai pequenos equipos traballando en distintas temáticas, uns investigamos distintos aspectos dos solos (fertilidade, contaminación, valorización de residuos e subprodutos), pero hai compañeiros traballando no ámbito da modelización forestal e a selvicultura, co uso da madeira estrutural, en proxectos sobre lumes forestais (modelización e concienciación), sobre pragas e enfermidades forestais (especialmente do castiñeiro), sobre produción micolóxica, etc. Somos un grupo moi amplo e con moitas sinerxias entre nós.
– En que consiste en concreto a liña de investigación do teu equipo?
– Temos un proxecto centrado na presenza de antibióticos no solo. Xa é o terceiro que levamos a cabo neste ámbito. Primeiro estudamos os antibióticos de consumo veterinario, sobre todo tetraciclinas e sulfonamidas en xeral; despois os antibióticos máis habituais empregados en humanos, e agora estamos analizando os anticocidios, que se empregan sobre todo en pensos para aves.
Nos dous primeiros proxectos neste eido traballamos en colaboración co equipo de Manuel Arias Estévez, da Universidade de Vigo, e co de Montserrat Díaz Raviña, do CSIC de Santiago, que tamén colabora no que estamos levando a cabo actualmente.
Os animais, ao igual que os humanos, absorben unha cantidade limitada da dose de antibiótico administrada, habitualmente menos do 80%, e o resto expúlsase a través das feces ou dos ouriños e acaban, no caso dos animais, nas fosas de purín e no dos humanos nos lodos das depuradoras, que despois, tanto nun caso como no outro, acaban nos solos cando se usan como produtos enmendantes.
– Que resultados obtivestes?
– No caso dos puríns, o 42% das mostras analizadas presentaron algún antibiótico, até cinco na mesma mostra. O maior problema detectouse no caso do de porcino, onde máis dun 80% tiña algún antibiótico, mentres que a menor presenza obtívose no purín de vacún.
No caso dos solos que recibiron puríns, a porcentaxe de mostras que presentaban algún antibiótico descendía ao 17%, ben porque se degrada ou porque o absorben as plantas. Por iso, nós estudamos a problemática que había despois; é dicir, se dese solo podían pasar aos alimentos e, de feito, atopamos presenza de antibióticos de uso veterinario en cereais e forraxes. Neste sentido, un 71% das mostras de pasto e millo e un 33% das de trigo tiñan algún antibiótico, se ben en concentracións moi baixas, moi inferiores ás obtidas noutras áreas de agricultura intensiva.
Os antibióticos que os animais e os humanos tomamos acaban nas fosas de purín e nos lodos de depuradora e, de aí, pasan ao solo e ás plantas
Nos de consumo humano estudamos algúns dos máis utilizados (amoxicilina, azitromicina, claritromicina, cefuroxima, trimetroprim, levofloxacino, ciprofloxacino, norfloxacino) que están presentes nun 68% dos lodos de depuradora na primavera en nun 32% no outono, pois as plantas de tratamento de augas residuais non foron deseñadas para eliminar estes contaminantes emerxentes.
Os que máis atopamos foron as quinolonas (principalmente o ciprofloxacino). Non obstante, estes lodos antes de incorporarse aos solos, en Galicia teñen que pasar por xestores de residuos, de maneira que os tratamentos que lles aplican reducen drasticamente os contidos e o número de antibióticos.
As plantas de tratamento de augas residuais non foron deseñadas para eliminar estes contaminantes emerxentes
Xa nos solos, un 12% presentaron algún antibiótico, principalmente quinolonas, en moi baixa concentración, e nos cultivos non se detectaron estes fármacos, polo que os tratamentos dos xestores resultaron moi efectivos en reducir ou eliminar estes antibióticos.
