“Sen axudas, para as empresas pequenas é moi difícil incorporar investigadores ao cadro de persoal”

Distintas empresas galegas que traballan no ámbito agroalimentario e forestal contan a súa experiencia no desenvolvemento de innovación nos seus procesos produtivos e a súa relación coa universidade no primeiro Congreso Ibérico da Mocidade Investigadora do Campus Terra

Un momento da mesa de empresas na última xornada do Congreso Ibérico de Mocidade Investigadora

Mesa de empresas na última xornada do Congreso Ibérico de Mocidade Investigadora celebrado en Lugo

A mesa redonda Colaboración universidade e empresa: raíces para un futuro sostible pechou este mércores o I Congreso Ibérico da Mocidade Investigadora do Campus Terra que xuntou esta semana en Lugo a persoal investigador de universidades galegas, portuguesas e iberoamericanas de países como México, Brasil ou Paraguai.

O director da Área de Estratexia Científica da USC, Emilio Martínez Rivas, salientou que a Universidade de Santiago “é o maior centro de investigación de Galicia, con máis de 3.000 persoas adicadas a este ámbito”.

Pero a mesa que serviu para pechar o Congreso quixo mostrar que “en Galicia non só se está a facer investigación e innovación nas universidades, senón tamén nas empresas” e as posibilidades, dixo, que esta colaboración pode aportar.

A propia Universidade está a fomentar a transferencia de innovación cara o mundo empresarial e, de feito, dúas das empresas participantes no encontro, Tastelab e 3edata, xurdiron como spin off no seo da Universidade de Santiago, que segue a manter a súa parte no capital social destas compañías.

Tecnoloxía punteira ‘made in Lugo’

Tastelab é unha empresa especializada en análise sensorial única en España, creada fai 9 anos por 4 socias, tres delas profesoras da USC. Ofrecen servizos de consultoría a distintas compañías do sector agroalimentario para mellorar a calidade e a aceptación dos seus produtos entre os consumidores.

Entre os seus clientes atópanse empresas como Pascual, Casa Terradellas, Estrella Galicia, Central Lechera Asturiana, Pescanova, COVAP, Quescrem ou Candelas que teñen implementado sistemas de control de calidade que teñen en conta parámetros sensoriais concretos nos seus produtos. “Non sae ningún lote de cervexa da fábrica de Estrella Galicia que non fora testado para asegurar que a calidade sensorial do produto é a desexada”, exemplifica Maruxa García, CEO de Testlab.

Sensebit é un software de análise sensorial que predice e analiza os gustos dos consumidores en relación a un produto que vai saír ao mercado

Nos últimos anos desenvolveron un software propio, Sensebit, que permite aos seus clientes realizar os seus propios paneis de cata, facer análise de datos e tomar decisións. “Lánzanse moitos produtos ao mercado e moitos deles fallan, pois non chegan ao ano de vida. Nós somos un apoio para que antes de saír ao mercado as empresas se aseguren de que o produto vai gustar. Só hai 4 software deste tipo en todo o mundo e estamos xa en 9 países grazas a esta tecnoloxía”, explica.

No caso de Nigal (Nova Empresa Galega), é unha start up de Ribadeo creada hai 4 anos por dous matemáticos, Lara Neira e Adrián Rodríguez, que tras estudar na USC e doutorarse no estranxeiro volveron a Galicia para “crear valor empregando o noso coñecemento na nosa terra”, di Lara.

Especialistas en matemática aplicada, adícanse a dar solucións de intelixencia artificial aplicada ao sector agroalimentario e forestal. “Provemos ás empresas solucións de intelixencia artificial útil que lles permite mellorar procesos e aforrar custos”, explica.

Libatio permite controlar a calidade e o volume do viño en tempo real mellorando a toma de decisións mediante solucións personalizadas de intelixencia artificial

Traballan en sectores estratéxicos en Galicia, como o vitivinícola ou o forestal, con ferramentas para a monitorización de barricas e tanques de viño e licores (Libatio), xestión de residuos (Lixo), cortas de madeira (Notifor), etc.

“Libatio xurdiu dun proxecto de I+D+i apoiado por Europa no que conseguimos que o enólogo e os equipos técnicos das adegas poidan ter en tempo real información do volume e a calidade do viño sen teren que andar destapando as barricas, reducindo deste xeito as horas de traballo de baixo valor engadido, diminuíndo as perdas mediante a detección de anomalías como o velo na superficie do viño en tanque e axudando a tomar mellores decisións durante a fase de maduración do viño”, explica Lara, CEO de Nigal.

