Dende pensos de chícharo ata snacks de soro lácteo: Así son algúns dos proxectos nos que traballa a Fundación Empresa -Universidade Galega
A Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), deu a coñecer as iniciativas nas que traballa para establecer liñas de negocio en torno a produtos, residuos e subprodutos do campo e o mar. Os proxectos execútanse a través de grupos operativos nos niveis rexional e nacional. I+D+i, xestión integral e divulgación son os tres piares sobre os que pivota o traballo dos grupos

A Semana Verde de Galicia foi o escenario elixido para a presentación de resultados e avances dos diferentes grupos operativos nos que está a colaborar a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA). Na actualidade, están inmersos en 6 grupos operativos autonómicos, 1 proxecto da Convocatoria Nexos 2025 de GAIN e 15 grupos operativos supraautonómicos.
Beatriz Moure, Beatriz Calviño, Gabriel Santos, Adrián Prol e Ignacio Barroso son xestores en innovación e proxectos nacionais de FEUGA e foron os encargados de realizar as presentacións dos diferentes grupos operativos. Feuga é membro da Rede PIDI do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación.
Os técnicos explicaron que os grupos operativos son actores principais da implementación da AEI-Agri (Asociación Europea de Innovación en agricultura produtiva e sustentable). E que son ferramentas clave na execución do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC) 2023-2027 para impulsar a innovación no sector agroalimentario e forestal no ámbito europeo.
Unha das vantaxes dos grupos operativos é que afrontan os problemas e proxectos dende ópticas e disciplinas moi diferentes
“Trátase de agrupar axentes de diferente perfil con intereses comúns. Agricultores, gandeiros, empresas, centros de investigación ou de formación e divulgación, que se asocian para poñer en marcha un proxecto de innovación co obxecto de dar unha resposta conxunta e multisectorial a un problema ou necesidade.”, dixeron.

Beatriz Moure (esquerda) e Beatriz Calviño explicaron o funcionamento xeral dos grupos operativos nos que traballa FEUGA
Os proxectos nos que FEUGA colabora na actualidade artéllanse en cinco grandes bloques:
1- Valorización de subprodutos agrogandeiros
2- Solucións innovadoras para mitigar os efectos do cambio climático
3- Innovación forestal e aplicación de novas estratexias na xestión de recursos
4- Aplicación de estratexias innovadoras no ámbito vitivinícola
5- Impulso á dixitalización e a sustentabilidade no sector agrogandeiro
Se ben os cinco bloques son esenciais para o desenvolvemento rural, os técnicos de FEUGA comezaron dando máis relevancia a aqueles que poden ter unha influencia máis global no sector agrogandeiro e entre o conxunto da poboación rural.
Valorización de subprodutos
Dentro dese primeiro bloque atópase o proxecto Simbav (simbiose agroavícola) que busca a modernización do sector a través de estratexias de dixitalización e de economía circular. Un proxecto que xorde do feito de que a carne de ave supón o 40% do consumo mundial e de que España é o segundo produtor europeo de polo e o quinto de pavo.
O que se persegue é a valorización de dexeccións xeneradas en explotacións avícolas de polo e de pavo e residuos agrícolas (restos de poda de videira) para o seu aproveitamento enerxético en forma de biocombustibles e biofertilizantes.

Maxi-CoberLEG é un proxecto para mellorar a sanidade e produción de cítricos mediante cubertas vexetais de altramuz galego
Para eso, contrólanse os procesos produtivos dixitalizándoos, mellorando as condicións de benestar animal e os consumos ligados a esas condicións, para implantar un sistema de xestión intelixente que facilite a toma de decisións. E todo mediante accións de economía circular para reducir o impacto medioambiental e o consumo de enerxía e auga.
A economía circular, a creación de emprego no rural e a redución de impactos medioambientais están presentes en boa parte dos proxectos
Os resultados que se agardan van na liña de reducir o número de baixas nas granxas a través a eficiencia enerxética; a recuperación de todo o potencial enerxético dos residuos e o seu uso en todo o sector; a redución do uso de fertilizantes non orgánicos e do emprego de auga de rede.
Olivebiome é outro proxecto de revalorización de residuos. Neste caso para o desenvolvemento biotecnolóxico de pre e probióticos para alimentación de aves e porcos a partir de fibras dos restos que quedan ao moer as olivas para facer aceite.
Así, o que se fai é caracterizar quimicamente a fibra das oliveiras e outros subprodutos hortícolas, avaliando a capacidade prebiótica e fermentativa. E establecer un modelo de fermentación que permita optimizar o crecemento de cepas probióticas.
Tamén se desenvolve o escalado dun biorreactor para a produción semi-industrial de probióticos e medir o impacto dos pre e probióticos sobre a súade intestinal de animais de granxa e o seu efecto na redución de antibióticos. E, finalmente, promover unha xestión sustentable dos subprodutos da oliveira, mediante a implementación dun modelo de economía circular na industria oliveira española.

