ProA2, leite infantil de vacas galegas A2A2

Un equipo do Campus Terra avanza no lanzamento ao mercado galego da primeira fórmula infantil con proteína A2, a mesma que se atopa no leite materno e que axuda a reducir os problemas dixestivos nos bebés e cativos

Nerea González, do equipo de ProA2, co recipiente do novo leite de fórmula infantil

“Hai unha marxe de mellora moi importante nas fórmulas infantís. Sabemos que o leite materno é A2 e, porén, nas fórmulas infantís non se utiliza leite A2, que é mellor dixerido e tolerado polo recentemente nacido”, afirma Cristina Fente, profesora da Facultade de Ciencias e responsable do proxecto ProA2, que busca lanzar ao mercado a primeira leite galego de fórmula infantil con leite A2

Cristina leva 10 anos estudando o leite materno e dirixe un equipo formado por Nerea González, Rocío Barreiro, Laura SanJulián, Patricia Regal e Alexandre Lamas, que foi seleccionado para formar parte do Programa de Activación á Transferencia de Coñecemento do Campus Terra.

O equipo promotor leva 10 anos estudando o leite materno e máis dun ano traballando nesta formulación

“As fórmulas infantís que hai neste momento non son as idóneas, aínda que cumpran cos regulamentos sanitarios, pero distan moito do recomendable. Na maioría, o compoñente principal non é o leite. E só unha ten un 5% de leite A2, polo que o perfil lipídico afástase moito do recomendable”, asegura.

Achegar a composición ao leite materno

“Nós propoñemos un leite infantil que mellore a composición das fórmulas para achegalas ao leite materno. Un leite de fórmula nunca vai ser como o leite materno, pero queremos que sexa o máis parecido posible”, argumenta Cristina.

“O obxectivo é mellorar tanto a nutrición como a funcionalidade do produto usando exclusivamente leite con proteína A2 como ingrediente principal para incrementar a dixestibilidade e a función inmunolóxica”, explica.

O leite A2 é mellor dixerido e tolerado polo lactante e favorece o desenvolvemento do sistema inmune

O leite materno comparte co leite de vaca A2 moitos micro-ARN. “Nos primeiros meses, que é cando se desenvolve o sistema inmune, ese aspecto é moi importante”, indica.

“Desenvolvemos un método para a detección de trazas de proteína A2 no leite base e nos ingredientes lácteos que imos utilizar. Esta técnica molecular de PCR en tempo real desenvolveuse para o control de calidade dos ingredientes e da fórmula final”, engade.

As fórmulas con leite A2 existen no mercado australiano e en Nova Zelandia, pero a penas no mercado español. “Mellora moitísimo todo o que hai actualmente no mercado”, asegura, polo que, nun mercado lácteo cada vez máis competitivo, no que a diferenciación se converte nun aspecto clave, a produción de leite A2 pode representar unha oportunidade de futuro para as granxas galegas.

En Galicia, na actualidade, só Deleite comercializa leite A2 a gran escala, con experiencias tamén de Kalekoi nos iogures. De cara ó futuro, Feiraco traballa en convertir Unicla nunha marca A2.

Formulación

O ingrediente principal da fórmula infantil desenvolvida polo equipo do Campus Terra é leite de pastoreo A2 minimamente procesado. “Non imos homoxeneizar, imos utilizar o leite cru e aplicaremos os mesmos tratamentos térmicos que se usan para os bancos de leite humano nos hospitais, para que o glóbulo de graxa do leite sufra o menos posible e a súa membrana non estea danada con anacos de caseína”, explica.

O ingrediente principal da fórmula infantil desenvolvida polo equipo do Campus Terra é leite de pastoreo A2 minimamente procesado

O tamaño do glóbulo de graxa do leite materno é maior que o do leite de vaca, pero o leite de pastoreo presenta un tamaño de glóbulo de graxa maior que o do leite de produción intensiva, aínda que se lle mellore o perfil lipídico con sementes de liño.

“Analizáronse e decidiron, en colaboración coa Aula de Produtos Lácteos, os tratamentos térmicos a realizar (60 graos durante 20 segundos e logo evaporar). Para iso temos que contar cunha serie de granxas cunha produción moi estable”, admite.

O perfil de ácidos graxos do leite de pastoreo parécese máis ao leite materno que o das granxas en intensivo

Ao leite de vaca engadiránselle tamén prebióticos naturais (oligosacáridos), que son os que leva o leite materno. “Durante o proceso de deseño da fórmula, algúns ingredientes para a composición non existían no mercado e un deses ingredientes fabricouno especificamente para nós Friesland Campina”, explica Cristina.

Oportunidade para valorizar o leite galego

Nestes momentos, ProA2 atópase en proceso de patente da súa fórmula infantil. “Unha vez teñamos rexistrado o prototipo definitivo da fórmula, iniciaremos os trámites para o rexistro na Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN)”, avanzan.

A partir desa autorización iniciarase o proceso de desenvolvemento e fabricación industrial. “Creo que é unha oportunidade para Galicia. Somos os que máis leite producimos en España, pero non hai ningunha empresa que produza fórmulas infantís”, evidencia Cristina.

É o produto lácteo que máis valor engadido xera con diferenza; poderiamos vender facilmente por riba de 30 euros o quilo

“Queremos contar con todo o sector en Galicia, coas cooperativas Aira e Feiraco para a consecución da materia prima e con industrias como Oviganic e Galacteum para o escalado industrial. Consideramos que esta spin-off que queremos crear pode ter unha rendibilidade importante”, destaca.

“Os ingredientes e a tecnoloxía son caros, pero poderiamos vender facilmente por riba de 30 euros o quilo. É o produto lácteo que máis valor engadido xera con diferenza”, argumenta.

“O obxectivo é chegar a comercializar na primavera de 2026, coa mirada posta na venda en farmacia, porque son os que mellor van poder defender o valor nutricional e inmunolóxico do produto tendo aos pediatras como aliados”, xustifica.

Etapa esencial dentro da nutrición infantil

Os tres primeiros anos de vida dun neno representan o período no que se desenvolven e maduran moitos sistemas que predispoñen á saúde ou á enfermidade ao longo da vida. “Moitas das enfermidades prevalentes que temos ao longo da nosa vida xestánse nos primeiros 1.000 días de vida”, asegura a profesora da Facultade de Ciencias do campus lucense.

Ata os 6 meses recoméndase alimentación só con leite materno, que se considera recomendable ata os 2 anos. “Axuda a modelar o sistema inmune e o metabolismo dos mamíferos. Considérase que a obesidade está relacionada con como dixerimos os lípidos nestes primeiros meses de vida”, explica.

A alimentación nos primeiros 1.000 días de vida marca a nosa saúde adulta

Segundo diversos estudos, as alerxias e dermatites son máis frecuentes en nenos alimentados con fórmulas infantís. Teñen tamén máis problemas dixestivos, cólicos e estrinximento.

Pero dos 325.000 nenos nacidos en España en 2023, un terzo foron alimentados con leite de fórmula. “A natalidade está descendendo, pero nunca houbo máis pais e máis nais preocupados por unha alimentación responsable para os seus fillos e fillas. Cando non poidan dar leite materno, van ter no noso produto a alternativa máis parecida”, defende Cristina.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *