“Os sistemas actuais de xestión de rega non facilitan a adaptación ao manexo de cada parcela”

Entrevista a Javier J. Cancela, investigador do Departamento de Enxeñaría Agroforestal do Campus Terra (Grupo PROePLA), que participa no proxecto PRERIVID: Predición de necesidades hídricas do viñedo para un uso sustentábel da auga de rega.

Javier Cancela, investigador do Departamento de Enxeñaría Agroforestal do Campus Terra (USC – PROePLA)

Javier J. Cancela, investigador do Departamento de Enxeñaría Agroforestal do Campus Terra (USC – PROePLA)

O mércores 10 de abril tivo lugar na adega Quinta de Couselo, situada no val do Rosal (Pontevedra), unha xornada que reuniu diversos investigadores e integrantes do sector vitivinícola co fin de expoñer, desde unha perspectiva científico-técnica, os avances do proxecto PRERIVID: Predición de necesidades hídricas do viñedo para un uso sustentábel da auga de rega. Este grupo operativo supraautonómico ten como obxectivo o desenvolvemento dunha ferramenta de xestión da rega en viñedos coa que se pretende predicir as necesidades hídricas de cada parcela, integrando múltiples parámetros: datos meteorolóxicos, humidade do solo, estado fenolóxico e predición meteorolóxica local.

Falamos con Javier J. Cancela, investigador do Departamento de Enxeñaría Agroforestal (USC – PROePLA), quen expuxo o enfoque técnico do proxecto.

-Que destacarías da actividade que realizades dende o Grupo PROePLA da USC?
A equipa do Grupo de Proxectos e Planificación da USC, coordina as actividades técnicas do GO PRERIVID. Asemade, lidera a actividade de modelización das necesidades de rega dos tres viñedos incluídos no GO (Galicia, Castela-León e Comunidade Valenciana), neste caso perseguindo a adaptación dos coeficientes culturais as prácticas de manexo en cada lugar, así como os condicionantes particulares do clima de cada rexión, e a tipoloxía de manexo do viñedo (espaldeira ou parral) e as características do solo.

-Unha das áreas de traballo é precisamente o deseño de sistemas de predicción para a rega en viñedo. Por qué é necesario ou recomendable a rega do viñedo tamén en Galicia?
As condicións climáticas na España húmeda están cambiando, polo que as chuvias que acompañaban o ciclo vexetativo da vide en Galicia non son tan frecuentes. Asemade, existe un claro incremento da evapotranspiración de referencia (ETo), o que ligado a vagas de calor nos meses do verán, fai que a rega sexa unha ferramenta crucial para garantir a produción nun sector crucial para a economía agraria galega. Non podemos esquecer que en Galicia os solos son areosos, e a súa capacidade de almacenamento de agua é limitada, polo que a falta de chuvias fai que os cultivos non teñan dispoñible auga suficiente para levar a cabo o seu desenrolo vexetativo axeitado para unha produción de uva de calidade.

As condicións climáticas na España húmeda están cambiando, polo que as chuvias que acompañaban o ciclo vexetativo da vide en Galicia non son tan frecuentes

-Neste sentido, que vos motivou a participar no proxecto PRERIVID?
A idea do proxecto xorde dos traballos previos realizados en Galiza no GO REGAVID, en conxunto coa empresa MonetViticultura. O traballo executouse na DO Monterrei, cunhas características climáticas e dispoñibilidade de auga moi diferente ás que manexamos no GO PRERIVID (DO Rías Baixas). Por outra banda, preténdese cubrir unha demanda do mercado en relación ao manexo eficiente da auga nos viñedos en España. A escaseza de recursos hídricos, fai que sexa crucial manexar os mesmos dun xeito eficiente, avaliando os resultados cualitativos e produtivos en cada viñedo e rexión.

-Que avances esperas que supoña este proxecto no que relativo a unha rega máis eficiente do viñedo en España?
Dende o consorcio está previsto integrar a predición meteorolóxica no manexo da rega, adaptando a estratexia de rega en cada caso segundo os obxectivos de cada adega.

“Os sistemas de xestión de rega dispoñibles non facilitan a adaptación dos coeficientes culturais (Kc) a cada caso particular”

Actualmente a xestión da rega realízase en base a sistemas de predición dispoñibles dende as comunidades autónomas, como InfoRiego en Castela-León, ou a nivel nacional dende o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, como o SIAR. Estos sistemas incorporan modelos de predición climática, ainda que non facilitan a adaptación dos coeficientes culturais (Kc) a cada caso particular. Debemos ter en conta que segundo a estructura de soporte da viña: espaldeira ou parral, a existencia de cubertas vexetais ou non, así como a densidade de plantación da videira, os valores dos coeficientes culturais deben ser adaptados, isto é, calibrados e validados para cada caso.

