A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC: unha planta piloto única en Europa
Vistamos as instalacións da APLTA en Lugo e coñecemos os servizos que ofrece a empresas, cooperativas e gandeiros do sector lácteo e da industria alimentaria no deseño de novos produtos e na optimización de procesos de fabricación
A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias é unha plataforma cientifico-tecnolóxica da Universidade de Santiago de Compostela que está ubicada no Campus de Lugo. É desde o ano 1992 un centro de referencia en innovación alimentaria e, nomeadamente, en tecnoloxías de fabricación da industria láctea.
“Estamos especializados en innovación aplicada e contamos cunha planta piloto con case 2.000 metros cadrados que é única na península ibérica e das máis modernas e avanzadas de Europa”, destaca Rebeca Carballo Coello, responsable de Formación na APLTA.
A APLTA é desde o ano 1992 un centro de referencia en I+D e innovación aplicada
“Como centro de referencia nacional e internacional, proporcionamos formación especializada e servizos tecnolóxicos avanzados a empresas, institucións e entidades do sector lácteo e alimentario. Para iso contamos con dous piares fundamentais: un persoal moi cualificado e con moita experiencia e unhas instalacións punteiras”, salienta.
Ademais da planta piloto, a APLTA conta con 4 laboratorios (microbioloxía, propiedades físicas, análise sensorial e físico-químico) que dan cobertura a todos os desenvolvementos que realiza o centro e, a maiores, ofertan servizos de análise de xeito independente.
Tecnoloxía punteira
Dentro da Aula de Produtos Lácteos atópase unha moderna factoría láctea a pequena escala, con liñas de queixería (tanto de pasta branda como de pasta fiada, queixos frescos ou pasta prensada), unha zona específica para vaporación e secado, unha planta para produtos fermentados e produtos hidrolizados e salas de tratamentos térmicos e de procesado de mesturas.
Contan ademais con outras tecnoloxías que non son tan comúns na industria láctea, como a filtración tanxencial, a cavitación, a carbonatación, a microparticulación ou mesmo a texturización de produtos mediante bombas de cizalla.
Axudan tanto a empresas do sector como a gandeiros que se deciden a transformar o seu leite
As principais liñas de traballo do centro están relacionadas coa nutrición e a saúde (co desenvolvemento, por exemplo, de produtos adaptados a diferentes necesidades e poboacións), coa mellora dos procesos produtivos para lograr unha maior vida útil dos produtos (logrando deste xeito avances na etiquetaxe) e coa reciclaxe alimentaria e a valorización de subprodutos.
Asesoramento individualizado
Ademais de servizos tecnolóxicos avanzados, a APLTA realiza tarefas de asesoramento personalizado, tanto para empresas lácteas como para gandeiros que queren transformar e sacar maior valor engadido á súa produción.
“O futuro do sector lácteo galego pasa pola transformación como xeito de valorizar o leite que se produce nas ganderías. Para iso, é necesaria innovación e formación, e nestes dous campos a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias pode xogar un importante papel aportando a súa experiencia”, asegura Rebeca.
Ofrecemos unha formación moi especializada e cunha compoñente moi práctica que é moi demandada polas empresas
“Ofrecemos unha formación especializada cunha compoñente moi práctica que permite que as persoas que a reciben se incorporen de xeito inmediato ás empresas do sector lácteo e entre os servizos tecnolóxicos que ofertamos podemos destacar a creación de novos produtos ou mellora dos xa existentes, o deseño de liñas de produción, a optimización de procesos ou a valorización de subprodutos”, enumera.
Casos de éxito
Malia que moitos dos seus proxectos e colaboracións con industrias lácteas e produtores están sometidos a cláusulas de confidencialidade, son moitos os exemplos de produtos desenvolvidos pola APLTA que están presentes nos liñais dos supermercados, desde leite, queixos, iogures ou batidos, todos eles cunha alta compoñente en I+D+i e valor engadido.
Importantes empresas como Leite Río teñen confiado na Aula de Produtos Lácteos para o lanzamento da súa liña de leite con proteína ultrafiltrada Opti+Plus e dos seus batidos OptiPRO. Da propia APLTA xurdiu tamén Innolact, que elabora distintas gamas de queixo de untar e mascarpone baixo a marca Quescrem, e ganderías como Casa Grande de Xanceda ou Airas Moniz teñen botado man da Aula de Produtos Lácteos para desenvolver os seus produtos.
Coñecemos as necesidades do sector lácteo galego, estamos comprometidos con el e queremos xogar un papel relevante no seu desenvolvemento
“Grazas ás nosas instalacións e á experiencia do noso persoal, a Aula de Produtos Lácteos pode aportar moito ao desenvolvemento do sector leiteiro galego, xa que podemos axudar en todas as fases do proceso, desde o deseño inicial das receitas e os tratamentos térmicos necesarios, ás análises e os estudos de vida útil e axudar a resolver problemas puntuais que poidan xurdir en calquera das fases de produción”, indica Rebeca.