Gabriel Santos (esquerda) e Adrián Prol describiron en detalle os avances e obxectivos dalgúns dos grupos operativos
Agri-Resval busca empregar residuos de agricultura vertical para obter extractos naturais de alto valor para conseguir unha maior vida útil dos produtos de pesca conxelados. Para eso estanse a empregar descartes e restos de néboda, que teñen un alto poder antioxidante.
Traballamos como catalizadores para estreitar lazos e fomentar a transferencia de tecnoloxía e innovación
Polo de agora, os mellores resultados obtivéronse na conservación de langostinos. Agora estanse a comparar a efectividade dos antioxidantes naturais e a dos sintéticos. O seguinte paso será avaliar en produtos pesqueiros conxelados a capacidade de escalar máis alá dos laboratorios e de transferir os resultados ao sector e comprobar a súa capacidade de replicabilidade.
No caso de Alganut, a finalidade é impulsar solucións nutricionais innovadoras baseadas en macroalgas para mellorar a saúde, eficiencia produtiva e calidade dos produtos, reducindo emisións e aproveitando recursos locais cun enfoque de economía circular.
Búscase desenvolver suplementos ricos en selenio e outros minerais a base de macroalgas para gando vacún que reduza as emisións de metano. E tamén suplemento para aves que mellore a saúde e a produción. Para eso selecciónanse as macroalgas, axústanse os protocolos para servirllas aos animais e vaise actuar en función dos resultados dos ensaios.
Biomarterra céntrase en determinar o efecto da aplicación de bioestimulantes elaborados con algas a estreses abióticos e bióticos en variedades autóctonas de horta, pataca e viña. O proxecto xorde nun contexto climático que somete a estrés as plantas e de abundancia de descartes sen uso na industria das algas. Unha opción que ten no punto de mira a xeración de oportunidades económicas nas comunidades costeiras grazas á diversificación do uso de algas mariñas.
Ofrecemos dende a busca de financiación á creación de consorcios ou a tramitación de propostas
O grupo operativo -totalmente galego- aspira a demostrar o efecto beneficioso dos bioestimulantes elaborados con algas mariñas nas situacións de estrés abiótico (altas temperaturas, seca e salinidade) e biótico (ataques de fungos patóxenos) en distintos cultivos de interese para Galicia. O uso de bioestimulantes pode reducir a dependencia de insumos químicos e pesticidas agrícolas. E fortalecer o sistema inmunolóxico das plantas e a absorción de nutrientes.