-Cales son as áreas de traballo das que vai encargar PROePLA dentro do proxecto?
A equipa de PROePLA-USC contribuirá no deseño experimental nos viñedos da adega Quinta de Couselo, no Rosal, partindo dun mapa de caracterización do solo da parcela en estudo, en colaboración co responsable técnico da adega o Dr. Rubén Pérez-Añón. A variedade estudada será Caiño Branco conducida en parral, onde existen cubertas vexetais que están activas boa parte do ciclo vexetativo do viñedo.

Para avaliar os efectos dos tratamentos estudados -Rega PRERIVID e Rega Adega-, realizase o seguimento da auga no solo, o estado hídrico da planta, e avalíanse os rendementos e calidade final da uva. Este último aspecto en colaboración co grupo MEDWineQuality (CSIC-ICVV) liderado pola Dra. Mar Vilanova.

 “A principal actividade que desenrola a equipa de PROePLA é modelizar as necesidades hídricas da viña nas tres zonas de estudo”

A equipa da USC en colaboración coa Adega e Monet, ten instalado sensores de solo, que permiten avaliar en contínuo o estado da auga no mesmo. Esta información será clave para a elaboración do modelo de xestión da rega, establecéndose límites cuantitativos a partir dos cales debería de poñerse en marcha o sistema de rega. A principal actividade que desenrola a equipa de PROePLA é modelizar as necesidades hídricas da viña nas tres zonas de estudo, aspecto no que colaboran directamente todos os socios e servizos externos do GO PRERIVID. A calibración dos coeficientes culturais para cada viñedo é un aspecto crucial para poder manexar a auga de forma eficiente, a partir do modelo de predición que implementa MONET.

Sensores TEROS-12 y TDR (Reflectometría en el Dominio del Tiempo) a dos profundidades distintas: 20 cm y 50 cm.

Sensores TEROS-12 y TDR (Reflectometría en el Dominio del Tiempo) a dos profundidades distintas: 20 cm y 50 cm.

-Que actuacións tedes realizado a día de hoxe?
A día de hoxe tense realizado o deseño experimental na viña de Quinta de Couselo, unha vez que o mapa de variabilidade do solo permitiunos coñecer as zonas homoxéneas da parcela. Xunto con Monet instaláronse sensores de contido de auga no solo, condutividade eléctrica do solo e temperatura a dúas profundidades: 20 y 50 cm. Este equipamento sitúase nos diferentes tratamentos de rega, permitindo así analizar e seguir a súa resposta no solo, aspecto habitual pola solidez dos datos obtidos con sensores como os empregrados (Teros 12).

Asemade, realizouse o seguimento das plantas control durante o ano 2024, incluíndo un número suficiente de plantas representativo en cada repetición e tratamento estudado (4 repeticións en total). Xa na vendima avaliáronse os rendementos produtivos, tomando mostras de uva para a análise de parámetros cualitativos por parte da equipa do CSIC-ICVV. É preciso destacar que a equipa da USC realizou a toma de mostras de follas quincenalmente, unha vez determinado o potencial de tallo ás 11horas. Estas follas, unha vez procesadas nas instalacións de PROePLA na EPSE-Campus Terra en Lugo, son analizadas mediante espectrometría nas instalacións do ICVV (CSIC) en Logroño coa finalidade de obter relacións entre a firma espectral do material vexetal seco e tamizado, cos niveis do estado hídrico na planta (potencial de tallo).

-Como é a coordinación cos outros socios do proxecto e en especial con MonetViticultura?
Como líder técnico do proxecto a equipa de PROePLA mantén un contacto directo cos restantes socios e servizos tecnolóxicos involucrados no GO PRERIVID. As principais tarefas en común son implementar unha ferramenta de xestión da rega en tempo real, empregando as predicións climáticas e o aspecto central de colaboración, adaptándose a mesma en cada caso particular.

A colaboración con MonetViticultura foi consolidada en proxectos previos, polo que existe unha dinámica semanal de traballo, en especial durante os meses de primavera/verán onde a programación da rega é realizada en conxunto entre a equipa de PROePLA e Monet, tras unha reunión inicial cos responsables da adega Quinta de Couselo, para coñecer os seus obxectivos.

Asemade, a equipa de PROePLA interactúa cos modelos desenrolados por Monet na busca dun proceso contínuo de mellora da plataforma final a disponibilizar os usarios finais.

