O potencial das leguminosas que permitirá reducir o uso de soia
No Grupo Operativo ProteinLeg desenvolven proteínas alimentarias de alta calidade mediante a produción e o procesamento sostibles de cultivos de leguminosas
Dende o Grupo de Xenética do Desenvolvemento de Plantas (DEVOLEG) da Misión Biolóxica de Galicia que pertence ao CSIC desenvolveron un estudo para coñecer máis sobre os efectos do fotoperíodo e da seca sobre a floración e o crecemento de leguminosas ricas en proteínas nos ambientes atlánticos. Neste proxecto analizaron cinco legumes como son os chícharos, as fabas, o chícharo de raposo, as xudías e os garavanzos. “Escollemos estas porque conteñen proteínas que son boas para o gando e tamén para o consumo humano”, explica unha das investigadoras, Ana María González.
A investigadora apunta que un dos grandes problemas é que moitas das leguminosas son sensibles ao fotoperíodo. Por exemplo, a xudía florece cando os días son menores a 12 horas, xa que provén de América. “Esta legume leva centos de anos aquí e os agricultores, dunha maneira inconsciente, seleccionaron variedades que se adaptan ás nosas condicións de luz e temperatura”. Pola contra, o chícharo provén de Oriente Próximo e con respecto ao tempo de floración, son plantas de días longos que responde á vernalización. “Todo isto analizámolo coas diferentes legumes e escollemos variedades que teñen os xenes mutados de maneira natural, polo que moitas poden ser sementadas en calquera época do ano, xa que están adaptadas ás nosas condicións”.
Realizaron múltiples ensaios en Pontevedra e Ourense
Outro dos puntos que analizaron son a resistencia á seca, un dos problemas que se está agudizando co cambio climático. “O uso de variedades tradicionais para combater os desafíos climáticos pode resolver necesidades frente a climas específicos, representando unha fonte de xermoplasma para os obtentores de plantas”. Os múltiples ensaios foron realizados en dúas localidades: Pontevedra e Ourense, “e todas as variedades que analizamos poderíamos dicir que están recomendadas para sementar nestas condicións, porque xa son autóctonas e están adaptadas a Galicia”.
Desenvolvemento de proteínas de alta calidade
Este estudo forma parte do Grupo Operativo ProteinLeg, que ten por finalidade desenvolver proteínas alimentarias de alta calidade mediante a produción e o procesamento sostible de cultivos de leguminosas. Neste proxecto empregan cultivos de leguminosas como base para crear novas fontes de alimentos ricos en proteínas vexetais que sexan saudables, saborosos e atractivos. Todo isto segue a tendencia cara alimentos respectuosos co medio ambiente, tanto para alimentación humana como animal.
Un dos obxectivos é asegurar unha produción de materias primas suficientes e sostibles, que sirvan de alternativas a soia. Empregan cultivos innovadores, rendibles e eficientes no uso de recursos de leguminosas ricas en proteínas. Así mesmo, segundo explican, mellora a calidade e a cantidade de proteínas de cultivos de leguminosas mediante un enfoque multidisciplinario. Finalmente, con este proxecto crean produtos de orixe vexetal, ricos en proteínas, mediante a comprensión das interaccións das proteínas con outros compoñentes dos alimentos.
Unha das finalidades é reducir a dependencia das importacións de soia e abaratar os custos
PorteinLeg busca dar resposta á crecente demanda de proteínas vexetais, proporcionando á sociedade unha alternativa sustentable ás proteínas de orixe animal. Ademais, deste xeito poderase reducir a elevada dependencia da gandaría ás importacións de soia, a principal fonte de proteínas empregada actualmente para a elaboración de pensos.
O Grupo Operativo aposta polo cultivo de proximidade das variedades tradicionais de leguminosas, actualmente relegadas a un segundo plano pola agricultura intensiva centrada no cereal e as importacións.
Novos pensos para animais
A través dos diferentes resultados obtidos, lográronse desenvolver pensos cunhas características analíticas similares ás dos pensos comerciais e cuns prezos máis alcanzables. Están a ser actualmente avaliados fronte a outros comerciais e analizando o comportamento dos animais tanto en calidade como en cantidade de carne, así como en benestar animal.
O obxectivo desta última etapa do proxecto foi avaliar o comportamento produtivo dos pensos ProteinLeg formulados para a fase de cebo de pitos e porcos de crecemento lento. Para iso, comparáronse os parámetros produtivos, de benestar animal e de calidade da carne obtidos tras alimentar aos animais cos pensos creados respecto dos comerciais comúns.
Aumento das ganancias diarias na cría de aves e porcos de crecemento lento
Tras os ensaios realizados en produción avícola, obtívose que os pitos de crecemento lento (Galiña de Mos) alimentados con este penso tiveron unha maior ganancia media diaria nas aves de ambos os sexos. Por outra banda, durante o cebo de porcos de crecemento lento (Porco Celta) a administración do penso aumentou de xeito significativo a ganancia media diaria nos porcos de ambos os sexos. Ademais, observouse unha mellora no rendemento da canle.
Para ambos os tipos de animais, cando se alimentaban cos pensos PorteinLeg, o perfil de acedos graxos mellorou, incrementado os ácidos graxos insaturados e diminuíndo os saturados. Por último, observáronse aumentos significativos na porcentaxe de aminoácidos esenciais nos animais alimentados co penso.
Produtos para consumo humano
Outra das actividades desenvoltas é a creación de produtos para a alimentación humana saudables, saborosos e sustentables a partir de leguminosas. Tras diversas probas, obtívose un prototipo cunha textura similar ao peixe e un sabor moi semellante ao atún. En canto ao valor nutricional deste prototipo, destaca o seu alto contido en proteína e en ácidos grasos omega-3. Para analizar a aceptación deste prototipo, realizáronse varias catas e degustacións, de onde se extraeu a conclusión de que a súa introdución ao mercado é viable. Así mesmo, trátase dun produto apropiado para o escalado industrial.