A revalorización e mitigación de impacto dos xurros está presente en diferentes grupos operativos
Os soros lácteos e a fariña de castaña son os produtos empregados en SueroVal. Basicamente, o que se fai é desecar soros de queixería e, en combinación coa fariña, elaborar unha nova gama de produtos: barriñas funcionais, copos e snacks. Para eso, emprégase un deshidratador híbrido solar de pegada de carbono case nula.
Os lactosoros e as castañas non aptas para venda pasarían así de ser residuos a converterse en alimentos de alto valor engadido. Os soros dos ensaios proceden da Queixería Castelo, da DOP Cebreiro. Polo de agora empregáronse dous deshidratadores de soro diferentes, con resultados tamén diferentes.
O traballo realizado levou a elaboración de receitas para uns produtos equilibrados, nutritivos e de óptimo perfil sensorial. Tamén se realizaron catas para determinar a apariencia, textura, sabor e grao de aceptación global. E fíxose unha caracterización nutricional parella ás medicións da posible vida útil dos alimentos.
Mitigación do cambio climático
Se ben englobado no apartado de mitigación do cambio climático, o grupo operativo Guiprogal ten como base os residuos das colleitas de chícharos como son vainas e ramallos que non tiñan utilidade. O que se pretende con eles é elaborar pensos de calidade para alimentación de gando bovino e de persoas.
Paralelamente, buscan recuperar e validar o potencial agronómico e tecnolóxico de castes tradicionais de chícharo a través da avaliación en climas controlados, permitindo unha selección segura de cultivares rexionais ben adaptados e avaliados en diferentes localizacións.
Documentamos e presentamos ante as distintas administracións públicas todos e cada un dos pasos que se dan nos grupos operativos
Aínda que os resultados principais se van producir en Valencia, FEUGA quixo estar presente no grupo operativo Maxi-CoberLeg. A mellora de rendementos no cultivo de cítricos é o obxectivo final. Para acadalo, empregan leguminosas como cultivos de cobertura nas plantacións.

FEUGA estivo presente na Semana Verde cun stand informativo
O que se pode obter é unha mellora dos solos a través da retención de agua e de nutrientes; a prevención de erosión e conseguinte aumento de materia orgánica e da actividade microbiana e fixación de nitróxeno. Tamén diminúe a aparición de pragas. A aportación galega céntrase no emprego de altramuces propios de Galicia na cobertura dos solos.
Olivitech é un Grupo Operativo Supra-autonómico para a mellora da predición de enfermidades fúnxicas e a redución do número de tratamentos químicos nos olivares. Van utilizar captadores aerobiolóxicos automáticos que permitirán monitorizar a concentración de esporas no olivar a tempo real e enfrontar con ferramentas preditivas como o repilo, o emplomado ou a antracnosis.
A creación de emprego agrícola xoven, cualificado e diverso é un dos obxectivos principais de FEUGA
Olivitech despregará técnicas de minería de datos para desenvolver unha ferramenta de alerta temprana sobre o risco de infección e recomendacións adaptadas a cada olivar sobre os tratamentos a implementar. Tamén se vai avaliar o impacto do cambio climático sobre a produción de oliva. E coa mira posta en crear un sector máis sustentable e competitivo reducindo os tratamentos e mellorando a calidade do froito.
O bloque de mitigación do cambio climático complétase co grupo operativo Aquapur. Un proxecto no que participan 7 entidades de Cataluña, Aragón e Galicia. Impulsar sistemas innovadores de xestión de xurros que permitan obter auga reutilizable e produtos de valor agronómico, adaptándose a cada territorio é o obxectivo do grupo.
Os resultados que se agardan obter en Aquapur pasan por elaborar un Manual de selección das tecnoloxías adaptadas a cada granxa. Os sistemas de tratamento buscan a obtención de produtos de alto valor agronómico, a recuperación do 70% da auga presente no xurro e o incremento da transferencia de coñecemento ao sector. E, en último termo, a mellora da percepción social do sector.
Divulgación
E é que, segundo explicaron os técnicos de FEUGA, a divulgación das actividades dos grupos operativos é tan importante como calquera outro paso do traballo. Porque, insistiron, as accións só teñen sentido se o conxunto da sociedade as coñece e se resultan de utilidade para quen as vai aplicar.
Nesa liña, cada un dos grupos ten establecido unha serie de destinatarios aos que se debe informar de cada paso que se da. Mediante medios de comunicación, redes sociais, cartelería e calquera outra ferramenta divulgativa.
En todos os grupos operativos dos bloques de valorización de subprodutos agrogandeiros e de solucións innovadoras para mitigar os efectos do cambio climático, agricultores, gandeiros cooperativas e empresas especificamente dedicadas ao sector son -xunto cos consumidores finais- os destinatarios principais.
Pero sen esquecer as administracións públicas e as universidades e centros de investigación. E, pola propia natureza de FEUGA, é necesario achegar a información ao maior número posible de empresas que teñan algún vencello coa materia obxecto de traballo de cada un dos grupos operativos.



