A aplicación de vermicompost consegue aumentar o rendemento de viñedos
Bodegas Martín Códax acolleu o último evento de IPMWORKS sobre a aplicación de compostaxe e vermicompostaxe en viñedo
O Proxecto IPMWORKS celebrou o seu décimo e último evento de demostración en Galicia, enfocado na aplicación de compostaxe e vermicompostax en viñedos. Este evento organizado pola Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA) tivo lugar en Bodegas Martín Códax, en Cambados, e contou coa participación de máis de 60 agricultores e especialistas no sector.
Hugo Martínez Cordeiro, Alberto da Silva Sierio e Alejandro Figueroa Rodríguez, do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal e do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM-UVigo), guiaron aos asistentes a través de diferentes aspectos do proceso. A xornada abordou as fases e condicións da compostaxe e vermicompostaxe, explicando en detalle cada fase do proceso. Os estudos levados a cabo pola Universidade demostran que a aplicación de vermicompost, xa sexa en formato sólido ou líquido no viñedo, consegue aumentar de maneira considerable o rendemento.
Por exemplo, os investigadores explicaron que cunha aplicación de 250 gramos de vermicompost obtido do bagazo de uva por cepa conséguese multiplicar a produción da planta. Tamén probaron o uso do vermicompostaxe como biofertilizante, obtendo tamén resultados positivos.
Compost de alta calidade
Os profesionais destacaron que o bagazo de uva sen tratamento pode liberar polifenois no chan, o que pode alterar a súa composición e afectar negativamente ás plantas. Ademais, a aplicación directa do bagazo pode inhibir o crecemento das raíces, prexudicando o desenvolvemento e a produtividade das plantas. Sen o tratamento adecuado, o bagazo de uva non é unha emenda orgánica efectiva e pode ter efectos negativos na calidade do chan e a saúde das plantas. En cambio, o vermicompostaxe transforma o bagazo de uva nun compost de alta calidade, eliminando os problemas asociados coa aplicación directa e mellorando a fertilidade e estrutura do chan de maneira sustentable e segura.
O obxectivo da xornada era promover prácticas agrícolas sustentables e mellorar a saúde do chan nos viñedos a través do uso de compost e vermicompost, ofrecendo unha plataforma para a colaboración e o intercambio de coñecementos entre profesionais do sector.
Xestión integrada de pragas
Segundo os profesionais, o compost e o vermicompostaxe son prácticas fundamentais dentro da Xestión Integrada de Pragas (XIP) en viticultura debido aos seus numerosos beneficios. Estes métodos non só permiten a transformación de residuos orgánicos como o bagazo de uva en recursos útiles, senón que tamén melloran a estrutura e fertilidade do chan. O compost e o vermicompost incrementan a materia orgánica, promoven a actividade microbiolóxica beneficiosa e axudan a manter un equilibrio natural no viñedo, reducindo así a dependencia de fertilizantes químicos e mellorando a resistencia das plantas a enfermidades e pragas. Ademais, ao utilizar estes recursos, minimízase a xeración de residuos agrícolas e contribúese positivamente á sustentabilidade ambiental e económica do sector vitivinícola.
Con este evento ponse fin ás demostracións en campo do proxecto IPMWORKS promovidas por FEUGA en Galicia. Desde outubro de 2020, ano en que o proxecto se puxo en marcha, abordáronse diferentes temáticas, desde cursos prácticos de poda e prevención de enfermidades funxicidas, ata o uso de feromonas nos viñedos. Ademais, realizáronse demostracións de innovación tecnolóxica con maquinaria avanzada e promoveuse o control biolóxico, favorecendo a presenza de murciélagos no viñedo.