Biohidróxeno a partir de residuos de eucalipto e cebada

Un equipo da Universidade de Vigo traballa en biocombustibles respectuosos co medio ambiente e desde un enfoque de economía circular

Equipo da UVigo que forma parte do proxecto. Imaxe cedida


Un equipo do Departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Vigo desenvolve na Facultade de Ciencias do campus de Ourense o proxecto estatal WasteToBioH2. O seu obxectivo é avanzar na produción de biohidróxeno a partir de residuos de eucalipto e cebada, empregando procesos respectuosos co medio ambiente e desde un enfoque de economía circular.

O obxectivo WasteToBioH2 é investigar a produción de biohidróxeno a partir de biomasa lignocelulósica de carácter residual, empregando tecnoloxías sostibles e respectuosas co medio ambiente. Concretamente céntrase en residuos de eucalipto e residuos de palla de cebada, que son, indican os responsables do proxecto, “os residuos forestais e agrarios máis abundantes en España”. Trátase, sinalan, “de buscarlle un valor engadido a eses residuos, que actualmente, no caso do eucalipto, empréganse de xeito habitual como biomasa para combustión, por exemplo na planta de Teixeiro (Greenalia) ou nos propios procesos de Ence. Outra opción que adoitan empregar os propietarios é trituralos e incorporalos ó solo como abono.

O proxecto comezou en setembro de 2023 e prolongarase ata 2026. Está dirixido por Gil Garrote, do grupo Planta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos, e Andrés Moure, do grupo EQ2, ambos membros do Departamento de Enxeñaría Química da UVigo. O equipo de investigación complétase cos membros da Área de Microbioloxía María José Pérez e Luís Alfonso Rodríguez e coas investigadoras e investigadores Pablo García del Río, Pedro Ferreira, Alba Pérez e Beatriz Rodríguez. De fóra da Universidade de Vigo están Carlos Orestes Martín (Inland Norway University of Applied Sciences, Noruega) e Lucília Domíngues (Universidade do Minho, Portugal). No aprovisionamento da materia prima para o proxecto colabora a empresa Ence.

Traballos en laboratorio. Imaxe cedida

O hidróxeno, explican Gil Garrote e Andrés Moure, “é un vector enerxético que ten moitas vantaxes para o seu uso como carburante en vehículos, substituíndo aos carburantes de orixe fósil, como o demostra o interese crecente de distintas administracións e empresas”. Actualmente, a meirande parte do hidróxeno prodúcese a partir de combustibles fósiles, especialmente gas natural, pero tamén a partir de petróleo e carbón, por métodos químicos; e menos do 5 % por electrolise do auga. “A nosa proposta é diferente: é obter o hidróxeno a partir de biomasa vexetal residual mediante microorganismos”, afirman.

Para acadar os obxectivos, os investigadores da UVigo detallan que no proxecto primeiramente traballan no acondicionamento da biomasa vexetal “mediante tratamentos novidosos e respectuosos co medio ambiente como a autohidrólise asistida por microondas ou o emprego de disolventes eutécticos”. Despois esta biomasa tratada emprégase como “alimento” de diversos microorganismos, que a descompoñen en diversos compostos, entre eles o hidróxeno. É dicir, as fraccións de polisacáridos obtidas son fermentadas con microorganismos e empregando diversas estratexias, obtendo unha mestura de compostos entre os que destaca o hidróxeno. “Esta é unha vía máis ‘verde’ para producir o hidróxeno, de aí o nome de biohidróxeno”, conclúen.

Comments are closed.