Ademais, os nosos solos teñen en xeral unha elevada capacidade para reter os antibióticos e evitar que pasen ás augas ou aos cultivos. Ese poder de retención depende fundamentalmente do pH do solo, do contido de materia orgánica e dun tipo de minerais que teñen baixa cristalinidade. Tamén depende das propiedades dos antibióticos, sobre todo da súa solubilidade, de modo que por exemplo as sulfonamidas son moito máis solubles que as tetraciclinas, retéñense menos no solo e en consecuencia presentan un maior risco medioambiental.
En solos cun escaso poder de retención, que acostuman ser os pobres en materia orgánica, pódese incrementar a capacidade de adsorción dos antibióticos con algúns residuos ou subproductos agroforestais ou da industria alimentaria como cinsas de biomasa, cortiza de piñeiro ou cuncha de mexillón, o que contribúe ademais á valorización destes materiais, nun contexto de economía circular.
Esas foron as dúas liñas de investigación nas que estivemos traballando até agora e eses dous proxectos deron pé a un terceiro, que é no que estamos agora, que é o dos anticocidios.
Os anticocidios que se empregan nos pensos para aves son moi tóxicos para os humanos
A cocidiose é unha enfermidade moi común sobre todo nas aves, e ese tipo de antibióticos, que son ionóforos (como salinomicina, monensina, narasina ou lasalocid), son moi tóxicos para os humanos pero estanse engadindo sobre todo a pensos de aves. Hai que dicir que a carne de polo, por exemplo, pasa controis para garantir que estea libre de anticocidios, pero estámolos estudando a nivel ambiental.
Investigamos a súa presenza en puríns, solos e cultivos e a capacidade que teñen os nosos solos para adsorbelos ou retelos. Como nos proxectos anteriores, dependendo do pH do solo e da presenza de máis ou menos materia orgánica, e das propiedades do fármaco, nuns adsórbense aos solos máis ca outros, pero os residuos anteriormente nomeados (cinsas, cortiza de piñeiro, cunha de mexillón) poden axudar a reter eses fármacos no solo, evitando que pasen ás augas, á cadea trófica e que cheguen a nós.
– Ademais de investigar, na Escola Politécnica de Lugo tamén axudades aos produtores a ser máis eficientes, por exemplo, facendo analíticas de solo.
– Si, levamos moitos anos facendo análises de solos para cooperativas agrícolas e dando asesoramento con recomendacións de encalado e abonado. Facemos máis de 2.000 analíticas ao ano, porque ademais de analizar solos agrícolas, tamén nos mandan mostras de solos forestais por parte de empresas do sector e facemos tamén a parte analítica para outras Universidades que necesitan ese apoio nos seus proxectos de investigación.
Temos un laboratorio e un equipo con moita experiencia neste ámbito, porque levamos máis de 15 anos ofrecendo estes servizos de análises de solos, mesmo cando aínda non eran frecuentes, ou menos habituais ca hoxe, que se fixeran por parte dos produtores.
– Notades un maior uso destas ferramentas na actualidade?
– Si, en Galicia empezáronse a xeralizar estas analíticas nos últimos anos, no noso caso a raíz dun proxecto conxunto coa cooperativa Delagro, na que se integran distintas cooperativas agrogandeiras galegas, e que foi o detonante para que moitos produtores se decidiran a facer análises dos seus solos.
Temos picos importantes de traballo no laboratorio coincidindo coas campañas de abonado de primavera e outono
Nesta época do ano, coincidindo coa campaña de primavera de abonado de pradeiras e das terras do millo temos un pico de demanda e estamos mesmo saturados. Neste momento están traballando no laboratorio tres persoas a reo sen parar e hai determinacións que derivamos ao outros servizos da Universidade aquí no Campus de Lugo para axilizar máis o proceso.
– Os solos galegos son ricos en materia orgánica. En que niveis medios podemos andar?
– En solos forestais é moi frecuente atoparnos con niveis de materia orgánica por enriba do 10%, chegando a 12, 15 ou incluso 20%.
En solos agrícolas hai deferenzas, porque non é o mesmo unha pradeira permanente que unha terra de millo, porque a pradeira permanente incorpora raíces e a materia orgánica das dexeccións dos animais, se se fai pastoreo, e non hai máis exportación que o pasto. Nunha pradeira permanente poderiamos ter con frecuencia valores superiores ao 10% de materia orgánica.