Outra empresa tecnolóxica nacida no seo do Campus Terra é 3edata que traballa nos eidos da xestión territorial e a conservación do medio natural. Foi fundada no ano 2016 como unha spin off da USC e prestan servizos en media ducia de países europeos e en varios países africanos.

“Traballamos con sistemas de información xeográfica e de teledetección, facemos un escaneo do territorio, capturamos uns datos e analizámolos. Iso permite facer planificación e xestión de recursos e espazos naturais. Os nosos clientes oriéntanse sobre todo cara ao sector público, porque é quen ten a responsabilidade na xestión do territorio, pero estamos diversificando cara outros sectores, como empresas de eólicos ou do sector forestal”, explica Marcos Rubinos, CEO da compañía.

3edata ofrece solucións de enxeñería e teledetección a partir da captación e o análise de datos medioambientais para mellorar a xestión do territorio e dos recursos que hai nel

“Cando montamos a empresa eramos case todos enxeñeiros de montes e hoxe temos programadores e informáticos, porque a información dispoñible é cada vez maior e o reto está na xestión de grandes volumes de datos”, asegura. 3edata dispón de ferramentas e modelos para a medición de biomasa ou a realización de inventarios forestais, así como para a teledetección de pragas en masas arboradas ou en viñedos. “É posible poder medir en segundos a cantidade de madeira que hai no monte, algo que a unha persoa por métodos mecánicos lle pode levar un montón de horas”, exemplifica.

É unha saída o mundo da empresa para os investigadores e os novos doutores?

Máis aló da posibilidade de autoemprego mediante o emprendemento, as empresas ofrecen cada vez máis oportunidades laborais para os investigadores dentro dos seus cadros de persoal, aínda que Manuela Buján, da empresa Porto-Muíños, adicada ao procesamento e comercialización de algas mariñas galegas, recoñece que “sen axudas, para as empresas pequenas, é moi difícil incorporar doutores con función de investigación á plantilla”.

A compañía de Cerceda conta cun departamento de I+D+i e está avanzando en varias liñas de investigación, como aproveitar os descartes para fabricar fertilizantes agrícolas ou produtos de alimentación animal ou a posta en marcha de plantas experimentais de cultivos de algas, tanto en terra como no mar. “A alga é xa un produto habitual nos supermercados e temos que pasar de ser recolectores a produtores”, defende Manuela.

No seu caso, optaron pola figura dos Doutorados Industriais, un tipo de axudas previstas para a formación dentro da empresa. “Nós temos licenciados traballando dentro da empresa que agora están facendo o doutorado con nós. Ás veces é un problema coller a doutorandos que veñen directamente da Universidade, porque o seu obxectivo é publicar artigos e a nós como empresa non nos interesa publicar, porque dás pistas acerca daquilo no que estás traballando”, xustifica.

No caso de 3edata, seguiron unha estratexia diferente: “captabamos fondos europeos de proxectos Life ou Horizon para desenvolver produtos de software que despois comercializabamos”, explica Marco.

Nos últimos anos optaron tamén por solicitar as axudas Torres Quevedo que convoca anualmente o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades a través da Agencia Estatal de Investigación.

No caso dos doutores, moitas veces sempre están coa vista posta en volver á Universidade

“Cando ti incorporas a unha persoa á túa empresa sempre valoras o tempo e custo de formación desa persoa, porque non vai ser produtivo desde o primeiro día. Entendes que nun doutor ese tempo de formación vai ser menor, pero o doutor ás veces o que busca é a excelencia, sen valorar o tempo, e a empresa quere resultados a curto prazo. A empresa non quere o mellor coche do mundo, senón un coche que poida mercar o seu cliente”, exemplificou.

Marco recomendou aos estudantes e investigadores postdoutorais presentes no saló´n de actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo, onde se desenvolveu o acto, que sigan formándose ante a “necesidade de actualizarse continuamente”. “Os que estades estudando agora tede por seguro que o que aprendedes hoxe dentro de 5 anos está obsoleto”, asegurou.

Manterse activo en redes sociais para profesionais, como Linked in, é esencial a día de hoxe para que un investigador poida atopar traballo nunha empresa

Lara Neira, de Nigal, que estudou e traballou en Dublin, considerado o Silicom Valey de Europa, recoñece que “o curriculum é a túa carta de presentación á hora de obter apoio institucional ou de investidores ao teu proxecto” pero que “máis aló da formación ou a experiencia, o factor humano é o máis importante”. “Hai doutorados que fan ese doutoramento moi en solitario e esa dinámica de traballo ás veces é un problema á hora de incorporarte a un equipo dentro dunha empresa”, asegura.

Comments are closed.