“O benestar animal non só incide na saúde das vacas, senón que podería afectar tamén ás persoas que consumimos o seu leite”
O proxecto StarWell estuda a influencia do benestar do gando sobre a calidade do seu leite e a posible transmisión de hormonas como o cortisol, indicativa de estrés, a humanos

Alexandre Lamas, durante a xornada de presentación de Proxectos Colaborativos do Campus Terra
Que o benestar animal ten unha relación directa coa saúde e a produtividade das vacas leiteiras é algo sabido pero, ten algunha incidencia sobre a calidade do leite e a saúde humana?
A esta pregunta trata de dar resposta o proxecto StarWell, liderado por investigadores do Campus Terra e no que participan dous grupos de investigación da Facultade de Veterinaria, o Grupo LHICA, centrado na análise da calidade do leite e os seus efectos sobre a saúde dos consumidores, e o Grupo CTleite, máis centrado en temas de benestar animal.
Das sinerxías entre eles xorde este Proxecto Colaborativo que procura, en último termo, unha maior valorización do leite procedente de granxas con altos estándares de benestar animal. “Se o benestar ten unha incidencia real na calidade do leite, pode facer que as empresas o teñan en conta tamén desde este punto de vista”, argumenta Alexandre Lamas, o investigador principal do proxecto.
O benestar animal non é só unha cuestión ética, senón que ten consecuencias económicas e efectos sobre a saúde
Na iniciativa colabora a cooperativa CLUN. Estanse a recoller mostras, tanto de leite como de sangue, en granxas socias na comarca da Mariña para despois cruzar os resultados cos niveis de benestar desas explotacións. “Sacamos mostras de sangue a entre o 10 e o 20% das vacas da granxa, para que sexa representativo, e analizámolas. Logo poñémolo en relación cos datos de puntuación obtidos por esas granxas na inspección de benestar levada a cabo dentro do proceso de certificación Welfare Quality”, explica.
“Polo de agora temos tomadas só mostras en 10 granxas, pero o noso obxectivo é chegar a entre 20 e 40 granxas con distinta puntuación no certificado de benestar animal”, avanza.
Ácidos graxos e bacterioloxía
Malia atoparse o estudo aínda nunha fase inicial, xa se poden avanzar algunhas conclusións, como a relación directa entre o grao de benestar animal acadado pola explotación e a calidade hixiénico-sanitaria do seu leite.
“A nivel bacteriano, si que atopamos unha correlación entre o nivel de benestar da granxa e o seu nivel bacteriano. As granxas que teñen un menor nivel de benestar teñen un maior reconto bacteriolóxico, o que pode ter efectos sobre o ser humano que consuma ese leite polos propios metabolitos que formen as bacterias nese leite ou nos produtos derivados que se fagan a partir dese leite”, explica Alexandre.
Esa menor calidade hixiénica do leite tamén prexudica as actividades de transformación industrial por parte das industrias. “Por exemplo, o Clostridium provoca un empeoramento na fermentación do leite”, detalla.
As granxas que teñen un menor nivel de benestar teñen un maior reconto bacteriolóxico no leite
Dentro das análises realizadas, tamén se comparou o perfil de ácidos graxos do leite para ver como varía. “Non só son unha fonte enerxética, senón que tamén teñen un efecto na saúde no ser humano”, indica Alexandre.
“Atopamos diferenzas bastante significativas no perfil de ácidos graxos en función do tipo de produción. Por exemplo, o leite de pastoreo ten un menor índice ateroxénico, que define a capacidade potencial das graxas para producir agresións no endotelio dos vasos sanguíneos, en comparación co leite de granxas intensivas ou o procedente de sistemas de muxido robotizado”, asegura.
Transmisión de hormonas a humanos vía leite
Outro dos aspectos que centran o estudo é a posible transmisión a humanos, a través do leite, de determinadas hormonas que se xeran nas vacas cando os niveis de benestar animal diminúen.
“O cortisol é unha das principais hormonas do estrés, tanto no gando como nas persoas, xa que é exactamente igual a que está na vaca que a que está en nós. Por iso, se temos uns niveis moi elevados de cortisol no leite, iso pode ter un efecto na saúde humana, porque pode ser consumida e ter un efecto na propia persoa que a inxire, e a maiores niveis de cortisol no leite, maiores niveis de inxesta, polo que inxestas prolongadas poderían ter un efecto sobre a nosa saúde”, conclúe.
Ao igual que a composición de ácidos graxos, os niveis de cortisol do leite tamén poden ter un efecto directo na saúde humana
“Coa análise de Cortisol non atopamos diferenzas dos niveis de presenza no leite entre as granxas en función da súa puntuación de benestar animal, pero veremos ao aumentar a mostra se se repite este resultado ou non”, indica Alexandre.
A outra hormona analizada e a haptoglobina, que é medidora de inflamación. “Ao ser un compoñente proteico degradaríase e non pasaría como tal a nós, como si pasa co cortisol”, explica Alexandre. “No caso da haptoglobina temos tamén poucas mostras polo de agora, polo que non atopamos de momento unha tendencia clara”, di.