Investigadores galegos traballan para identificar zonas clave na prevención dos grandes incendios

A Escola de Enxeñería lidera o proxecto Firepoctep+ no que participan 17 institucións de España e Portugal

Investigadores da EE Forestal que participan no proxecto de investigación. Imaxe cedida


Identificar zonas clave na prevención e diminución dos efectos dos chamados “incendios forestais extremos” nas zonas fronteirizas entre España e Portugal é o principal obxectivo do proxecto Firepoctep +. Está liderado pola Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra e nel participan 17 institucións e entidades dos dous países.

O proxecto ten como investigador principal ao profesor da EE Forestal Juan Picos e dá continuidade a Firepoctep, que tiña como o obxectivo o deseño dunha estratexia común de actuacións preventivas fronte aos grandes incendios a ambos lados da fronteira dos dous países europeos máis afectados polos lumes forestais. Unha das liñas centrais deste traballo previo foi o desenvolvemento metodolóxico para a identificación desas zonas estratéxicas de xestión, que neste novo proxecto tratarán de localizar nas diferentes áreas piloto establecidas ao longo da fronteira.

“Vaise utilizar esa metodoloxía para definir cales serían as zonas estratéxicas e que habería que facer nelas”, sinala Picos. O proxecto estenderase ata 2026 e buscará, ademais de identificar eses puntos clave na loita contra os grandes lumes, definir que accións poden levarse a cabo coa implicación dos axentes locais. Nese senso, outro dos obxectivos é contribuír á mobilización “de recursos endóxenos con valor preventivo, consolidando unha rede de cortalumes produtivos”. Como lembra Picos, este concepto fai referencia “a unha área na que a vexetación cambia”, o que non implica necesariamente rozar faixas do terreo, senón que poden promoverse outro tipo de actividades, desde a presenza de gando a diferentes tipos de cultivos. “A idea é darlle un valor produtivo aos cortalumes”, sinala.

Participantes no proxecto de España e Portugal. Imaxe cedida


Picos destaca que poñer o foco en ditas zonas clave implicaría tamén un “cambio de estratexia” no labor dos operativos de extinción. Pasaríase de tratar de aplicar a maior forza posible ao combate do lume no seu inicio a analizar “cal é o potencial do incendio e como vai progresar”, posto que, no caso dos grandes lumes, “onde imos ter oportunidades de atallalo é nesas zonas estratéxicas de xestión”. Isto leva á súa vez a que outro dos bloques de traballo do proxecto sexa contribuír á formación dos operativos. Do mesmo xeito, entre as liñas de traballo está tamén a formación e sensibilización da “poboación rural e outros sectores de interese”, ámbito no que o proxecto contará coa participación da investigadora da María Isabel Doval, vicerreitora de Benestar, Equidade e Diversidade da UVigo.

Membros e financiamento
No proxecto, por parte de Galicia, participan a Universidade de Vigo, a Dirección Xeral de Defensa do Monte da Xunta, Feuga e Energylab. Así mesmo, tamén forman parte deste proxecto as universidades de Extremadura, Huelva, Córdoba e Évora; a Agencia de Medio Ambiente e Auga de Andalucía; a Deputación Provincial de Ávila; as comunidades intermunicipais da Rexión de Coimbra, Alto Minho e Algarve; a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Algarve, a Autoridade Nacional de Emerxencias e Protección Civil de Portugal; a Junta de Andalucía e a Fundación Finnova.

Conta cun orzamento de 3,3 millóns euros e está cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feder), no marco do Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg VI-A España Portugal 2021-2027 (POCTEP).

Comments are closed.