As labores agrícolas, en cambio, diminúen o carbono no solo por varias razóns: coa aireación oxídase a materia orgánica, ao aumentar o pH polo encalado aumenta a actividade microbiana que descompón a materia orgánica pois é a súa fonte de carbono, a temperatura dos solos agrícolas é superior á dos solos forestais e acelera as reaccións de descomposición; ademais de que nos solos agrícolas retiránse os cultivos.
Pero aínda así, nós temos con frecuencia valores de materia orgánica superiores ao 5% en terras de cultivo. Son niveis moi superiores aos que podemos atopar en solos de cultivo doutros lugares da península, onde habitualmente non chegan ao 1%.
– Neste momento estase a falar a nivel da UE e tamén aquí a nivel da Xunta de Galicia, da posibilidade de abrir os créditos de carbono que xa se aplican ao sector forestal, tamén ao sector agrícola. Que posibilidades lle ves a ese mercado, tendo en conta ese diferencial de carbono almacenado que temos con respecto a outros lugares?
– Os nosos solos son almacéns de carbono moi importantes na loita contra o cambio climático. Sen embargo, até agora non se tiveron en conta á hora dos cálculos de secuestro de CO2.
Os nosos solos forestais teñen carbono almacenado desde fai moitísimos anos. Hai datos no noso departamento que falan de materia orgánica estabilizada polo aluminio desde fai máis de 20.000 anos. É dicir, temos unha materia orgánica moi estabilizada, que nós chamamos recalcitrante, que non se mineraliza rapidamente e que non é fonte de emisións de CO2 á atmosfera.
Os nosos solos son uns grandes reservorios de carbono, aínda que a nivel de cálculo até agora non foi tido en conta
No caso do carbono nos solos de cultivo, até agora non se tivo en conta. A nivel agrícola interveñen moitos máis factores que a nivel forestal, porque se aplican máis labores e prácticas de cultivo e cando metes un animal aínda se complica máis o cálculo. Hai que facer un balance tendo en conta tamén as extraccións e non me atrevería a dar ningún dato. É algo no que aínda se está empezando e primeiro hai que saber do que partimos, hai que ter unha liña base e despois pódense implementar estratexias para buscar unha adicionalidade a través de manexo dos solos.
A PAC indica para España unha serie de prácticas para favorecer a captura de carbono, tales como o pastoreo extensivo, a agricultura de conservación con sembra directa, as cubertas vexetais espontáneas ou sementadas e as cubertas de restos de poda, pero algunhas destas prácticas poden baixar os rendementos polo que a súa obrigatoriedade está sendo obxecto de protestas por parte das organizaciones agrarias.
– Movementos como o da agricultura rexenerativa colocan o foco sobre o coidado do solo. Hai unha maior concienciación dos produtores?
– O solo é un sistema vivo que hai que coidar e protexer se queremos que siga producindo para poder seguir tendo unha alimentación saudable, porque as xeracións futuras tamén van ter que comer e o solo é o soporte da vida, polo que se eliminamos o solo eliminamos tamén a posibilidade da vida.
Poñer un solo a producir ao máximo, custe o que custe, ten consecuencias directas sobre o medio ambiente e sobre a nosa propia saúde
Poñer un solo a producir ao máximo, custe o que custe, ten consecuencias directas sobre o medio ambiente e sobre a nosa propia saúde. Ademais, o solo é un sistema moi complexo. En materia de abonado e encalado, por exemplo, non hai receitas máxicas, hai que analizar cada caso, porque non todo vale para todas as situacións.
A fertilidade do solo sempre se pode complementar con abonos verdes, con deixar restos e non retirar todo, con aplicar rotacións e especies mellorantes, que, por outra parte, era o sistema tradicional en Galicia, onde sempre houbo rotacións de cultivos, e rotacións distintas dependendo da zona.