Os expertos Javier Cancela e Jesús Yuste durante unha explicación na visita á viña de Quinta Couselo co motivo da xornada de presentación dos avances do proxecto PRERIVID

Os expertos Javier J. Cancela e Jesús Yuste durante unha explicación na visita á viña de Quinta Couselo co motivo da xornada de presentación dos avances do proxecto PRERIVID

-Que reto supón para vós deseñar un sistema de predicción das necesidades hídricas do viñedo en zonas xeográficas tan heteroxéneas como as que participan no proxecto?
O principal reto está aliñado coa necesidade dunha boa relación cos actores locais, a través do cales obter información de base para poder realizar a modelización das necesidades hídricas para cada zona concreta. A equipa da USC xa ten realizado traballos similares noutras zonas xeográficas como o Norte de Portugal, e colaborado en diversos traballos científicos noutras rexións climáticas polo que non resulta un reto per se, senón unha actividade común dos membros de PROePLA.

En termos xerais podemos considerar que España é un referente na xestión da rega no viñedo

-Algún país que sexa referente neste campo e por qué?
En termos xerais podemos considerar que España é un referente na xestión da rega no viñedo, tendo presente que conta coa maior superficie de viñedo do mundo. Se ben, existen países como Australia, Israel, EEUU que polo seu nivel tecnolóxico son considerados referentes no ámbito da accións a executar en GO PRERIVID.

Asemade, Portugal conta cunha equipa de investigadores referentes a nivel mundial no ámbito das necesidades hídricas dos cultivos, equipa coa que colaboran os membros de PROePLA.

-Cales consideras que son as claves para que a predicción das necesidades de rega sexa o máis fiable posible?
A cuestión clave é partir de información de base de calidade, as características hídricas do solo son cruciais, sendo en ocasións estimadas en lugar de analizadas e estudadas detalladamente. Evidentemente, a fortaleza da predicción das necesidades hídricas radica nun balanzo de auga no solo axeitado, como metodoloxía amplamente aplicada e fácil de trasladar a calquer rexión e clima do mundo.

Os termos principais a incorporar no balanzo de auga no solo son: a evapotranspiración de referencia e a precipitación. O primeiro compoñente é fácilmente predecible de forma sólida, polo que o aspecto clave é ter capacidade de manexo para afinar o modelo preditivo en relación á estimación da precipitación.

Para predecir de forma fiable as necesidades de rega do viñedo a clave é partir de información de base de calidade

-Con que marxe de tempo traballades nas prediccións e como se reduce a fiabilidade segundo se amplíe ou se acorte?
As predicións realízanse a unha semana, co obxectivo de non complicar a xestión por parte do viticultor, aínda que podería ser programado en períodos de tempo inferiores. A fiabilidade das predicións a dous-tres días son moi boas, se ben a partir deste momento a súa fiabilidade baixa bastante. Cabe resaltar que posto que a probabilidade de precipitacións é baixa nos períodos en que é preciso regar, a obtención dunha predición errónea nun evento de chuvia, debe ser enxugado na programación da rega das seguintes semanas. Asemade, o viticultor é quen se atopa a pé de parcela a diario, polo que sempre ten a capacidade de alterar a programación prevista. Neste caso é moi relevante ter acceso ás modificacións feitas, e que estas poidan ser inseridas no modelo co que traballa o GO PRERIVID.

-Pódesnos avanzar algo dos primeiros resultados que tivestes no 2024?
Os primeiros resultados obtidos permítennos ter un punto de partida para cada viñedo en estudo, fixando uns valores de partida para os coeficientes culturais segundo as condicións de cada viñedo e rexión. A metodoloxía de implementación do balance de auga foi posta a punto inicialmente nos viñedos de Quinta Sardonía, iniciándose no resto de viñedos na campaña actual (2025) cunha validación da mesma no ano 2026, para unha divulgación final nas tres rexións estudadas, a través de xornadas e publicacións por parte das entidades que participan no GO PRERIVID.

-En xeral, que esperades que vos aporte este proxecto?
No caso de PROePLA o GO preséntase como unha liña continuista do traballo que se ven facendo dende hai anos, se ben a consolidación da nosa equipa como un referente a nivel nacional nunha liña que en España non é moi estudada suporá unha ventaxa na participación en futuras accións de investigación, tanto en cultivos como a viña, como noutros cultivos (millo, lúpulo, aguacate, oliveira, fresa, arándano, pataca, pradeiras,…).

Xa nun aspecto máis local, mellorar o coñecemento dos efectos da rega nos viñedos en Galiza e facilitar o manexo dos recursos hídricos limitados durante o verán, a través dunha rega deficitaria controlada que faga sostibles as producións de uva para vinificación no noso País.

LOGOS GO SIMBAV

O Grupo Operativo PRERIVID está enmarcado no Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC) 2023-2027, financiado nun 80 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) da Unión Europea e nun 20 % polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA). A Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Innovación e Formación Agroalimentaria (DGDRIFA) é a autoridade encargada da aplicación das devanditas axudas. Orzamento total do proxecto: 589.371,5

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *